PP-Faroa Lagoa sentencian a desaparición do Conservatorio cunha suba nas taxas en máis do 300%

1.- Pais, nais e usuarios do Conservatorio de Música reclamaron diálogo 2.- ACE espera que se cumpra o novo acordo relativo á depuradora 3.-Pazos e Abalo cargan contra o goberno por se-los responsábeis do destrución do casco vello 4.- O novo hospital de Vigo sairá máis caro e non vai cubri-las necesidades da nosa comarca 5.- O crédito pra o pagamento das empresas locais supón un forte endebedamento 6.- A ordenanza municipal sobre animais de compañía aprobada polo goberno incumpre a Lei 1/93 7.- Retirada da axuda no fogar e vindicación sen paliativos da lingua galega 




1.- Pais, nais e usuarios do Conservatorio de Música reclamaron diálogo

Na sesión plenaria de onte, 4 de maio do 2012, o goberno cangueiro introduciu como moción de urxencia unha proposta pra a súa aprobación claramente inadmisíbel pra os responsábeis da ACE e de toda a oposición. Trátase dunha suba das taxas pra os matriculados superior ó 300%. Ante unha salón de plenos ateigado de veciños, boa parte deles usarios e proxenitores do Conservatorio de Música, Xosé Manuel Pazos reclamoulle ó goberno que abrise unha vía de diálogo cos afectados denantes de levar a cabo ningunha aprobación. Todo en van malia a petición dos interesados secundada por tódolos grupos de esquerda.

O noso voceiro recordou que é xa un costume deste goberno tomar medidas drásticas sen seguir uns parámetros democráticos. Pra mostra disto deixamos contancia da posta en dúbida do señor Gestido (concelleiro de Cultura) do nivel de intelixencia do público que irremediabelmente se ían posicionar a prol da oposición contra unhas taxas tan anti-populares. Tanto este concelleiro como o seu grupo nin tan sequera aceptaron iniciar unha mesa de diálogo cos afectados a partir dunha suba do 20%. Mal empeza este concelleiro a súa andaina cara a dirección local do PP agora que ten o propio Sotelo de fronte. Pazos solicitoulle que deixase de lle pedir solucións ós pais dos usuarios e recordou que a Fundación Cangas Deporte tampouco cubre os gastos.

Pazos denunciou o perigo que corre o Conservatorio ou outras entidades con estas políticas de dereitas que contemplan inherentemente os gastos sociais coma un desperdicio. Mais en realidade todos sabemos que é un investimento pra o avance da nosa comunidade. Un desperdicio en tal caso, recordou o señor Pazos, é o levantamento faraónico da Cidade da Cultura na capital do noso país. 

Do que non hai dúbida, e así o pensamos dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas, é que o Conservatorio de Música Municipal de Cangas recolle unha parte da educación á que todo o mundo ten dereito. E con estas medidas o bipartito o único que vai ocasionar é, primeiro, que estes estudos se convirtan en elitistas e, logo, que desaparezan porque non vai haber ninguén que poida asumir eses gastos. Un dos representantes dos usuarios xa recordou onte que, ademais das taxas de matrícula, hai que contar tamén con multitude de gastos adicionais como o que pode acarrexar a compra e mantemento do instrumento musical ó que se dedique o alumno en cuestión.

O noso voceiro, nun contundente discurso, quixo deixar clara a aberrante medida sacando á palestra as cifras desta desfeita no plano cultural e formativo do noso municipio. Co incremento que propón o goberno, as taxas por ano pasarían no curso de iniciación de 105 a 600 euros anuais. No modalidade profesional estariamos falar dunha suba que chegaría nada menos que ós 900 euros. Outros dos datos rechamantes e inadmisíbeis da proposta do goberno e devolver só o 50% da matrícula retirandose un alumno antes de comeza-lo curso. É dicir, que sen gozar de ir (imaxinemos as consecuencias dun grave accidente ou os efectos dunha hipoteca) nin tan sequera a unha sesión só serían devoltos a metade dos custos da matrícula. Pra o noso partido é evidente que este goberno, en liña co que se fai dende España, queren cargarse os servizos básicos.

Non perdemos ocasión de colocar algunha alternativa pra que o bipartito non teña que xustificar esa suba nas taxas tan absurda. Nese sentido Pazos recordou que as subvencións públicas son mínimas e, tendo na Xunta e no Estado gobernos amigos, ben poderían presionar dende o bipartito cangueiro pra que ofrecesen unha cantidade superior a eses rídiculos 25.000 euros que se nos outorga entre Deputación e Xunta diante duns gastos de máis 300 mil euros ós que hai que facer fronte. Non é un ensino obrigatorio pero está regrado ademais de ser enriquecedor como o que ten toda sociedade culta e avanzada que se precie. Pensamos que a materia da Música, como o cultivo doutras artes e disciplinas, é importante na educación integral das persoas. E estas taxas o único que supoñen é un atentado e unha puñalada ó noso conservatorio municipal de música. Polo seu lado, un representante das nais e pais dos usuarios do conservatorio tamén quixo facer pública unha súa proposta: no Auditorio, lugar onde se imparten estes cursos, utilizar só a sala de exposicións, situada na parte superior do edificio, se iso supuña un maior aforro. Este voceiro dos afectados seguiu arremetendo contra o goberno cun discurso certeiro que provocou un estrondoso aplauso do público ó que se sumou o noso concelleiro Mariano Abalo.



2.- A ACE espera que se cumpra o novo acordo relativo á depuradora

Unha das nosas mocións levadas ó pleno de onte foi a relativa á Depuradora (EDAR). Mariano Abalo volveu incidir en que é unha das cuestións graves que ten pendentes o noso concello e que debe se-la administración autonómica a que asuma a súa xestión.O noso histórico concelleiro lembrou que no pleno de outubro do 2011 aprobarase unha moción presentada pola propia ACE na que se recollía que, nun prazo de seis meses, o goberno local asumise o compromiso de instar á Xunta pra que se fixese cargo desta depuradora. Antes diso vimos co tempo que o millóns de euros investidos non serviron pra absolutamente nada. Abalo recalcou que o noso partido non quere entrar nun xogo político. O que non quere a Alternativa Canguesa de Esquerdas é que a UE nos volva sancionar por contamina-la ría. Foi o noso o primeiro partido que presentou e reclamou solucións pra a Estación Depuradora de Augas Residuais. E o goberno non se pode eximir da responsabilidade de cumprir cos acordos dunha moción aprobada cos seus votos favorábeis. Asemade, o bipartito ten a obriga de informa-los concelleiros e á veciñanza de como van os procedementos se os houber.

Abalo lembrou que o funcionamento das depuradoras é un problema de calado global e que a neglixencia pode estar a afectar ós elementos cadea alimentaria, á sanidade das nosas augas e as nosas condicións biolóxicas en xeral. Por ter esta enorme importancia asegurou, en nome da Alternativa, que o noso concello ten que lle esixir á Xunta que se comprometa a xestiona-la EDAR e a marcar uns prazos irrevocábeis pra levar a cabo tanto este proceso como o conveniente investimento.
Finalmente a ACE acada un clima de consenso aprobándose a moción tras uns retruques co concelleiro Jesúa Graña que teimaba en cuestións persoais e políticas alleas ó interese público nesta materia.


3.-Pazos e Abalo cargan contra o goberno por se-los responsábeis da destrución do casco vello

Outra das nosas mocións, e esta si que non tivo a ben aprobala o goberno, foi a relativa ó cumprimento do PEPRI perante das evidentes e aberrantes irregularidades que se están a cometer no casco vello de Cangas e que xa non é a primeira vez que denunciamos. O encargado de presentala foi o noso voceiro X.M. Pazos que mostrou a disconformidade de ACE polas constantes agresións ó noso patrimonio arquitectónico e artístico. O único que pediamos nesta moción rexeitada polo bipartito era que se cumprisen as normas, é dicir, a legalidade.

A Alternativa pensa que fai falla un estudo técnico asinado por alguén que asuma a responsabilidade, e máis agora que non se está a respecta-la ordenanza. Pazos acusou o responsábel de Urbanismo de importarlle ben pouco que se estea a levanta-la pedra secular así como de padece-lo "síndrome do paseo marítimo de Sanxenxo". Asemade, o voceiro do noso grupo acusou a Faro Lagoa de dicir nun pleno que había que botar abaixo o casco vello e retranquear. Nin máis nin menos. Mariano Abalo tamén pediu a palabra pra lle solicitar ó goberno local que expulse do bipartito ó tránsfuga de UPAC pois está implicado, a nivel das súas propiedades, no incumprimento sistemático da norma que dita o PEPRI pra o casco vello. Nese sentido, o noso concelleiro xa adiantou que vai facilitar documentación que demostra que a máis de un máis lle valera estar calado.



4.- O novo hospital de Vigo sairá máis caro e non vai cubri-las necesidades da nosa comarca

Toda a oposición presentou unha moción conxunta relativa ó novo hospital pra a cidade de Vigo. Pazos solicita que se lle dea voz ós membros da Plataforma pola Sanidade Pública do Morrazo xa que foron eles os redactores da proposta. Mariano Abalo, polo seu lado, manifestou que non ten dúbida de que se todo o mundo fose coherente a nosa sociedade non estaría arestora na actual situación tanto no plano económico, laboral como sanitario. Por iso recordou que a esquerda teórica tamén ten que cumprir cando goberne e non permitir que a sanidade se convirta nun negocio.

A voceira da plataforma explicou que o novo hospital, sufrindo as consecuencias dos recortes, vai quedar con 400 camas menos das que tiña previsto e non vai valer pra cubri-las necesidade da nosa comarca. Este colectivo manifestou o seu temor de que a poboación de Cangas e Moaña non vai ser atendida no novo hospital. Por outro lado, denunciou a súa financiación que vai ser de  carácter público-privado quedando a cidadanía 20 anos hipotecada pagando a unha empresa que non vai cubri-las necesidades e saíndo o custo tres veces máis caro.



5.- O crédito pra o pagamento das empresas locais supón un forte endebedamento

A Alternativa Canguesa de Esquerdas manifestou o seu posicionamento en contra da proposta do goberno da concertación dunha operación de crédito a longo prazo que permitiría establecer unha cronoloxía encamiñada ó pagamento das empresas locais. O préstamo vai ser de máis de 10 millóns de euros e teríao que aproba-lo pleno pasando así a formar parte do orzamento xa previsto pra o ano 2012 e que foi seriamente cuestionado pola ACE.

ACE deixou claro que é fundamental que as empresas e os provedores cobren, entre outras cousas porque perigan varios postos de traballo. Nese sentido cómpre lembrar que levamos toda a lexislatura pelexando pra que ese pago se leve a cabo. Así e todo, como fixo saber Pazos, é inadmisíbel a improvisación desta medida pois non sabemos dos xuros que vai haber que pagar dende a Casa do Concello polo crédito. Xosé Manuel Pazos dununciou máis unha vez que non é de recibo que o Estado lle dea cartos ós bancos ó 1% e a banca conceda créditos ós concellos con dificultades a un 3, a un 4, 5 ou 6% de xuros. Acertadamente o noso voceiro colocou o tema de que debera se-lo Estado o que, sen intermediarios ningúns, lle proporcionase os cartos necesarios ós municipios  a uns xuros mínimos ou nulos como parte do Estado que somos. Ó noso ver, imos pasar por unha situación económica tremenda mentres a banca se vai facer de ouro e sen arriscar nada. Queremos reiterar que nos alegramos de que cobren as empresas pero non pode ser que a banca faga negocio a conta do apoio do señor Rajoy. Por iso, en consecuencia tamén con sermos contrarios ó Plan de Axuste, votamos en contra. Hai que buscar alternativas sostíbeis pra o financiamento como é o caso de chegar a asinar convenios con outras administracións xa que prestamos servizos polos que non recadamos. Hai uns meses propuxemos elaborar un plan de saneamento consensuado por tódolos partidos e partindo, dende a nosa humildade, da experiencia do noso grupo en épocas nas que tocou goberno e nas que soubo inverte-las perdas nas arcas municipais sen cargas económicas lesivas pra o contribuínte.Cómpre destacar, máis unha vez, o papel que xogara nesa altura o noso venerado experto en materia económica e traballador da banca. Referímonnos ó camarada Moncho Fernández.


6.-  A ordenanza municipal sobre animais de compañía aprobada polo goberno incumpre a Lei 1/93

Dende a Concellería de Medio Ambiente o representante do Partido Popular, Jesús Graña, trouxo a pleno unha proposta de aprobación dunha ordenanza relativa á protección e posesión de animais de compañía. Pazos pediu a palabra pra critica-lo procedemento en nome da Alternativa xa que pra a elaboración destas normas non houbo consulta ningunha con especialistas na materia animalista. A Alternativa Canguesa de Esquerdas si se tomou a molestia de falar con xente cualificada como é o caso do colectivo Libera. Dende esta respectábel agrupación informóusenos, logo de lle pasa-la proposta de Graña e o seu partido, de que esta ordenanza ten eivas inasumíbeis en tanto que incumpre a Lei 1/93 da Comunidade de Galicia onde se marca claramente que o animal ten que se-lo centro á hora de desenvolver unha normativa municipal. E a proposta dos populares non é o caso. Nela o único que se fai e copiar e pegar doutras ordenanzas antigas e desaconsellábeis. Por non contar non conta nin con exposición de motivos como se esixe pra a elaboración de calquera ordenanza. Por outro lado, non consta referencia algunha á prevención nin se contemplan accións de carácter educativo. Nestas normas pódese ver claramente como ó único que se vai e á sanción e á prohibición. Tampouco se di nada verbo de campañas de esterilización nin de control de colonias de animais como as de gatos ou cans. E menos aínda do control da canceira do Morrazo que foi branco de denuncias por malos tratos ós animais. As eivas nesta ordenanza, como estamos a mirar, non teñen fin e non hai por onde collela.

Ante esta situación tan tremebunda pra a confección da nosa lexislación municipal, e polo propio ben dos animais, o noso voceiro solicitou encarecidamente que se retirase a tal proposta e que se procedese a refacela entre tódolos grupos e contando co pertinente asesoramento especializado. Así e todo, o goberno desestima debatila e nosoutros, non sen amosar unha evidente indignación, decidimos non entrar en votación.


7.- Retirada da axuda no fogar e vindicación sen paliativos da lingua galega

Contra o final da sesión debateuse tamén unha moción que cuestionaba a retirada do servizo de axuda no fogar. Nese punto pediu a palabra Maruchi Álvarez pra criticar tamén que estas cuestións se tratasen sempre ó final do pleno e tendo que bulir no debate pra acabar a tempo. Lembremos que os plenos non deben exceder das 12 da noite e este andívolle preto.

A nosa concelleira declarou que ACE ía apoiar esta moción porque os recortes que se están a levar a cabo son bestiais. M. Álvarez suxeriu que os concellos onde goberna o Partido Popular deberan rebelarse contra a Xunta que o único que están a facer é afoga-los concellos.

Por outro lado a ACE tratou de que se aprobase unha moción de urxencia redactada pola Asemblea Nacionalista da Terra de Morrazo e que versaba sobre a defensa decidida da lingua galega nas diferentes áreas. O goberno tratou de minimiza-la problemática coa lingua saíndo con evasivas. Pazos mencionou o caso das entrevistas feitas ós nosos representantes que falan galego e que despois o xornal pasan as súas palabras ó español. Velaquí un exemplo.