6 000 persoas saen á rúa en Cangas contra a reforma laboral

A manifestación convocada pola CUT hoxe ás 6 da tarde xuntou milleiros de persoas que quixeron demostrar o seu apoio a un outro sistema que acabe de vez coa ditadura do capitalismo. A asistencia foi tan importante que cando a cabeza da manifestación chegaba ao final da rúa da Noria, aínda subía a xente pola avenida de Marín. ACE apoiou a xornada de folga e loita proletaria e a propia mainfestación da CUT e, de feito, entre a veciñanza marcharon os tres concelleiros da Alternativa. O percorrido rematou na Alameda Vella, máis que ateigada, cunha intervención de Manolo Camaño chamando a continuar a loita do pobo contra o capital.

Porén, a xornada foi longa e xa as seis da mañá os piquetes informativos percorrían a vila. Despois moitos veciños colleron a lancha de servizos mínimos e se achegaron até a tamén histórica manifestación unitaria en Vigo dos sindicatos non pactistas, a CUT, a CGT, CNT e outros que xuntou dez mil persoas polas rúas da cidade olívica.
Alén das cifras de manifestantes, o paro tivo un seguimento practicamente total no concello de Cangas, tanto na vila coma nas parroquias, con Aldán totalmente paralizado agás o colexio relixioso ou O Hío practicamente inactivo.