A CUT súmase á folga xeral do 29-M e chama a tódolos traballadores a participar

A Central Unitaria de Traballadores/as sumarase á convocatoria de FOLGA XERAL NACIONAL, feita pública pola CIG, para o 29 de marzo. A CUT mostra a súa total adhesión a este chamado polo que tamén convocarán como sindicato seguindo as canles da legalidade vixente.

Este sindicato entende que a elección da data é un acerto ó facer seguimento da data elixida tamén pola maioría sindical do País Vasco, o que reforza o contido e necesidade do internacionalismo proletario e máis entre nacións sen estado. A gravidade da situación económica e social fai desta convocatoria unha necesidade incontestábel, e por este motivo dende a CUT queren facer un chamamento público a tódalas forzas sindicais que defendan o sindicalismo de clase a sumarse a esta convocatoria e traballar sen descanso para que a folga sexa un éxito.

A nova Reforma Laboral agocha na súa letra pequena a súa verdadeira intención: acabar coa negociación colectiva, acabar coa representación sindical, acabar co dereito a folga, acabar en definitiva levándonos ó século XIX.

O traballo que temos por diante é moito, pero a nosa dignidade como traballadores e traballadoras non entende de cansazo.


Fonte: web da CUT, 17 de febreiro do 2012.