Pazos solicita claridade nas actuacións previstas para o 2012 na área de Cultura

O Sr. Concelleiro de Xuventude, Ensino e Cultura, deu por fin mostras de actividade máis aló de xestor de panoramas e vén de anunciar publicamente a recuperación, para este ano 2012, do programa “Directo Xove” (enfocado cara a promoción de grupos musicais formados por xente nova), prevendo para o mesmo un investimento de entre doce e trece mil euros.

Dende a ACE non podemos máis que aplaudir tal iniciativa que debe servir de exemplo, dado que sempre defendemos que os “recortes” obrigados pola situación económica do Concello nunca deben ser totais en áreas fundamentais como Cultura, Xuventude, Deportes, etc... (aínda que moitas veces poidan ser consideradas “menores” pola ignorancia), senón proporcionais ás necesidades, garantindo sempre a prestación de servizos públicos básicos na medida das posibilidades (e o dereito de acceso á Cultura, por exemplo, é, sen dúbida, un deles).

Mais a estas alturas descoñecemos se esta disposición do Sr. Gestido vai ser unha “ocorrencia” e quedar só na iniciativa musical antes nomeada, ou se vai achegar, ó mesmo tempo, a outras actividades fundamentais para a cidadanía deste concello e que pertencen tamén ás súas áreas de xestión, como son a “programación cultural estable do Auditorio Municipal”, ou outra máis concreta, de altísima participación popular e resonancia internacional, como é a “Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas”, a de maior continuidade de toda Galicia (28 edicións ininterrompidas), e a máis importante tamén, xunto coa Internacional de Ribadavia. Temos razóns para nos preocupar pois xa fomos testemuñas desas actuacións en Cultura tendentes ó desmantelamento da Escola Municipal de Teatro.

Por todo o anterior, e dado o interese deste grupo municipal pola promoción cultural na nosa vila, é polo que o noso voceiro, X.M. Pazos, presentou este 27 de xaneiro as seguintes preguntas, solicitando resposta escrita ás mesmas:


  • Canto prevé investi-la Concellería de Cultura na programación cultural estábel do Auditorio Municipal para este ano 2012?

  • Que previsións se teñen cara a reincorporación de Cangas á Rede Galega de Teatros e Auditorios, obxectivo manifestado publicamente polo concelleiro do ramo? Que previsión de prazos se fai cara a esta reincorporación?

  • Canto diñeiro se destina no orzamento do 2012 para o desenvolvemento da XXIX Edición, este ano, da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas?