Discurso de Maruchi Álvarez contra a derrogación da Lei do Aborto

Dende a ACE queremos facer público o discurso emitido pola nosa concelleira, a sindicalista Maruchi Álvarez, durante o pleno do pasado 28 de marzo. Na respectiva crónica da devandita sesión plenaria non se incluiu por considerármo-lo tema da suficiente entidade e importancia pra publicalo a parte.

Membro da Comisión da Muller da Alternativa Canguesa de Esquerdas, esta histórica militante independentista, con experiencia laboral na emigración alemá e cunha listaxe inacabábel de loitas abertas no terreo político-sindical e a prol da emancipación feminina fixo vale-la verba deste partido pra se erixir como a voz de todos aqueles sectores sociais que se posicionan contrarios á derrogación da Lei do Aborto. A seguir, pois, ofrecemos íntegra a súa proclama:

"É curioso ver como os feitos na loita pola igualdade entre as mulleres e os homes se repiten unha e outra vez. Reparemos en Federica Montseny. Ela foi a primeira muller no Estado Español en ser nomeada ministra levando a carteira de Sanidade na II República entre novembro de 1936 e maio de 1937 e baixo o mandato de Largo Caballero. Xa nesa altura presenta un proxecto de lei pra regular e despenaliza-lo aborto.

A posterior entrada no Franquismo bota abaixo o traballo de Federica Montseny e o aborto volve ser penalizado nun mundo que xa coñecía a legalización da interrupción do embarazo ata os tres meses dende que na URSS de Lenin se puxera a andar esta lei insólita por volta de 1920.

Dende a ilegalización ó chega-la ditadura ata agora vanse gañando dereitos grazas á lustros e lustros de loita feminina. Mais non nos enganemos, son avances que saben a pouco se os comparamos coas obrigas que temos nosoutras as mulleres.

Chegamos a marzo do 2010. O goberno de Zapatero aproba a Lei Orgánica de Saúde Sexual e Reprodutiva que recolle o dereito á interrupción do embarazo. Non é, dende logo, a lei que moitas mulleres queremos pero non hai dúbida de que con ela se marcaron unhas pautas de actuación que antes non existían.

Cando menos, con esa lei, as mulleres que deciden abortar xa non se ven obrigadas a saíren ó estranxeiro ou a visitar clínicas privadas sendo moitas veces atendidas nunhas condicións moi precarias e cun serio risco pra súa vida.

As mulleres xa poden decidir se queren abortar ou non, xa son un pouco máis donas dos seus corpos.

Agora témo-lo Partido Popular gobernando e, igual que nos tempos do Franquismo, o primeiro que fixeron foi eliminar todo aquilo que non lles gusta, sen pensar se as súas medidas recortan dereitos ou non. E falando de recorte de dereitos, o asunto é máis grave cando se está a falar dos dereitos da muller. Lembremos, por exemplo, a Lei de Familia e da Convivencia da Xunta de Galicia, a Lei de Pensións, a Reforma Laboral e agora tócalle á Lei do Aborto. Lei que queren derrogar pra impo-lo mando eclesiástico e patriarcal do Partido Popular.

As mulleres estamos condenadas a vivir outra vez baixo unhas políticas similares ou case iguais ás do Franquismo. O pouco que tiñamos gañado volvénnolo roubar. Condenadas, máis unha vez, a sermos incubadoras, insubmisas, mulleres explotadas nas tarefas do fogar, nos seus postos de traballo remunerado, etc...

Por iso, en nome da Alternativa Canguesa de Esquerdas, partido proletario e feminista desta vila, anuncio que imos apoia-la moción do BNG e pido encarecidamente ás compañeiras sentadas nos escanos do goberno que pensen como mulleres que son, e que non permitan co seu voto o rexeitamento desta proposta, pois as mulleres que poidan estar en contra do aborto non teñen dereito a decidir por tódalas demais. Nosoutros non impoñemos decisións, vós facede o mesmo, non pretendades decidir por todas nós."