Os recortes brutais e a agresión á clase traballadora


Este partido vén de emitir un comunicado de prensa pertante os últimos acontecementos no Estado. O noso voceiro, Xosé Manuel Pazos, foi o encargado de facer pública esta declaración.

Ningunha organización política, sindical ou movemento social que se prece como tal, pode ficar en silencio diante dos recortes brutais ó estado social e de dereito que o Goberno actual do Estado Español vén de acometer coa escusa de sempre: os mercados, a prima de risco, a troika e un longuísimo etc. co que intentan camuflar, en realidade, unha planificación consciente do ultraliberalismo gobernante: acabar coas conquistas da clase traballadora europea conseguidas a base de loitas centenarias.

En efecto, o goberno do PP vén de aprobar dunha tacada e sen rubor ningún unha suba indiscriminada do IVE reducido e xeral, un aumento dos impostos especiais, a supresión da dedución por compra de vivenda (como se o dereito á vivenda non fose un dereito constitucional), a redución da prestación por desemprego (nun ataque frontal ós parados/as, que semella que están nesa situación polo seu gusto –que se fodan!, que dixo a filla do Fabra, sen que ninguén a sancione), a retirada da paga de Nadal ó funcionariado (que axiña se ha estender a toda a clase traballadora, senón tempo ó tempo), o retraso acelerado na idade da xubilación, a redución das prestacións á dependencia... E para que seguir?... Medidas todas dirixidas especificamente contra a clase traballadora á que se pretende facer paga-los excesos da banca, das promotoras inmobiliarias, dos delincuentes fiscais e demais amizades do partido gobernante.


 Porque hai que lembrar que estes recortes brutais van acompañados por unha amnistía fiscal para branquear capitais amasados á marxe da lei. Ademais non se reflicten (os recortes) nas axudas á igrexa, nos gastos militares, nos cuantiosos orzamentos do Senado (cemiterio de elefantes sen utilidade ningunha), nos orzamentos da casa real (en que gastan os cartos?), nas Deputacións Provinciais (celebérrimos niños de caciques) nin nos diferentes chiringos do Estado e das distintas Administracións Públicas. Onde recortamos e onde cargamos? Onde máis lle doa á clase traballadora, para que ademais se asuste e proteste pouco.
Mención aparte merece o pretendido aforro económico coa redución de cargos electos nas Administración Locais. A cidadanía ten que saber que a inmensa maioría dos concelleiros/as das Corporacións Locais non cobran salario ningún (máis aló do mangoneo dalgunhas “grandes cidades”) e, polo tanto, o que se persegue coa redución dun 30% de concelleiros/as nas corporacións municipais é realmente elimina-la pluralidade política poñendo trabas á representación dos chamados (por eles) "partidos minoritarios" e potenciando un bipartidismo desigual no que a dereita leva sempre as de gañar xa que a esquerda é máis plural e está máis dividida.

Estes recortes aprobados polo goberno estatal do PP supoñen o ataque máis grande perpretado por ninguén contra os dereitos da clase traballadora e contra a esencia mesma da democracia desde a ditadura franquista. Por tanto, asitución require dunha resposta contundente por parte de toda a cidadanía.

Facemos, pois un chamamento a tódalas organizacións políticas de esquerdas, sindicatos, organizacións sociais e movementos cidadás (indignados/as, afectados/as polas hipotecas, estafados/as pola preferentes... -que o mal de uns é o de todos/as-) a organizar unha resposta contundente e coordinada, que nos una e non nos divida para facerlle ver de xeito explícito a este goberno, escravo de bo grao das políticas ditadas pola especulación financieira, que contra todo un pobo non han ser quen de gobernar, nin sequera cunha maioría absoluta conseguida a base de mentiras. 

Aproveitamos esta conxuntura pra vos lembrar que pra este mércores 18 de xullo están convocadas xa dúas concentracións de resposta. A primeira delas será ás 12 da mañá diante da Delegación da Xunta de Galicia, no Areal (Vigo). A outra terá lugar en Cangas, diante da Casa do Concello, ese mesmo día ás 8 da tarde.

Non se pode faltar.