A Alternativa é a única forza que presenta alegacións contra os orzamentos do 2012

1.- O partido solidarízase cos traballadores de Vulcano. 2.- A Alternativa é a única forza que presenta alegacións ós orzamentos deste ano. 3.-Disolución do consorcio comarcal do servizo contra incendios e salvamento. 4. -Abalo pide unha xuntanza da Mancomunidade para aclara-la súa situación. 5. -Pazos solicita a formación dunha Comisión de Toponimia e denuncia que os nomes de lugar non os poden marcar os promotores urbanísticos. 6. -O goberno bota abaixo a moción conxunta contra ACCIONA. 7. -O noso partido solicita acción para que se constate a ampliación do Parque Empresarial de Morrazo. 8. -A ACE secunda o Plan de Igualdade pero critica a hipocresía política do partido do goberno en instancias onde lle compete lexislar.



1. O pleno solidarízase cos traballadores de Vulcano


O punto 3 da orde do día na sesión plenaria celebrada onte, 10 de febreiro, foi o relativo ó acordo da Xunta de portavoces do 6 de febreiro onde os grupos todos da corporación daban o seu apoio a que dende a nosa institución local se apoie ó sector naval. O noso voceiro, o señor Pazos, congratulouse e anunciou a nova de última hora que chegaba dende a capital da metrópole. Todo indica que a PYMAR acepta, en principio, as condicións dos traballadores no referente a lle tira-la débeda a Factorías Vulcano. Así e todo, coa reforma laboral que se acaba de aprobar tamén en España non se agoira estabilidade de ningún tipo para ninguén que pertenza ás capas populares e traballadoras.
No día de onte xa ratificámo-lo nosa solidariedade co sector e co persoal de Vulcano en particular que nos vai ter en tódalas mobilizacións dentro e fóra do noso municipio.


2. A Alternativa é a única forza
que presenta alegacións ós orzamentos deste ano

O goberno tamén quixo levar a pleno a aprobación definitiva do orzamento xeral para o exercicio económico do 2012. Destacar primeiramente que nin o BNG nin o PSOE presentaron alegación algunha a uns orzamentos que xa foron foretemente cuestionados por este partido tanto a nivel público nos medios como nunha sesión plenaria anterior debido a razóns, a todas luces, escandalosas. As alegacións presentadas foron unicamente a da Alternativa Canguesa de Esquerdas, a de unha traballadora municipal e, xa fóra de tempo, presentou tamén unha a Xunta de Persoal da Casa do Concello. Pío Millán, responsábel de Facenda, xa de inicio deixou claro que goberno non está disposto a admitir estas dúas alegacións procedendo á aprobación definitiva.
A nosa concelleira, Maruchi Álvarez, sinala que o informe en resposta á nosa alegación non hai por onde collelo. Entre outras cuestións, convocan novas prazas na Casa do Concello como son unha praza de avogado e o relativo ó Fondo Social recollidos no Capítulo I destes orzamentos contradicindo o Real Decreto de Axustes presentado a nivel estatal por Rajoy. O goberno pode incluír ese tipo de decisións nos orzamentos pero, ó mesmo tempo, ese mesmo informe xa confirma que non poderán aplicarse porque non o permite o mencionado Real Decreto. En definitiva, non ten sentido xa que, se non se poden convocar, o lóxico sería non incluílas nos orzamentos para poder destinar eses cartos a outros fins. A situación económica é grave e esas partidas económicas habería que empregalas moito mellor. Con ese panorama, a nosa concelleira anunciou o voto en contra sen miramentos por parte do noso partido.


3. Disolución do consorcio comarcal do servizo contra incendios
e salvamento

Maruchi Álvarez foi de volta a encargada de rebater cando se sacou a discusión o punto 5 da orde do día. O goberno do bipartito PP-Faro Lagoa traía a pleno a proposta de disolución do consorcio contra incendios e salvamento da comarca de Morrazo. Preténdese que pase a se integrar nos consorcios provinciais. A nosa concelleira sinalou que na comisión informativa este partido solicitara unha información sobre as taxas que se veñen aplicando por parte da Mancomunidade e que este partido non chegou a recibir. Consideramos que é determinante obtela pois pode afectar a unha aprobación ou non da moción pola nosa parte. E, aínda que o Decreto é de febreiro-marzo do 2011, non se trouxo ata agora a pleno e deixando pouco tempo de revisión e adoecendo, como dixemos, de falta de información transcendente. Pedimos, por tanto, a retirada deste punto da orde do día e que se nos faga chega-la información pertinente.
A nosa concelleira trasladoulle tamén o goberno outras dúbidas que ten a ACE sobre esta cuestión como é a incógnita de quen vai xestionar este novo consorcio ou se se van mante-las intalacións dos bombeiros na comarca. Por todas estas cuestións non aclaradas, o partido decidiu non entrar en votación posto que goberno non acepta retira-la proposta. Asemade, Maruchi Álvarez recriminoulle ó alcalde non ter avisado e achegado estas informacións de xeito anticipado téndoo a el como o temos no devandito consorcio.


4. Abalo pide unha xuntanza da Mancomunidade para aclara-la súa situación

Mariano Abalo
pediu a palabra para levar a cabo a defensa da nosa proposta de aclara-la situación preocupante na que se atopa a Mancomunidade de Morrazo e da que xa vimos falando hai un tempo a causa de descoñecérmo-la débeda real coas empresas. Solicitamos, xa que logo, a convocatoria dunha xuntanza cos alcaldes para coñece-la situación polo miúdo pois podería periga-la continuidade deste ente supramunicipal. Abalo aproveitou tamén para se referir ó anterior punto, o dos orzamentos no que xa intervira Maruhi Álvarez, debido tamén á falta de información por parte do goberno. O noso concelleiro declarou, na liña da concelleira de ACE, que non lle importaría ter votado a favor en caso de se-las taxas do servizo contra-incendios e de salvamento máis baratas. Pero sendo tratados os concelleiros da oposición como convidados de pedra e sen pasa-la información suficiente, consideramos que é un modo de traballo moi negativo.
Neste caso da Mancomunidade acontece algo semellante: os informes xurídicos de vertente económica e legan non dan chegado ós grupos. Consideramos que para decidir é necesario coñecer con exactitude os feitos. Por tanto queremos saber se existen eses informes e coñecelos. Unha vez difundida toda esa documentación, debérase convocar unha asemblea extraordinaria para tratar en profundidade o asunto.
A ACE aproveitou esta intervención para denuncia-la política lamentábel destas empresas que practican unha nefasta reciclaxe, o abaratamento, mestura de diferentes tipos de lixo,... É por todo iso que este partido solicita información minuciosa e detallada. E, se non se encargaron, cómpre que se encarguen eses informes así como as explicacións pertinentes no seo dunha asemblea cos alcaldes e representantes. De non face-las cousas ben pode haber graves atrancos na recollida do lixo e propiciárense problemas económicos na nosa economía e na dos veciños.
Finalmente, o goberno desestimou a nosa proposta e, ante as peticións de información do noso grupo, deuse un adianto das débedas contraídas nos últimos anos coas empresas recolectoras do lixo aínda que se facilitarán con máis detalle a vindeira semana dado que Cangas só leva 15 días presidindo a Mancomunidade: 17.7 millóns de euros. Por último, Abalo solicitoulle á concelleira Berta Pérez que cando se faga chegar esa información que, a poder ser, se especifique a débeda contraída por cada concello.


5. Pazos solicita a formación dunha Comisión de Toponimia e denuncia que os nomes de lugar non os poden marcar os promotores urbanísticos

O concelleiro Héitor Mera Herbello presentou no pleno de onte, 1o de febreiro, unha proposta de rehabilitación dos topónimos tradicionais da vila de Cangas. Os topónimos son como un libro de historia que, de xeito transversal, ofrece moitos datos de economía, socioloxía, xeografía,... como pode ser un asentamento arqueolóxico como o do Facho, por exemplo. Os topónimos teñen unha grande importancia histórica e cultural ademais de económica como xa se dixo. Atender a eles permitiría, por exemplo, que un promotor non edificase nun lugar que dende antigo se chamase "Lameira Fonda" pois o negocio non lle ía saír moi rendíbel seguramente. O topónimo tradicional outórganos, ademais, prestixio. Prestixio a nivel local e de país, tamén vinculado coas novas tecnoloxías. As ferrametas que ofrecen programas como o Google Maps para que un foráneo poida guiarse resultan inservíbeis se non o remediamos recuperando de xeito oficial o noso patrimonio toponímico que, ademais, en boa medida, corre o risco de se perder.
Para levar a cabo esta proposta o concelleiro nacionalista apuntou que consultara tamén con filólogos cangueiros como o imprescindíbel nesta materia, Iván Sestay (realizador dun gran traballo previo) ou o propio Henrrique Arguindey ademais da Comisión de Toponimia de Galicia que deron o visto e prace a esta moción tan necesaria. Tamén se buscou o consenso dos outros grupos. Por tanto, Mera pediu o voto a favor sostendo que a imaxe da vila gañará e lembrando que o que recolle esta moción non é custoso dado que o traballo, grazas ó compañeiro Sestay, xa está feito.
Xosé Manuel Pazos, o voceiro da ACE, manifestou o voto favorábel deste partido e agradeceu en nome do noso grupo a dilixencia de Mera por retomar este asunto que xa fora aprobado na lexislatura 2003-2007 (a proposta da Fronte Popular Galega, agora formando parte determinante da ACE a nivel local) pero que non se chegou a completar debidamente. Ademais cómpre que, no futuro, a modificación e ampliación no rueiro contemple antes de nada o traballo de Sestay.
O concelleiro da Alternativa denunciou que, co crecemento poboacional irregular, os nomes de lugar nos últimos anos foron marcados polos promotores inmobiliarios. Para impedir este tipo de situacións, o noso grupo botou en falta nesta proposta, e así o manifestou Pazos no pleno, un instrumento para materializa-lo obxectivo que persegue a moción: unha Comisión de Toponimia. Pazos coincidiu con Mera en que a microtoponima é a parte máis afectada, polo que reclamou que se parta do traballo feito e se continúe contando tamén coa colaboración veciñal. Hai que ir aplicando o traballo de Sestay ás zonas novas que foron aparecendo, isto é, adecua-la conservación toponímica á realidade que se está a dar. Ademais o noso partido deu a coñecer uns puntos innegociábeis para a devandita preservación e que nos fixo chegar o propio Sestay:
1. -Considerar, para tódolos efectos, a toponimia cangueira como patrimonio inmaterial. Trátase do estrato cultural máis antigo que se conserva no concello, moitas veces con moitos más séculos de antigüidade que os elementos patrimoniais máis antigos e senlleiros de Cangas. Revisión e corrección daqueles topónimos que, malia a estar conservados en rótulos conteñan erros ortográficos ou outros.
2. -Protección subsecuente dese patrimonio inmaterial, xa que está en grave perigo de extinción (deixariamos botarlle unha capa de asfalto por riba dunha mámoa?; polo mesmo non podemos deixar morrer no esquecemento a un topónimo prerromano como O Boudaguas, por exemplo, de antigüidade comparable á dunha mámoa).
3. -Visibilización do patrimonio inmaterial toponímico, como única maneira actual posible de salvagarda: bautismo de rúas e camiños cos seus topónimos tradicionais, etc.
4. Protexer, salvagardar e VISIBILIZAR os microtopónimos dos lugares onde se vaian facer novas construcións: rúas, edificios...
5. Restituír a toponimia tradicional daquelas rúas ou edificacións que a ocultaron cunha denominación moderna, a miúdo ridícula e nunca histórica.
O goberno xustificou o voto en contra porque asegura que o traballo xa se foi facendo e porque os orzamentos teñen limitacións e, por este motivo, non casan ben con algúns dos puntos da moción.
Para nós é vital que se recupere o traballo minucioso e científico de Iván Sestay. Do mesmo xeito, non imos consentir que se volvan cometer aberracións e mesmo que se corrixan as xa feitas no noso rueiro. Tal é o caso da rúa Arrecife no Salgueirón por non nomear Lajes do Pico, Barbate, Santa Pola e outras polo estilo mediante as que se están a solapa-los nosos topónimos tradicionais (xa recollidos e clasificados!) con estes nomes de localidades doutras latitudes. Non entendemos como nestes casos non se bota man da recolleita do mencionado especialista que conta tamén cunha grande experiencia facendo traballos como o do Val do Fragoso onde recuperou, clasificou e analizou etimoloxicamente a toponimia toda das parroquias viguesas de Coia e Lavadores (en senllas obras publicadas pola Universidade de Vigo) que corrían grave risco de desaparición debido ó desmesurado crecemento urbano. O filólogo cangueiro, que deu a coñecer que o noso era o concello con máis topónimos do país, ademais doutros labores fóra da nosa bisbarra, tamén ten feito extensos traballos de recuperación no relativo á subárea da hidrotoponimia revitalizando o nome das realidades da nosa franxa marítimo-costeira. O seu traballo vai máis alá de buscar e tratar cos informantes, cotexa esas informacións nos catrastros municipais (no caso de Cangas hai máis de un con arredor dun cento de anos de antigüidade) e logo no Castastro do Marqués da Ensenada de 1742 que está gardado no Arquivo Provincial. Moitos dos topónimos, varios deles de etimoloxía preromana, van aparecer nese documento senlleiro mentres outros, por ser posteriores ou non seren rexistrados na altura por non teren interese socioeconómico ou tributario, van esvaecer a través do tempo ou, por contra, poden ser conservados polos veciños debido a razóns instrumentais. Unha outra parte do traballo na que este investigador destaca sobranceiramente, malia a súa preparación comezar ben cedo e de carácter eminentemente autodidacta, é no apaixoante esclarecemento das orixes semánticas e fonético-fonolóxicas dos devanditos topónimos. Capacidade esta aínda máis potenciada cando un aínda máis mozo Iván Sestay se achega a outro dos grandes da nosa toponimia, recentemente nomeado membro da Real Academia Galega: Gonzalo Navaza Blanco.
O crecemento urbanístico e a modernización do modo de vida pon en perigo estas realidades dignas de preservar por facérennos culturalmente máis ricos e identitariamente máis fortes. Velaí a necesidade e transcendencia destes estudos de recuperación.


6. O goberno bota abaixo a moción conxunta contra ACCIONA

A Alternativa Canguesa de Esquerdas presentou unha moción conxunta xunto co BNG e co PSOE a prol da defensa dos veciños afectados polos cobros de ACCIONA. Temos constancia de que lles están a chegar denuncias ós veciños. Xosé Manuel Pazos pediulle ó concelleiro de Medioambiente que, como cando estaba na oposición, faga declaracións contra esta empresa por persegui-los veciños con demandas. O certo é que na prensa só sae Sotelo falando sobre esta problemática. A empresa mesmo pretende cobrar recibos onde non ofrecen servizo. É o caso dunha vintena de casas de Coiro que verten ó río Bouzós. E é evidente que o responsábel de Medioambiente non preparou ningunha sanción contra a empresa porque se non xa tería saído na prensa.
Hai que dicir que houbo casos nos que se desestimou este tipo de demandas, mais non foi a empresa senón o xulgado. En troques, como dixemos, hai outras que lles seguen chegando ós veciños. O noso concelleiro botoulle en cara a Graña soster que mantivo catro xuntanzas coa empresa para non dar tirado ningunha solución. Para nós é evidente que o goberno está pillado pola débeda e cómpre negociar ben para que non se perxudique o concello e os veciños.


7. O noso partido solicita acción para que se constate a ampliación do Parque Empresarial de Morrazo

O bipartito tamén trouxo a pleno a aprobación definitiva do proxecto sectorial do Parque Empresarial de Morrazo. Pazos substituíu a Abalo na intervención durante esta moción pois, este último, tivo que se ausentar do pleno por motivos persoais. O noso voceiro sinalou que chama a atención que sexa o PP quen inste á Xunta de Galicia porque durante a campaña das municipais dixo que de gañaren tendo o "goberno amigo" en San Caetano isto ía ir de marabilla. O certo é que non negociaron cos concelleiros do ramo e iso que son un "goberno amigo". O que non é de recibo é facer estes brindes ó sol sacando notas de prensa supostamente belixerantes co goberno autonómico cando a realidade é outra e cando nin se quera se intentou un contacto coa Xunta e coa consellería correspondente. O que necesita este proceso é acción e non palabrería baleira. Sostemos que é necesaria a ampliación do parque empresarial pero, unha vez máis, falta información sobre a calificación do solo, etc. Por tanto decidimos non entrar en votación porque nin o consultaron coa Xunta pero, en troques, tráeno ó pleno. Os restantes grupos da oposición votan a favor da proposta do goberno.


8. A ACE secunda o Plan de Igualdade pero critica a hipocresía política do partido do goberno
en instancias onde lle compete lexislar

O último punto da orde do día era a proposta do goberno de aproba-lo "III Plan de Igualdade de oportunidades e trato de mulleres e homes de Cangas". Maruchi Álvarez pediu a palabra para parabeniza-la concelleira e aproveitou para manifestar que hai cousas neste plan nos que participara ela mesma na súa elaboración con anterioridade. O ideal sería que realmente houbese o mesmo trato, obrigas e deberes e que non fixese falta ningún plan de igualdade. É mester recordar, e así o fixo a nosa concelleira, que a Xunta vén de aprobar unha nova lei de familia que bota por terra moitos logros acadados polas mulleres. Pasos atrás que supoñen concebi-la muller, practicamente, como unha persoa que só serve para parir, facer de incubadora e logo de criada. Agora o goberno estatal quere eliminarlle ás mulleres tamén o dereito a decidir sobre o seu corpo, sobre o aborto, etc. Para remata-la súa intervención, a concelleira e sindicalista, insistou na necesidade de loitar por que os homes e mulleres teñan os mesmos dereitos e obrigas tanto en Galicia, como no Estado Español ou no mundo.


Rogos e preguntas

Neste espazo dedicado a preguntas que se lle fan ó alcalde unha vez rematado o pleno, Pazos recordou que nun pleno anterior Sotelo falara da desafectación da Escola Vella de Coiro para que pasase a ser de uso social e veciñal. O rexedor local responde que seguen a xestionar ese asunto.
O noso voceiro tamén manifestou o malestar da ACE pola situación de certos colectores do lixo, sobre todo nas parroquias que mesmo supoñen un perigo ó afecta-la circulación de automóbiles e peóns como é o caso rechamante da entrada do Colexio de San Roque, sito no vello Campo da Cruz na contorna do Tobal.
Maruchi Álvarez tamén pediu a palabra para pór de relevo a preocupación dos veciños de Aldán polas obras da baixada á praia de Menduíña. Nas beirarrúas que pasan por diante das casas (sobre todo as que teñen garaxe) fanse unhas rampas esaxeradas que dificultan o paso dos peóns que mesmo se teñen que desprazar ó medio da estrada para pasar se van con algún utensilio de rodas como un carro da compra ou de leva-los mociños. Comprerías eliminar ó máximo esas incómodas pendentes.