Aprobadas as nosas mocións de Massó e da Área Metropolitana

1.- A oposición presiona pra axiliza-la execución do CAR 2.- Pazos cuestiona o mecanismo obrigatorio do Estado pro financiamento dos municipios 3.- A Alternativa solicita unha fonda rexeneración democrática na asemblea da Área Metropolitana de Vigo pra que non se dilapide o futuro de Cangas 4.- Maruchi Álvarez califica de frouxeiro e escurantista o "novo" documento que regula o uso das terrazas 5.- Abalo pide a unidade da corporación pra seguir a defender con garantías os intereses dos mariñeiros e dos veciños en Massó.


1.- A oposición presiona pra axiliza-la execución do CAR

Os tres partidos que estamos na oposición levamos a pleno, de forma conxunta, unha moción relativa ó Centro de Alta Resolución de Morrazo. Pensamos que a Xunta de Galicia ten que establecer cales son as necesidades técnicas e urbanísticas para levar a cabo este proxecto. Con esta medida non se busca outra cousa que un consenso unánime. Mentres tanto, a administración autonómica non deixa de dar delongas dende hai cinco meses.

Mariano Abalo fixo uso da súa quenda de fala pra sinalar que dende a ACE non se quere abrir unha guerra senón que somos conscientes da necesidade de que fai falla a unidade desta corporación municipal. O que si debemos é forza-lo Director Xeral do SERGAS e á consellería correspondente a que se comprometan co proxecto sanitario. Non vémo-la necesidade de abrir unha polémica sobre o lugar das instalacións pero o SERGAS ten que aclarar cal é o criterio do seu emprazamento: por exemplo, se queren un CAR preto do centro de saúde de Cangas ou un CAR contemplado pra a toda a Terra de Morrazo. Tamén deben decididir cal é a superficie idónea, os servizos sanitarios que acollería e o concello onde se levantará.

Tras unha pequena emenda que engadiu o goberno, a moción foi aprobada.


2.- Pazos cuestiona o mecanismo obrigatorio do Estado pró financiamento
dos municipios

No tocante á proposta do goberno de establecer un mecanismo de financiamento pro pago ós provedores das entidades locais, Xosé Manuel Pazos aproveitou pra felicita-los servizos económicos e á interventora polo traballo que pasaron pero non ó goberno pola filosofía do proxecto e a realidade das contas. O noso voceiro lembrou que o bipartito PP-Faro Lagoa aprobou un plan de saneamento e que nos orzamentos, fortemente cuestionados no seu momento por este partido, incluíron un crédito pra pagar débedas que non serviu pra nada por estarmos instalados na improvisación permanente. Pazos recoñeceu que a situación é verdadeiramente moi dura e que o PP de Cangas non son máis ca un fato de mandados caladiños do goberno central. Dende esas instancias non se quere asumir un plan de financiamento dos concellos de acordo cos servizos que prestan. E o goberno local o que ten que facer é unha protesta pra esixir unha proposta de financiación do concello xa que as medidas "parche" non serven da nada. Tal é o caso da subida do IBI ou esta, consistente en solicitar un crédito pra pagar provedores sen deixarnos elixir a nós como concello que pequenas empresas van cobrar. Estamos ante unha chantaxe brutal e absoluta. Non é máis ca un gran negocio pra banca.

Por outro lado, o Plan de Axuste é técnico e non permite ós empregados que se xubilen no concello deixa-las prazas vacantes pra que outros que veñen detrás as ocupen. Podemos dicir, xa que logo, que destrúe postos de traballo.

Por todo isto, o noso voceiro anunciou o voto en contra da Alternativa Canguesa de Esquerdas por ser un plan cun 6.5% de intereses e que ademais nolo impoñen dende fóra. Ninguén lle pode dicir a un concello, que ten autonomía, o que ten que facer. Reixeitamos por tanto esta norma de Rajoy, esta gran estafa que non é máis ca un negocio pra banca, insistimos.

Logo dunha discusión baldía encetada pola verbosidade castrapeira de Faro Lagoa, Pazos declarou, a risco de predicar no deserto, que a ACE coñece perfectamente a situación económica pero que, aínda por riba, dende fóra preténdese facer negocio a conta nosa. Por iso, o noso voceiro animou o goberno local a encabezar unha protesta contra o goberno da metrópole. Asemade, falando de malgastar verbo dunhas palabras do ex-membro de UPAC, recordoulle ó público que este concelleiro lle debe ó concello 5,000 euros dos custos do xuízo que, por capricho persoal, emprendeu contra a Policía Local de Cangas.

A ACE tamén acusou o alcalde de practica-la xordeira voluntaria e de tapa-las neglixencias e incapacidades do concelleiro Millán que é a quen lle correspondería facer de voceiro nese punto. Botoulles en cara tamén ós populares terse enfrontado no pasado ó crédito ICO do PSOE e agora agocharse e defende-la postura gobernamental.

A solución non é este crédito co que a banca vai gañar diñeiro a conta dos cangueiros e das cangueiras. Necesitamos un plan do goberno acorde cos servizos que prestamos. E Cangas presta máis servizos que a meirande parte dos concellos de Galicia. Ademais acollerse a este plan é obrigatorio, ó do anterior goberno estatal non. Só falta privatizarmos todo e montar unha xestoría no concello. Iso é, en esencia, o que significa o proxecto de Montoro.

Pra rematar Pazos recordou que a ACE, cando xa non era parte do goberno, propuxo un plan e medidas económicas pra saír adiante. É dicir, non irrompemos na escena pública de falabaratos, senón que temos propostas e alternativas.



3.- A Alternativa solicita unha fonda rexeneración democrática na asemblea da Área Metropolitana de Vigo pra que non se dilapide o futuro de Cangas

Unha das nosas mocións a este pleno do mércores 28 de marzo foi o relativo a área metropolitana de Vigo. A constitución desta entidade supramunicipal é inadmisíbel nos termos nos que se contempla. O noso voceiro, Xosé Manuel Pazos, encargouse de recordar que, dende os anteproxectos, o noso partido tomou moi en serio este tema. E fómo-los únicos que presentamos emendas, por exemplo, ó financiamento por non vir especificado sendo un asunto de relevancia evidente. O normal é que existise un financiamento anual. Por suposto somos moi críticos tamén coa asemblea metropolitana que xestionaría este organismo e tamén con que só alcaldes (mesmo gobernado en minoría) representen os concellos. Sobre todo, somos contrarios ás competencias da área metropolitana. Nosoutros esiximos un consorcio da auga, transporte marítimo e outras cuestións pero hai un tema como é o do ordenamento urbanístico e territorial que nos preocupa enormemente. Non aceptaríamos, baixo ningún concepto, que o futuro da nosa vila se decidise dende fóra de Cangas e menos aínda que se nos convertise nunha simple área residencial da cidade máis grande do país.

Pazos explicou que, tal como se queren facer as cousas, o pleno da área tería unha proporción claramente inxusta. Fronte ós 24 concelleiros dos 27 que ten Vigo, Cangas, por exemplo, só presentaría 4 de 21 que ten. Coas outras vilas da contorna acontecería algo semellante fronte á disparatada presenza que ten Vigo cun 90% da súa corporación no devandito pleno metropolitano. Esa situación non reflite pra nada a realidade política e non é moi difícil saber cal sería o resultado das propostas que prosperarían. Esta disposición non é máis ca negociación entre partidos e onde o noso concello sae moi perxudicado. Por tanto a ACE non o vai aceptar. Nese sentido, o noso voceiro manifestou a intención do noso partido de afondar no tema da representatividade da asemblea máxima da área metropolitana. É por iso que solicitamos que a corporación cangueira rexeite esa proposta en favor dunha composición proporcional. A Terra de Morrazo existe, Cangas existe e sobre nós só podemos decididir nós mesmos.
Finalmente, prospera a nosa moción.


4.- Maruchi Álvarez califica de frouxeiro e escurantista o "novo" documento que regula o uso das terrazas


Tratouse tamén a proposta do goberno pra aprobar unha odenanza municipal reguladora da instalación de terrazas na vía pública. Maruchi Álvarez fixo uso da súa quenda de fala pra califica-lo documento de frouxeiro. Sinalou que tódalas competencias que lle toca asumir ó concello non están claras e deixa o camiño aberto a libres actuacións. En troques, cando se fala dos solicitantes fálase de obrigas. Foi por iso que a nosa concelleira anunciou que non entrariamos en votación. Ademais preguntoulle ó goberno por que non se regulaban os kioskos dado que algún que outro ocupaba máis ca algunhas terrazas. A nosa concelleira non o dixo, pero dende aquí podemos engadi-lo exemplo do "Goluts", coñecido rebenta-folgas amigo de xente do goberno local que conta cun espazo de luxo na rúa por mor de non estaren regulados este tipo de establecementos que non son bares nin cafeterías. O que si quixo saber Maruchi Álvarez é se van estar regulados os establecementos que están en solos pertencentes a outras administracións. Nese sentido habería que aclarar se Costas ou Portos poden montar establecementos no noso concello. Debemos aclarar que temos terrazas instaladas en zona de Portos e na de Costas. Os terreos de Portos irían, máis ou menos, dende onde está o Alondras ata ó restaurante chinés en Montero Ríos. As dúas administracións teñen distintos varemos de explotación. Neste punto, o alcalde viuse na obriga de intervir e apuntar que sería conveniente asinar un convenio con estes organismos. Tamén Mariano Abalo pediu a palabra pra suliñar que non é de recibo que o concello preste servizos en áreas doutras administracións e que eles leven os cartos xa que o concello só recolle unha ínfima parte deses impostos.


5.- Abalo pide a unidade da corporación pra seguir a defender con garantías os intereses dos mariñeiros e dos veciños en Massó

Mariano Abalo foi o encargado de presenta-la nosa moción relativa á suspensión da concesión do porto deportivo de Massó por tempo indefinido. O histórico líder independentista reivindicou un acordo amplo como o que se acadou coa cuestión do Centro de Alta Resolución. Solicitamos. xa que logo, acta e informes á Autoridade Portuaria de Vigo que validen ese incomprensíbel posicionamento que só pode estar encamiñado á perpetración do atentado urbanístico, ecolóxico e medioambiental. Unha representación dos mariñeiros de Cangas, acompañados por membros do Foro Social, elevaron os seus carteis de STOP á desfeita dos nosos recursos e non dubidaron en recriminarlle ó BNG o seu escuro pasado nesta materia. Lembremos que os pescadores coñecen moi ben esta realidade pois foron moitas as visitas ó concello solicitanto á colaboración do anterior goberno bipartito e nunca se obtivo máis resposta que atrancos, palabrería baleira e, no mellor dos casos, supostas boas intencións.

Sorprendeu a actitude do PSOE que alegou non votar a favor por quereren ter antes posesión desa documentación. Abalo espétalles que, como é evidente, a cuestión central da moción é que se lle entregue ó concello esa documentación. Iso é do que terían que estar a favor. Polo visto "non comprenden".

Por outro lado, neste 31 de marzo cómpre dicir que, incomprensibelmente, o TSXG vén de emitir unha sentenza contraria ó recurso presentado pola Confraría de Pesacadores contra as obras do porto deportivo de Massó. Cuestión esta claramente inadmisíbel dende o noso punto de vista e dende o dos equipos xurídicos do colectivo mariñeiro. Neste enlace ofrecémo-la nova coas observacións dos abogados da Confraría contra o final do texto. Clicade aquí. E xa non fai falta dicir que, goberne quen goberne, Cangas non se vende.