O bipartito descoida gravemente o noso patrimonio

Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas vimos denunciando reiteradamente, pleno tras pleno, con este goberno municipal e tamén co anterior, o tratamento que se lle está a dar á zona vella de Cangas na súa fachada principal coas obras que nela se acometen.

Denunciamos xa cando se obrou na Praza do Arco, e agora na da Constitución, o total incumprimento das medidas obrigadas polo PEPRI no relativo á pavimentación, ó mobiliario urbano e á adopción de medidas tendentes a preserva-lo patrimonio (estudo arqueolóxico previo a calquera actuación por se aparecesen restos de interese).

Efectivamente, a pavimentación tradicional de pedra ou lastro está a desaparecer a marchas forzadas substituída por placa de granito que non se axusta ó estipulado, o mobiliario que se está a instalar (farolas, bancos, xardineiras, etc.)fai gala dun estilo “kitch” que para nada se achega ó contemplado na regulación en vigor e, a falta dun estudo arqueolóxico previo, pon en perigo posíbeis achados (pedras labradas, columnas ou outros anteriores que puidesen aparecer) que estarían condenados de tódolos xeitos a ficaren soterrados.

Dende a ACE vimos esixindo, e continuaremos a facelo, un maior rigor nas actuacións do casco, en consonancia coa importancia que este tivo e ten na conformación dunha vila mariñeira.

No tocante ó río da Adega que decorre pola Praza da Constitución, este é coñecido dende hai moitos anos e recolle as augas da parte alta da vila (nace na Fonte Ferreira e úneselle, antes de chegar á dita praza, o regato da Lavandeira que nace na Fonte da Mina, sita na Rúa Real, antigamente da Calzada) para deitalas no mar á altura da praza de abastos. Mesmo levando moitos anos soterrado, o actual goberno non preveu ningunha actuación nel que non fose agochalo de novo (nin estuda-la súa situación actual nin o seu posíbel saneamento se for preciso, nin moito menos o seu descubrimento). É certo que ó mellor non resulta factíbel pero a cuestión é que nin se reparou na posibilidade. O caso é tapar e soterrar sen importar que debaixo quede a nosa historia.