O goberno cangueiro incumpre o acordo plenario da depuradora

Na sesión plenaria do 28 de outondo de 2011 aprobouse por unanimidade, mesmo cunha emenda do PP, unha moción presentada polo noso partido na que se instaba a reclamar da Xunta e de Augas de Galicia que, nun prazo non superior a seis meses, se asumise a xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) sita na zona de Areamilla e circundada pola praia da Congorza, a zona da Restebeira, o campo de fútbol de Massó e a Lagoa. Non esquezamos, ademais, que esta depuradora está nun entorno natural incomparábel.

Transcorridos xa os seis meses dende a devandita aprobación, a depuradora segue a ocasiona-los mesmos problemas. ACCIONA continúa coa súa inoperancia e a administración autonómica segue sen dar sinais de vida. Tamén nos parece inadmisíbel que o concelleiro responsábel, Jesús Graña, non informase ata o momento en comisión algunha de cal é a situación do proceso negociador. Verdadeiramente dubidamos seriamente de que se abrise algunha posíbel canle de diálogo coa Consellería correspondente pra solventar este problema. De feito, temémonos que todo segue como antes do acordo plenario prevalecendo o defectuoso servizo dunha depuradora que non cumpre as funcións pra as que foi construída, malia o cuantioso investimento económico, e cunha empresa que non é quen de desenvolver eficazmente a súa xestión.

Ante esta situación, á Alternativa Canguesa de Esquerdas non lle queda outra que presentar unha nova moción ó pleno de primeiros de maio pra reivindica-los seguintes acordos:

1) Insta-lo goberno a que presente, no prazo máximo dun mes, un informe exhaustivo das xestións realizadas tanto coa empresa responsábel na actualidade como con Augas de Galicia cara o cumprimento do acordo plenario referido nesta moción.

2) Reitera-la reclamación á Xunta de Galicia e a Augas de Galicia a que asuman a xestión directa da EDAR.