A ACE esixe repoboa-la paisaxe dunar de Rodeira

O Grupo Municipal da Alternativa Canguesa de Esquerdas quere denunciar publicamente, e tamén o fixo a través da prensa, a actuación da empresa encargada dos traballos no paseo marítimo de Rodeira pola súa actuación no tramo final do mesmo, cara a desembocadura do rego das Saíñas.
E é que, no tramo entre o monolito e o devandito esteiro, pola marxe dereita (é dicir, enriba mesmo das dunas que singularizan esta praia) procedeuse a un desbroce total da vexetación existente, poñendo en perigo a existencia das mesmas ó queda-la area sen fixación.
Ademais, no colmo dos colmos, cando a veciñanza se decatou e denunciou a desfeita que se estaba a acometer, procedeuse a cavar na area e a volver espicha-las xestas no chan, nun arremedo de “portal de Belén” artificial que non vai servir de nada, pois é evidente que van caer ou secar como xa se está a ver nalgúns exemplares. Convidamos a aqueles escépticos a se achegaren á zona e a termar dunha destas xestas e, ó lle quedar na man, poderá comprobar como nin sequera están enraizadas na area.
Dende a ACE pedímo-las explicacións públicas do concelleiro de Medio ambiente, autoproclamado “azoute” opositor e “aguerrido” defensor do medio noutras épocas anteriores e sospeitosamente calado na actualidade en todo o que se refire á súa área de competencia.
Ó mesmo tempo, pedimos que se lle esixan responsabilidades á empresa infractora e unha actuación decidida encamiñada a repoboar de vexetación “real” –non de adorno- esa parte desbrozada para fixa-la area e evitar mesmo a desaparición das dunas afectadas.