As débedas con Sogama fan periga-lo futuro da mancomunidade

O partido, coa responsabilidade política que nos caracteriza e ante o escenario de escurantismo ofrecido por parte das autoridades locais, vémonos na obriga de presentar unha moción plenaria para tratar de aclarar e resolver esta pouco desexábel situación. O certo é que, de maneira continua, vimos asistindo á aparición de novas a través da prensa local nas que se nos alerta e preocupa sobre unha grande e crecente débeda dos Concellos da Mancomunidade do Morrazo contraída con Sogama. Pero, por riba, tamén isto vai unido a declaracións do alcalde desta nosa corporación nas que manifesta, da mesma maneira que o concelleiro de Facenda, que non sabe se, no período que lle corresponde da Presidencia do ente supramunicipal, se vai facer cargo da mesma para tratar de eliminala.


En definitiva, este grupo municipal da ACE considera que tanto a débeda incrementada e incontrolada como a decisión política de non asumi-la responsabilidade legal da Presidencia que lle corresponde por quenda ó Concello de Cangas, pode derivar na desaparición da Mancomunidade; e, ó parecer, a decisión pode estar vinculada a presuntos informes xurídicos dos que este grupo municipal non ten constancia nin do seu encargo nin do seu alcance.

Consideramos, xa que logo, que todo o que está acontecendo debe ser coñecido, valorado e decidido por esta Corporación Municipal e nomeadamente polo órgano soberano do seu Pleno. Por iso propoñemos que por este mesmo órgano se adopten os seguintes acordos:

1º Que se poña a disposición dos grupos municipais toda a información da que se dispoña, tanto no relativo a débeda xerada, como do presente e futuro da Mancomunidade, para que os grupos municipais poidan opinar e decidir con coñecemento e criterio sobre este asunto.

2º Solicitar, como corporación Municipal de Cangas, a celebración dunha Asemblea Extraordinaria para debater e decidir sobre este asunto.