Apróbase a moción conxunta contra os embargos malia a unilateralidade do BNG

Este xoves 12 de xaneiro tivo lugar un pleno bastante intenso que se prolongou durante case tres horas. As dúas mocións propondo medidas para evita-los desafiuzamentos no noso municipio recollían exactamente os mesmos presupostos seguindo as directrices da Plataforma de Afectados pola Hipoteca na comarca. Así e todo, non se sabe moi ben por que motivo, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción a parte dos demais grupos sendo xa cuestionado por algún concelleiro do goberno na sesión plenaria de onte. Ese oportunismo xa fora tamén denunciado pola nosa agrupación cando anunciámo-lo noso apoio ós afectados polos embargos. E, ante as evasivas do BNG a retira-la súa moción, o alcalde viuse na obriga de propor trata-las dúas conxuntamente.

Ademais de xente do colectivo do 15-M e algún camarógrafo, entre o público estaban os propios afectados que pediron a palabra para explica-la súa terríbel situación. Ademais da incautación da vivenda, atópanse endebedados con 200, 300, 400 mil euros segundo os casos que van subindo cos xuros que se van acumulando. Por tanto, este colectivo onte pediu unidade para que familias enteiras, mesmo con anciáns e nenos, deixen de pasar polo que están a pasar. O primeiro concello en se sumar a esta medida foi Moaña e Cangas pasará a ser o segundo en toda Galicia que tome medidas dende as institucións locais contra os embargos. Piden así que os gobernantes dos municipios intercedan ante as financeiras con sedes na localidade para que concedan a dación de pagos. Finalmente a voceira deste colectivo lembroulle ós políticos que arestora hai pendentes once execucións hipotecarias en Cangas. De feito, hai uns días houbo na nosa vila unha mobilización que consistiu na concentración diante dunha das financeiras. Advertiu, asemade, que malia a policía que manden non se van deter na consecución da súa causa, polo que este partido xa lle ratificou e ratifica o seu apoio para futuras actuacións sexan do carácter que foren.

Xosé Manuel Pazos, malia estar convalecente por un recentísimo accidente de tráfico, quixo estar presente na sesión plenaria de onte para exerce-las súas funcións como representante público elixido soberanamente polo electorado cangueiro. Logo de expresa-la súa profunda solidariedade, e a de ACE, co colectivo de afectados pola hipoteca, procedeu a facer unha análise global da situación. Aseverou que actualmente estase a usa-la palabra crise de xeito erróneo. E é que, ó noso entender, estamos nunha época de especulación e de fomento da riqueza para algúns e de crise, efectivamente, para aqueles que contan cunha economía máis feble. Non é admisíbel que xente que non pode facerlle fronte a unha débeda que teña que, por obriga, seguir a pagar. E menos de recibo aínda é que directivos de banca vaian para casa con millóns nos petos e que ninguén llos faga devolver ademais de duques, infantas e todo o séquito de carracheiros a se lucraren, tamén superando os límites da legalidade, aínda que ese non sexa o tema agora cos desafiuzamentos.

O voceiro de ACE incidiu en que non vale dicir que o concello non ten competencias. Non as terá para mudar determinado tipo de leis pero si ten para actuar posto que os embargos están a afecta-los nosos veciños e o seu benestar. Por tanto hai que actuar. Debemos dirixirnos como un concello máis e facer avalancha contra as Cortes para que cambien esta lei. Non é de recibo que un veciño noso, ou de ningunha outra parte do país ou do Estado, perda o ben e teña que seguir pagando a débeda. A entrega do ben inmoble xa ten que quedar suficientemente liquidada a débeda. Iso si, hai que evitar que ninguén quede na rúa se non ten onde acubillarse. Por tanto, unha medida paliativa pode se-lo aluguer social. Non é a panacea pero témo-lo exemplo de Tui onde o seu alcalde mediou coa banca e conseguiu que a afectada quedase na vivenda en réxime de aluguer ata normaliza-la súa situación.


A ACE rexeita por coherencia as propostas insuficientes sobre o Corredor

Os puntos 8, 9 e 10 foron tratados conxuntamente pois todos versaban sobre supostas propostas de mellora para o Corredor do Morrazo ó que nos viñemos opondo dende ben atrás e a nosa postura segue a ser coherente como mesmo onte nos recoñeceu o propio alcalde cando mantiña un tirapuxa co BNG verbo da súa actitude de virachaquetas segundo a situación. Votaron en contra, estiveron nas mobilizacións contrarias ó Corredor cando a voz contraria da veciñanza era clara e firme pero tamén estiveron en primeira liña durante a inauguración cos promotores da Xunta e da COTOP cando os altos cargos públicos viñeron corta-la fita e a se felicitar pola execución.

A proposta máis radical e abertamente lesiva (aínda que as dos demais, malia o pedimento difuso de “melloras”, tamén podan ir encubertamente encamiñadas nesa dirección) é a que propón sen ambaxes o PSOE. Os socialistas españois optan directamente pola construción da autovía no Morrazo. O noso partido, loxicamente, non pode estar máis en desacordo e, mantendo a postura contraria a esta infraestrutura, situámonos máis ben a prol de medidas paliativas como as medianas e mesmo o peche da estrada mentres non se tomen medidas que eviten a alta sinistralidade.

Mariano Abalo manifestou o malestar da ACE xa que unha obra que se inaugurou hai nada, como é a chamada “Vía Rápida”, non é de recibo que agora se diga que se opta polo desdobramento. A parte de resultar ser unha fábrica de mortos é unha estafa. Estamos ante unha obra altamente destrutiva en moitos sentidos, un disparate económico e ambiental que adquirirá proporcións descomunais de se converter en autovía.

Sen dúbida, máis do que pedir responsabilidades políticas, o que habería é que leva-los responsábeis desta aberración ante a xustiza.

Para nós era evidente xa cando se iniciaron os proxectos hai dúas décadas que o Corredor non ía resolve-los problemas de comunicación da comarca. Nese sentido, e como en todos estes anos, Abalo avogou pola realización das circunvalacións e a promoción do transporte público e colectivo para vertebra-las áreas de Pontevedra-Morrazo-Vigo. Este tipo de actuacións ademais, loxicamente, potenciarían o desenvolvemento e a riqueza da nosa contorna. Por tanto, o noso histórico representante non escatimou en propostas e, recuperando vellas alternativas do noso equipo, incidiu na necesidade de facer un debate de fondo calado en sintonía e integración cos que xa se están a dar como os promovidos polas plataformas da mobilidade. Ante a cara, avinagrada pola envexa, da voceira do Bloque que non é máis ca un clon defectuoso dese detrito filofascista chamado Clara Millán, Abalo porfiou na participación da veciñanza nestes conclaves de discusión veciñal e asemblearia. E, na liña deses debates que se teñen que dar e se están a dar, volveu reivindica-la execución das circunvalacións e unha potenciación ambiciosa do transporte público non só por terra, senón tamén por mar tendo en conta a nosa situación xeo-estratéxica metidos nunha comarca entre dúas rías e dúas urbes como Vigo e Pontevedra.

Pazos tamén tomou parte neste debate. Lembroulle ó goberno que non entramos neste xogo de vía rápida, autovía... que non vai coas nosas posicións dunha vertebración do tráfico máis sostíbel e efectiva. O peor, sinalou, é que se perderon vidas, ademais de diñeiro e oportunidades. Deste xeito o noso voceiro motivou que non entrásemos en votación xa que, ademais, non se entra a fondo no problema. Pazos recordou ós presentes que estamos nunha península onde se produce un nó nas comunicacións. Por tanto, na liña de Abalo, sostivo que hai que propiciar sermos un lugar de intercomunicación con Vigo e Pontevedra.

En nome da Alternativa repetiulle ós grupos da corporación que o proxecto de Feixó (daquela na COTOP) foi unha chambonada. Os estudos de impacto son de encargo, de xoguete e xa miramos en que se materializou o proxecto.


Recuperación de fontes e lavadoiros e cobro por consumo real da auga

Pazos deu lectura da nosa moción relativa ó cobro da auga por consumo real. Xa a levaramos a pleno non hai tanto pero fora desestimada considerando que era inviábel dado que a concesionaria tiña estipulado o actual tipo de cobro ata unha determinada data. O que solicitamos entón agora é que para a sinatura da próxima concesión se contemple, sen máis escusas e dilacións, o cobro por consumo real que nós consideramos que é o xusto. O PSOE non estaba moi de acordo coa nosa consideración e optou pola abstención pedindo o retraso do asunto ó momento en que caduque a concesión.

Noutra orde de cousas, aproveitamos para sinalar neste punto que o voceiro desta última agrupación, Martín Piñeiro, foi increpado dende o público por utiliza-la lingua oficial pero alóctona e foi convidado a usa-lo galego xa que está a ocupar un posto nas institucións públicas. Nosoutros tamén consideramos que esta debera se-la practica normal mais algúns representantes teiman en se inclinar por posturas máis “chic”, xacobinas, unionistas ou como as queiramos chamar acorde cunha corrente importante do seu partido no noso país.

O punto 11 da orde do día recollía unha nosa moción sobre a recuperación de fontes e lavadoiros en mal estado de funcionamento e conservación. Referímonos máis ca nada a fontes e lavadoiros tradicionais. Xosé Manuel Pazos remarcou que é este patrimonio material especialmente a protexer. Moitos deles están ademais en uso no caso histórico e, sobre todo, nas parroquias. Hai unha chea deles en estado desastroso, algúns recuperados hai anos pero que igualmente se foron deteriorando.

O noso voceiro aproveitou para preguntar se estaban inventariadas estas pezas do noso patrimonio dos que si sabía que había estudos dalgúns deles e o coñecemento exhaustivo por parte dalgúns funcionarios. Deste xeito propomos elaborar ou completar un informe detallado sobre a situación na que se atopan as nosas fontes e lavadoiros para actuar en consecuencia. Ten que haber un proxecto e plan de actuación segundo as prioridades. Asemade, cómpre que o goberno local xestione as axudas que poda acadar doutros organismos como a Deputación, a Xunta, Ministerios ou mesmo da UE xa que haber hainas.


Abalo non descarta mobilizacións veciñais ante o incremento do IBI

Houbo onte unha moción de urxencia relativa ó incremento do IBI e ó que este partido xa contestara publicamente nada máis coñecerse a nova. Agora parece que, unha vez máis, a concelleira Giráldez se ve desbordada polas tomas de posición dos demais e atropeladamente, con catro horas de antelación, presenta unha proposta carente de contido. Nese sentido o propio Abalo sinalou que as mocións de urxencia teñen o problema de que non se poden coñecer polo miúdo se son presentadas con esa celeridade e escasa marxe de tempo. Así e todo hai que pronunciarse como o require un asunto desta índole. Para instar, solicitar e dar traslado dámo-lo apoio pero, como incidiu o noso concelleiro, faltan medidas para buscar unha saída co cal quedamos a medias en canto ó que soluciona-la problemática se refire. Nosoutros, queremos deixar claro, non esperamos nada do goberno, nin das institucións e nin sequera dos políticos e este incremento é desproporcionado e considerámolo gravísimo. En conclusión: apoiamos esta moción pero reservámonos outras solucións legais ou de calquera outro carácter.


Praia dos Alemáns, tarxeta sanitaria e Entroido do Hío

Héitor Mera, na liña doutras nosas propostas en anos anteriores, presentou tamén unha moción para solicita-lo acondicionamento do contorno da praia dos Alemáns, incluíndo o seu acceso que, arestora como é sabido, está difícil. Na moción proponse falar cos veciños con propiedades para negociar un acceso que non atente contra o areeiro. O concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Graña, responde a proposta de acondicionamento de Mera falando de inviabilidades e falta de financiamento e Abalo insístelle ó goberno en que Costas se ten que involucrar no proxecto. A ACE pide que o apunte do noso concelleiro conste ineludibelmente na acta.

Tamén, e aí tamén conta co apoio incondicional da ACE, a moción propón a recuperación do topónimo tradicional da praia para que conviva co que está alicerzado nas capas populares máis novas. O certo é que grazas a contribucións como os traballos de campo de Iván Sestay este partido pode apuntar máis do que algún dato sobre os nomes que hai no lugar e contribuirmos á súa divulgación. A mal chamada praia dos Alemáns en realidade é a praia do Solano; a seguinte praíña que hai despois dela é a praia da Cova da Lontra (a que está xusto por baixo da antiga cetaria e cocedoiro de mexilón); despois xa vén a praia do Canaval (non do "Carnaval" como se le nalgún mapa), da cal unha metade é de Coiro e outra de Tirán. Entre a praia da Cova da Lontra e a do Canaval hai una zona areosa que cobre e descobre coas marés, debaixo tamén do cocedoiro de mexilón e, á beira do peirao de Pilo, que se coñece como A Ribeira da Xan da Garda. O topónimo de Praia dos Alemáns temémonos, seguindo de novo a Sestay, que é bastante recente. Por un lado, están as faladurías populares relativas á presenza de submarinos nazis e continxentes deste exército na zona. Dende logo non negámo-la súa presenza na ría en períodos históricos marcados polo belicismo e nos que o Estado Español mantiña relacións de cordialidade coa Alemaña hitleriana. O que si nos parece máis improbábel é que o novo topónimo veña da man destas circunstancias por máis que algún uniformado xermano chegase a se deitar nas areas da Praia do Solano. O máis factíbel é coherente sería pensar nun feito histórico perfectamente constatábel que daría máis sentido a este solapamento toponímico: na Costa do Cuco, no cruzamento do Camiño Vello de Rodeira coa estrada Xeral e o camiño que vai á ermida de Santo Domingo, hai unha casa de dous andares, hoxe deshabitada, que se chama A Casa do Cónsul, porque antano era propiedade dos cónsules de Alemaña en Vigo; esa casa tiña unha granxa moi grande por baixo que chegaba case ata a praia do Solano, por iso non que non lle pareza raro a ninguén que a praia do Solano se pasase a coñecer popularmente como praia dos Alemáns en referencia ós cónsules de Alemaña que tiñan casa e terras por riba desa praia... Parécenos, xa que logo, unha explicación máis lóxica.

Houbo tamén unha moción presentada dende a oposición relativa á anulación das tarxetas sanitarias a persoas desempregadas e sen recursos. Dende o goberno quíxose facer unha emenda para unificar criterios á hora de insta-lo goberno central mais a nosa concelleira Maruchi Álvarez interveu para aclarar que non é preciso tal engadido en virtude dunha disposición que xa a complementa. Apuntou tamén que a problemática é grave, a falta de atención sanitaria podería adquirir características autenticamente terceiromundistas de non ser polos centros que están, polo de agora, atendendo a todo o mundo e non mandan a estes pacientes por urxencias ou para casa sen atender.

Por último, o nacionalista Daniel Gutiérrez achegou unha proposta coa que a Alternativa Canguesa de Esquerdas manifesta o seu total apoio: a protección do Entroido do Hío que, como é sabido, ano tras ano está sucumbindo ó seu paulatino desmantelamento non pola chegada masiva de xente, que iso non ten por que ser negativo, senón pola dificultade na realización das actividades tradicionais. Non é lícito que toda a festa consista nun macro-botellón grotesco con hordas de auténticos lercháns drogados rompendo parte do inmobiliario da veciñanza e prendendo lume as palleiras. Iso para nós, como partido conservacionista en materia de tradicións e sinais identitarias nacionais, non constitúe máis có feito de mata-lo pouco Entroido tradicional que queda.