A dexeneración do casco histórico tamén a pleno


Xa vén de lonxe a preocupación deste Grupo Municipal pola idoneidade e mesmo pola legalidade de diferentes obras que se acometeron no casco histórico de Cangas, no ámbito de actuación do PEPRI. O Plan é ben claro en canto a determinadas condicións que deben cumprir tódalas actuacións que se desenvolvan no seu ámbito. Por exemplo, e a risco de sermos reiterativos, as referidas á pavimentación tradicional, que se debe preservar sempre que sexa posíbel (e en moitos casos o é), como ó mobiliario urbano, á presenza dun arqueólogo cando se executen obras en zonas de posíbel sensibilidade arqueolóxica e un longo etc. Condicións, en suma, que non se veñen cumprindo e que o concelleiro de Urbanismo se comprometeu a controlar diante deste Pleno Municipal.

Levantamento e deterioro das proximidades da Fonte Garrida
Mais parece que tal compromiso do responsábel da legalidade urbanística quedou, como sempre, en auga de castañas. É dicir, en nada. Nas obras que se están a realizar na actualidade en diferentes rúas do casco cangueiro, e nomeadamente nas da Fonte Garrida e Palma, a pesar de que no proxecto das mesmas se especifica que as pedras do pavimento se van aproveitar levantándoas primeiro e asentándoas despois con argamasa, podemos ver con asombro como estas están sendo transportadas fóra do lugar e substituídas pola lousa de sempre... Da non presenza de arqueólogos nas mesmas, xa mellor non falar, porque iso semella nin pasar pola cabeza das institucións irresponsábeis.

Que conste claramente, para non dar pé a demagoxias interesadas, que este grupo municipal, está totalmente a favor de que se fagan obras de mellora no casco histórico cangueiro, pero defendemos que estas teñen que ser harmónicas e non agresivas co medio, e sobre todo, deben estar dentro da legalidade que marca o PEPRI, que non é unha norma de adorno como semellan pensar algúns, senón de “obrigado cumprimento”. Ten que quedar claro que a súa transgresión constitúe unha clara ilegalidade, tanto por parte de quen a executa como de quen a consinte, neste caso a autoridade municipal que ten a obriga de  vixia-lo cumprimento da tal legalidade e de persegui-lo incumprimento da mesma.

Por iso, diante dos feitos denunciados sobre outras actuacións anteriores e tamén nesta mesma moción, presentámo-las seguintes propostas para a súa aprobación en Pleno:
-        
      1) O Goberno Municipal cumprirá coa súa obriga legal de vixiar que tódalas obras que se realicen no ámbito do PEPRI cumpran coas esixencias do mesmo e se adecúen ós proxectos presentados.
-         
     2) O Goberno Municipal presentará ó Pleno, no prazo máximo dun mes a partir desta data, un estudo técnico pormenorizado das obras que se están a executar na actualidade (Rúas Saralegui, Fonte Garrida e Palma), especificando o seu grao de adecuación ós proxectos das mesmas e o seu cumprimento coas disposicións do PEPRI
.    
    3) O Goberno Municipal cumprirá a súa función de “garante da legalidade” e tomará as medidas oportunas diante dos posíbeis incumprimentos se os houber.