Continúa a nosa pugna por un Massó público

O propio Mariano Abalo vén de presentar unha moción plenaria en nome da Alternativa Canguesa de Esquerdas para esixir, sen miramentos, que o Concello de Cangas lle reclame á Autoridade Portuaria de Vigo (en diante APV) a recuperación dos terreos de Massó e as zonas de afectación marítimo-terrestres no Salgueirón.

A piques de se cumprir un ano dende que a APV decidise aproba-la suspensión da concesión do porto deportivo a Residencial Marina Atlántica por tempo indefinido sen ningún tipo de gravame, este grupo municipal considera que é o momento idóneo para reclamar diante deste organismo os seguintes puntos a través do seguinte acordo plenario:

1.- Que se lle dea traslado a este Concello de toda a documentación relativa a este expediente, incluíndo a acta de toma de acordo e os informes nos que se ampara.

2.- Asemade, reclamar que se proceda a revisa-lo devandito acordo e proceder a deixalo sen efecto pola evidente irregularidade que representa.

3.- Urxir da APV que negocie co Concello (solicitando reunión con este fin) a posíbel tramitación da recuperación da concesión e a posterior desafección dos terreos a prol do Concello, consensuando unha estratexia temporal e legal.

4.- Esixir á APV que se garanta, en colaboración co Concello, a seguridade, a conservación e o ornato do Salgueirón mentres non se arranxe definitivamente a actual situación.

Lembremos que este partido está a levar a cabo unha loita permanente dende hai anos participando decisivamente en tódalas mobilizacións dende a época da invalidación do vello PXOM aprobado no vran do 2004 e que lle custara a alcadía ó actual rexedor, Enrrique Sotelo (2007). Séndomos unha parte integrante máis do Foro Social, mobilizámonos a pé de obra cos veciños e mariñeiros para que, durante máis dun lustro, os especuladores non desen esfarelado o noso patrimonio industrial, ecolóxico e os nosos recursos pesqueiros. Honestamente temos que dicir que fómo-lo único grupo político que estivo á altura das circunstancias neste grave conflito de repercusións tan determinantes para o futuro de Cangas. Fíxoselle tamén fronte á traizón. Rompemos cun goberno corrompido, a peor alcaldía da historia desta vila dito sexa de paso. A esquerda teórica que debe favores á banca que agora esquilma os nosos veciños con embargos e hipotecas inasumíbeis e coa pérfida estafa das "Participacións Preferentes". A diferenza dos virachaquetas de sempre, nosoutros marchamos cos 6.000 cangueiros e cangueiras que o 1 de agosto do 2009 berraron ó unísono en contra do porto deportivo de Massó e a favor do desencausamento dos 16 detidos aquel convulso verán. Felizmente, foron liberados, con cargos e acusacións desproporcionadas, claro. Entre eses veciños e mariñeiros, lembraredes, atopábase a nosa concelleira Maruchi Álvarez. Mostra elocuente do noso ineludíbel compromiso cos intereses do pobo de Cangas. E seguiremos.