Cangas foi, é e será mariñeira. Con Evaristo Fernández.

É un deber e unha honra para a Alternativa Canguesa de Esquerdas expresa-lo seu máis incondicional apoio ó Patron Maior da Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas nestes momentos relativamente incertos para a súa persoa. Rexeitamos e condenamos dun xeito rotundo e enérxico as ameazas anónimas e covardes que se lle fixeron chegar a través dunha serie de rótulos atopados na embarcación da súa propiedade, a súa ferramenta de traballo. E, nese sentido, esiximos ás forzas de seguridade que esclarezan os feitos coa mesma dilixencia coa que resolven outras problemáticas.

Os veciños de Cangas deberan saber que Evaristo Fernández é vítima destas presións por manter dende sempre unha postura contraria ó esquilme e á contaminación dos prezados recursos mariños que, cada vez máis, van a menos. Posicionamento que, na liña da restante directiva mariñeira, o honra no cargo pola incansábel defensa da ría e da enseada do Salgueirón. Loita esta ligada ineludibelmente á concepción dun Massó público e preservador do medio.

En definitiva, queremos brinda-lo nosa máis sincera mostra de solidariedade e disposición a un home de fonda valía mariñeira. Un veciño que con orgullo de clase defende o sector e a profesión atendendo sempre a prácticas sostíbeis e criterios de raciocinio á hora de desenvolve-lo oficio. E, sobre todo, unha persoa plenamente contraria ás entidades e administracións que teiman en destruí-la pesca de baixura, a esencia da nosa vila. Un home que entende que Cangas foi sempre, éo agora e terá que seguir sendo mariñeira fronte os que asfaltan e contaminan a ría. E terao que seguir sendo aínda que pechen as conserveiras, aínda que sigan a impoñer leis restritivas co sector e aínda que retiren os nosos barcos de pesca da fronte marítima para atracar embarcacións deportivas. Cangas seguirá sendo do mar mentres haxa xente íntegra, digna de se chamar mariñeira, que lle queira e valore de verdade esta fonte impagábel de vida e de riqueza.