A situación do naval a pleno

Mañá venres 10 de febreiro hai unha proposta conxunta para acada-lo apoio institucional cos traballadores de Vulcano. A ACE, como partido de traballadores, e o conxunto da militancia, con sobrada conciencia de clase, quere manifesta-la súa máis sincera solidariedade co sector do naval. Seremos parte de tódalas mobilizacións e tomarémo-las nosas propias medidas para denuncia-lo que se está a converter nun claro desmantelamento do sector da construción e reparación metalúrxica do naval. Un campo clave para as economías de Cangas, da nosa comarca e das que nos arrodean.

Por todo o mundo é sabido que o naval é un dos sectores estratéxicos da economía galega do que dependen 15.000 postos de traballo entre directos e indirectos na ría de Vigo e de Pontevedra. Pero nos últimos tempos, boa parte das empresas máis importantes do sector (Barreras, Vulcano, Factoría Naval) están a pasar serias dificultades que están a pór en perigo a súa supervivencia. No caso concreto de Factorías Vulcano, esta empresa atópase inmersa nun concurso de acredores tendo de prazo ata o vindeiro 13 de febreiro para asinar un acordo de convenio cos mesmos e evitar deste xeito que a xustiza decrete a liquidación da empresa. Ata o de agora xa se sumaron ó convenio o 90% dos pequenos acredores (industrias auxiliares do sector) pero cómpre a sinatura da sociedade público-privada PYMAR, principal acredor co 51% da débeda.

Mañá, 10 de febreiro, está convocada unha xuntanza da sociedade PYMAR para acordar adherirse ou non ó convenio de acredores de factorías Vulcano. Dado que o Ministerio de Industria é unha parte principal desta sociedade, ó igual que a Consellería de Industria da Xunta, entendemos que a solución do problema depende claramente da vontade política de apostar por un sector vital para Galicia e, en particular, para a contorna de Morrazo-Vigo.

Dende o comité de empresa e das seccións sindicais da CIG, CCOO e UXT confían en que se fagan efectivas as promesas e compromisos políticos de apoio á viabilidade de Factorías Vulcano realizadas ó devandito comité por parte de tódolos candidatos nas súas múltiples visitas á factoría na pasada campaña electoral.

Partindo de que o sector naval, en xeral, e Factorías Vulcano, en particular, representan un importante número de postos de traballo para Vigo e outros concellos da súa área de influenza, solicitamos do pleno a seguinte toma de acordos:

1) Apoio público do pleno da corporación ó plan de viabilidade de Factorías Vulcano como única garantía para garanti-lo futuro do estaleiro e dos máis de 1000 postos de traballo que hai en xogo.

2) Demandar dos gobernos autonómico e estatal, como membros integrantes da Sociedade de Reconversión (PYMAR), a adhesión ó convenio de acredores de factorías Vulcano.