ACE esixe o cesamento inmediato de Faro Lagoa por prevaricación e tráfico de influencias

Dende hai certo tempo vense observando unha conduta irresponsábel por parte do concelleiro, o sr. Faro Lagoa, que ademais de ter a carta de presentación do transfuguismo e do incumprimento das súas promesas electorais –afirmando mesmo na noite dos comicios que nunca votaría o sr. Sotelo pra alcalde- agora agrávase polo feito de utiliza-lo seu cargo pra prexudicar gravemente a veciños e veciñas do noso Concello beneficiando a outros, ó mesmo tempo, segundo os seus intereses e movido sempre por motivos persoais ou políticos. O certo é que o noso partido xa non é a primeira vez que ten que pór a proa a este suxeito ultradereitista que non fai outra cousa senón teimar en traer máis operativos policiais de represión e ocupación a nosa vila.

"Garantía de honradez", slogan electoral do concelleiro tránsfuga de UPAC.

Ás probas nos remitimos e mesmo podemos achegar documentación fotográfica:

En San Cibrán ordena o pintado horizontal de “prohibido aparcar” sen que ningún órgano de goberno tomase previamente ningún tipo de acordo, e mesmo facendo de menos e desprezando a concelleira da área. Pra maior escándalo denúnciase unha veciña e a súa filla diante da Subdelegación do Goberno, instrumentalizando a policía local para materializar este expediente que ten como consecuencia unha sanción de 600 € para cada unha das mulleres. Esta cacicada non é un feito illado pois constan outras pintadas horizontais que todo indica que se executan sen acordos municipais, mentres se perseguen outros legalizados previamente polo Concello.
A súa interferencia chega tamén á área de Urbanismo, pois utilizando a súa pertenza á Xunta de Goberno Local, consegue que o expediente de obras con nº 23882, na rúa Atranco nº 13 -informado xuridicamente favorábel pola Xefa de Urbanismo deste Concello, polo Arquitecto Municipal e pola propia Comisión Técnica-,  forzando un informe xurídico da Secretaria Xeral desautorizando os informes anteriores que provoca a denegación da licenza, nunha actuación que raia a prevaricación e supón o tráfico de influenzas.

En consecuencia, e dada a enorme gravidade dos feitos denunciados xa hoxe mesmo en prensa polo propio Mariano Abalo, o Grupo Municipal da ACE proponlle ó Pleno a adopción dos seguintes acordos:

1.- A reprobación do concelleiro sr. Faro Lagoa e insta-la Alcaldía a que o cese nas súas responsabilidades e delegacións do Goberno que ostenta.
2.- Que se realicen as xestións oportunas para deixar sen efecto os expedientes administrativos promovidos diante da Subdelegación do Goberno por estaren viciados por unha actuación ilícita do devandito concelleiro.
3.- Que se convoquen as Comisións informativas de Urbanismo e de Tráfico e Seguridade para depurar responsabilidades sobre as actuacións denunciadas nesta moción.