Novagalicia Banco instala ilegalmente cámaras de vixilancia

Este partido vén de pedir explicacións á entidade bancaria Novagalicia Banco polo motivo desta firma colocar nada menos que catro cámaras de vixilancia no exterior da fachada na súa sucursal central na nosa vila. Este atrevemento constitúe unha tentativa parapolicial e que, ademáis, é totalmente ilegal por estaren no exterior do edificio.

Pensamos que esta acción se enmarca no contexto das mobilizacións que se están a levar a cabo por parte dos afectados das "Participacións Preferentes" e que a Alternativa apoia e acompaña de forma incondicional pois, pensamos, constitúen un verdadeiro engano ós nosos veciños e un auténtico acto de latrocinio a gran escala que está a ter unhas nefastas consecuencias para milleiros de familias de todo o país.

Por este motivo tamén instamos ó concello de Cangas a que proceda ó precinte inmediato das devanditas cámaras pois supoñen un atentado contra a privacidade individual e supón colaboracionismo puro e duro entre forzas policiais, aparato político e sistema financeiro. Nese sentido, o noso voceiro xa manifestou de forma pública o temor deste partido por que se utilicen esas imaxes recollidas polas cámaras para a identificación dos cangueiros e das cangueiras, afectados preferentemente, que participen nas mobilizacións de protesta. Como se non tivesen ben abondo co que están a padecer perdendo os aforros de toda unha vida.

Os veciños non nos imos intimidar e a Alternativa Canguesa de Esquerdas vai seguir apoiando as mobilizacións. Aproveitamos para recalca-la nosa solidariedade e ofrecemos a tódolos veciños afectados os nosos máis humildes servizos. Para rematar, recordamos que hoxe xoves 15 de marzo terá lugar entre as 17 e as 19 horas unha concentración convocada pola Plataforma de Afectados polas Participacións Preferentes na oficina principal desta entidade bancaria en Vigo, na rúa Colón. Sen dúbida mirámonos alí!