Pazos páralle os pés a Berta Pérez

O voceiro da ACE vén de emitir un comunicado que será publicado hoxe 2 de marzo na prensa no que sostén que a nova edil conservadora padece o "síndrome da lebre". Solicítalle a Berta Pérez contención e que non pretenda subir chanzos tan bulida para non corre-lo risco de se esnafrar. Pazos denuncia a ineptitude da teniente de alcalde por se aventuar en acusacións baleiras de sentido logo do acontecido na "Comisión das multas" da que este partido foi o primeiro en se desmarcar ó notar irregularidades manifestas.


Semella que lle atacou repentinamente á tenente de alcalde do goberno cangueiro o síndrome da lebre na carreira sucesoria e lanzouse -ou lanzárona- sen freos cun comunicado de ataque a algúns grupos da oposición polo tema da “Comisión das multas”, con especial virulencia contra o que eu represento, a Alternativa Canguesa de Esquerdas. E digo que só dende o padecemento do tal síndrome da lebre se pode explicar tal actuación, pois a señora Pérez nin é membro da devandita comisión nin ten aparentemente ningunha relación con ela por razóns de cargo.
Pero, teimando en correr a primeira e quizais influenciada pola maña de cazador de quen a sustenta no goberno, a ínclita concelleira pretende disparar contra todo o que se move utilizando a consabida táctica de “acusa que algo queda”. Pero claro, cando alguén dispara así, os tiros (dialécticos) van sen rumbo co perigo de que algunha bala perdida che poida caer nun pé.
O primeiro “argumento” -por chamarlle dalgún xeito- utilizado é que ACE abandona o “paripé” de comisión que se montou porque ten algo que esconder. E que pode ser ese algo? ACE nunca tivo responsabilidades no eido da seguridade cidadá e polo tanto nada pode ter que agochar nese terreo -nin en ningún outro, vaia por diante-. En cambio o PP e o agora socio UPAC si que xestionaron esa área durante anos -con resultados nefastos, por certo- e polo tanto non son os máis idóneos para cuspiren cara ao ceo, porque xa se sabe o que pasa nese caso.
Outro intento de argumento é que foi este voceiro quen pediu repetidas veces a constitución desta comisión para despois boicoteala. É certa a primeira parte, e pedímolo por responsabilidade, porque era un acordo plenario que había que cumprir e porque, dada a gravidade das denuncias efectuadas nun pleno, o asunto non podía ficar parado en canto afectaba á honorabilidade de varias persoas. Que culpa ten a ACE de que a denuncia fose unha arroutada do sr. Millán sen fundamento documental ningún? Outrosí, respecto á segunda cuestión: Por que ACE boicoteou a Comisión? Por pedir que as deliberacións fosen secretas para impedir converter un asunto tan serio nunha “salsarrosa” calquera? Por abandonala e non quererlle dar cobertura a unhas conclusións xa elaboradas de antemán polo goberno que, esas si, tentan agocha-la gravidade e falsidade da acusación?
E xa por último, e enleando máis o palangre, tenta mesturar o tema da anterior empresa xestora das multas co doutra empresa adxudicataria dun servizo ó Concello para tratar de salpica-lo noso concelleiro, o sr. Abalo. O que non sabe a sra. Pérez, que é nova na política, é que ACE é un grupo compacto e solidario, unido por principios éticos e non por intereses, no que respondemos unanimemente da xestión de cada un, que coñecemos e apoiamos. A pregunta é: acontece o mesmo no goberno municipal..? Pero indo ó asunto, quérolle explicar á sra. Pérez que foi o PP quen falou da presunta vinculación da empresa Recyges con membros do anterior goberno bipartito. Ah!, pero agora resulta que a vinculación política era co PP por vía familiar, o cal -dito sexa de paso- non invalida a actuación da empresa, pero supúxolle o primeiro tiro no pé ó sr. Sotelo e cía.
E que pinta en todo isto a empresa Oitava Illa da que fala sen coñecemento a concelleira? Simplemente supón unha demostración do único que aprendeu neste tempo a ínclita lebre da fábula: a táctica goebbeliana da mentira repetida que se pode converter en verdade. Pero non o vai conseguir porque a xestión de Abalo no concello de Cangas é impoluta e coñecida abondo, mais como a sra. Pérez é nova nestas lides vou tentar sacala do seu erro:
Á empresa Oitava Illa se lle encargou un estudo sobre posíbeis actuacións en Massó que elaborou e cobrou -tarde por certo- como moitas outras empresas que traballaron para o Concello. Cal é a súa relación coa ACE? Que fixo un traballo audiovisual para a nosa campaña electoral? Tamén hai albaneis ou fontaneiros que traballaron na miña casa e non teñen vinculación de ningún tipo comigo nin co meu grupo. E supoño que o mesmo PP, cando precisa dalgún servizo, non contrata só persoas vencelladas ás súas siglas, ou si? Por certo, a Oitava Illa tamén realizou algún traballo para a Deputación de Pontevedra… Significa iso algo?
O problema da sra. Pérez é que empezou a correr demasiado cedo e ademais colleu o camiño errado -o de enlamarse en lodos que non controla- co que, en canto se descoide, pódese ver superada por calquera tartaruga con menos présa pero con algo máis de sabenza.