Faro Lagoa "visto pra sentenza" mentres as protestas do Conservatorio inundan o Concello

1.- O PP manterá o concelleiro tránsfuga que sustenta o seu goberno  2.- Unha multitude toma a Casa do Concello pra protestar polas taxas do Conservatorio  3.- Mobilización do 2 de xuño contra as preferentes  4.- Pola defensa do ensino público  5.- As entidades bancarias pagarán polos caixeiros que hai nas rúas de Cangas



1.- O PP manterá o concelleiro tránsfuga que sustenta o seu goberno

Era a moción estrela do pleno de onte 25 de maio marcado tamén polas protestas do Conservatorio que logo abordaremos. A nosa proposta foi presentada con perfecta elocuencia e un feixe de documentación probatoria polo noso histórico concelleiro, Mariano Abalo Costa. Referímonos, como xa quedou máis que dito neste noso medio de difusión, ó noso pedimento pra que o goberno cese ó concelleiro de Obras e Servizos, Nardo Faro Lagoa, e que apoiou por completo toda a oposición. 

Abalo lamentou en nome da ACE ter que traer a pleno unha moción abordando cuestións máis propias do período pre-constitucional ou de certos países do continente africano mais o certo é que non podemos consentir este déficit democrático, este abuso de poder, caciquismo ou mesmo estar gobernados por un "freaky" ou por quen consinta que estea aí. O certo é que esa persoa tal vez sexa a menos culpábel aínda que o que si é evidente é que se move por intereses particulares. E o que non é de recibo é que non actúe nin toda a Xunta de Goberno Local nin a área de Tráfico ou Urbanismo ante aberrantes intervencións irregulares que pasou a documentar o propio Abalo. Aquí tómanse posturas políticas pasando olimpicamente dos argumentos e dos trámites técnicos e xurídicos. Pra este partido é evidente que o PP estase a dobregar ante o amentado abuso de poder e o tráfico de influencias simplemente porque está collido pola necesidade de mante-lo seu goberno.

O noso concelleiro preguntou en base a que criterios se van conceder a partir de agora as licenzas de obra en clara referencia a se para tal efecto había que mercar antes nalgunha boutique, mercería, panadaría,... en particular. Non hai dúbida de que a situación é gravísima e consentido este tipo de actuacións tamén se está a sentar un precedente enorme non habendo un trato equitativo e xusto pra os administrados. 

Con todo, malia o PP estar a tempo de se corrixir e actuar dunha vez a prol dos intereses de Cangas e dos seus veciños amosou unha postura contraria ó emendamento e agacharon máis unha vez a orella antes as execrábeis actuacións do concelleiro que os ten comprometidos.

En cuestións relativas á área de Tráfico coa que Faro Lagoa non ten nada que ver, o procedemento foi semellante e ocasinando prexuízos a terceiros como é o caso de San Cibrán. Este concelleiro dedícase a pintar, ou a mandar pintar pola súa conta e risco. E hai sancións inxustificadas a dúas veciñas que ascenden ós 600 euros cada unha. A represión, como recordou Abalo, é inadmisíbel. E se Faro Lagoa usurpa a Concellería de Tráfico a concelleira debe facer vale-las súas responsabilidades porque este edil non pode face-lo que lle dea a gana. Por iso Abalo solicitou que a Subdelegación ten que deixar sen efecto as amentadas sancións económicas a estas nosas veciñas por non se identificaren no seu propio domicilio. Este tipo de procedementos están máis próximos da volta ó Franquismo que doutra cousa.

O noso concelleiro tamén denunciou que se ten pintado este tipo de sinais noutros lugares favorecendo a xente vinculada ó PP e de forma indiscriminada. Recordamos que isto é delito e ten que ter un prezo. Non valen as cacicadas nin o capricho persoal deste individuo. Abalo lembroulle a Sotelo que non acontece nada por botaren do goberno a este individuo posto que xa sería a segunda vez e xa que, ó final, vai se-lo propio Faro Lagoa que os deixe. Nosoutros pensamos que hai que cesar a este elemento xa que o que denunciamos non é digno dun equipo de goberno. Un nutrido grupo de afectados polas actuacións deste home asentiu dende o público pedindo responsabilidades a este concelleiro e ó propio alcalde.

O concelleiro de Urbanismo do Partido Popular, Rafael Soliño, tamén interviu pra defende-la "independencia" da súa concellería e pra saír tibiamente en defensa do tránsfuga de UPAC. Abalo recordoulles ós dous que máis lles valía calar de todo canto declararon no pleno tendo en conta que as súas palabras estaban a ser recollidas en acta e cando este partido, ademais, está a asesorar xuridicamente ós veciños afectados da rúa Atranco, por exemplo. E xa non están só as actuacións de Lagoa senón que se manipularon documentos cambiando datas. etc.

Finalmente o goberno votaría en contra da nosa moción e non valeu a denuncia de Mariano Abalo de que Faroa Lagoa, ó ser parte interesada en litixio, se tería que abster. O tema, como dicimos, ha de acabar no xulgado mais o lastimoso é que despois o que ten que pagar é o pobo de Cangas e iso non debera ser así. E habería que pedir tamén a reprovación da Alcaldía como responsábel máximo do goberno que está ó tanto de todo canto está a suceder e non fai nada.

Na problemática da rúa Atranco con este señor, declarou Abalo, que no goberno teñen "o norte tan perdido que califican un camiño no oeste cando en realidade está no norte."

Abalo lembrou que non se pretendía alonga-lo debate pero deixou claro que nin Faro Lagoa nin ninguén ten o dereito de pasar por riba da Xunta de Goberno Local, nin andar con favoritismos entregando roscóns sexa a Louzán ou a quen for... Ata o te agora as sentenzas do Tribunal Supremo e do TSXG foron sempre en  contra súa.


2.- Unha multitude toma a Casa do Concello pra protestar polas taxas do Conservatorio

Antes do comezo da sesión plenaria xa había na praza un grupo dunhas 150 persoas concentradas con gran cantidade de pancartas, carteis e, sobre todo, instrumentos musicais para facer vale-las súas queixas verbo da aprobación da ordenanza que vai regula-la suba das taxas de matriculación no Conservatorio en máis dun 300% e que xa foi denunciada pola ACE no anterior pleno. Onte os concentrados, alumnos e familiares, tamén contaron co firme apoio e asistencia á concentración por parte dos concelleiros e outros membros da Alternativa diante da Casa do Concello. No ambiente tamén había algarabía e ganas de festa por iso máis dunha asistente se atreveu a marcar uns pasos ó son da música dos alumnos desta escola de música que se pretende abocar ó seu peche.


Unha vez comezado o pleno, os manifestantes procederon a se introducir no edificio pra facer acto de presenza na sesión plenara. Atopárnose en fronte á Policia Municipal a quen Sotelo ordeara que requisase tódolos instrumentos musicais. Non se fixo e a multitude subiu igualmente berrando as súas consignas ó son da música máis estrondosa. Unha vez na sala, o alcalde e o resto equipo de goberno, amais do ruído, tivo que atura-las proclamas e as peticións de sentido común por parte tanto do voceiro do colectivo como de pais e nais dos alumnos. O alcalde ó se mirar desbordado, optou por suspender momentaneamente o pleno e non fixo caso da proposta de Xosé Manuel Pazos de abrirse ó diálogo, aínda que fose noutra cita, con estes afectados por tan abusivas taxas. Todo en van, coma sempre.

Xa dende antes da chegada do xentío á sala de plenos, Pazos colocara un dos carteis na fronte do escano no que senta esixindo a retirada da devandita ordenanza e acusou ó alcalde de se parecer cada vez máis nas formas a Clara Millán. Unha veciña familiar de alumnos do Conservatorio optou por se quedar ata o remate do pleno e, cartel en man, esixiu cordura ó goberno ante semellante vulneración de dereitos e ante a privación dun ben como é o da educación. Pola nosa parte só nos queda dicir que imos continuar co apoio ás mobilizacións que realicen estes afectados e os seus familiares e imos elaborar contundentes alegacións pra que se fulmine incondicionalmente este abuso.


3.- Mobilización do 2 de xuño contra as preferentes

A moción relativa ó apoio do Concello á mobilización polas participacións preferentes contra Novagalcia Banco que vai ter lugar o vindeiro 2 de xuño contou tamén co incondicional apoio deste partido. Maruchi Álvarrez fixo uso da súa quenda de fala pra lembrar que este tema xa fora tratado e apoiado unanimemente en pleno. Hai que se mobilizar perante a estafa desta e doutras entidades do Estado Español. Hai que estar na rúa.

A nosa concelleira lembrou que o concello puxo a disposición dos veciños unha Oficina de Consumo pra atender toda a comarca por mandato da Xunta. Feijoo dixo te-las contas da Xunta moi saneadas pero isto é unha verdade a medias se deixa todo a cargo dos concellos. Pra atender a toda a comarca, este servizo tería que estar dotado con máis dispositivos. Ata fai falta papel. Só hai dous efectivos para unha cantidade enorme de afectados.

Nun momento dado, entre as intervencións entre goberno e oposición, criticase que o BNG está dando a imaxe de que o seu partido pretende se-lo voceiro da plataforma. Non sería raro, por outro lado.



4.- Pola defensa do ensino público

Pra defender este punto, Pazos recolleu unha das consignas dos veciños que protestaran anteriormente pola suba das taxas no Conservatorio: a educación é un investimento. Un investimento pra o futuro da nosa sociedade, loxicamente. Denunciamos que empeza a ser xa unha constante que, amparándose na crise financeira, os gobernos de toda índole pretenden acabar con todo o conseguido no chamado Estado do Benestar. Todos sabémo-lo que supón o neoliberalismo, mais nunca tanto se tiña retrocedido. Estase a ataca-lo dereito á educación e quéreno converter nun negocio deteriorando o ensino público.

Visto o retroceso brutal ó que asistimos, propomos outros recortes de doada efectuación no Estado Español. Referímonos ós recortes nos gastos militares, na monarquía e noutras áreas sen que o Estado se resinta. De aí o noso apoio máis entusiasta a esta proposta e a calquera mobilización na rúa.

Pazos botoulle en cara ó goberno que acabasen de votar a favor de ir contra as preferentes onde as competencias estarían en Madrid e, neste caso, co do ensino aleguen que dende o concello non hai nada que facer. O concelleiro da ACE espetou que a nosa competencia fundamental como concello é defende-la nosa veciñanza e podemos instar dende aquí a que non se aprobe unha lei ou decreto en instancias superiores.

O que non pasou por alto este partido e non o vai consentir é o que dixo o mesmísimo responsábel de Ensino, o señor Gestido verbo de que a defensa do ensino público con ten relevancia a nivel local. Este concelleiro, asegurou Pazos, debera presenta-la súa dimisión.

Pola nosa banda, este partido está decidido a deter este Decreto-Lei que contempla nada menos que máis ratio de alumnos nas aulas e menos profesorado.


5.- As entidades bancarias pagarán polos caixeiros que hai nas rúas de Cangas

No tocante á proposta de establecer unhas taxas a aquelas entidades bancarias que dispoñan de caixeiros de acceso directo dende a vía pública primeiramente temos que dicir que este tipo de ordenanzas teñen o aval mesmo do Tribunal Supremo. Parécenos asemade unha boa forma de financiarse o concello cobrando ós que máis teñen e segundo o valor que teña o espazo público que ocupen.

Mariano Abalo indicou que todo o que sexa pór a proa a estas entidades que negocian cos cartos do pobo está ben. Ademais hai análises fidedignas de economistas de prestixios internacionais que advirten do serio risco de que no Estado Español poidamos ter "corralito". Non é de recibo que se ampare a individuos como Botín cando leva a cabo actuacións delitivas tendo paraísos fiscais en Suíza. Polo tanto, aínda que esta non sexa máis ca unha medida simbólica, apoiámola sen miramentos.