O bipartito aproba uns orzamentos sustentados no recorte e no enchufismo

O pleno extraordinario celebrado este 30 de setembro aprobou cos votos do bipartito PP-Faro Lagoa os orzamentos previstos para o ano 2012. ACE e Bloque optaron por votar en contra mentres o PSOE preferiu inclinarse pola abstención. E, aínda que o digamos nós, é de merecido recoñecemento o labor de impagábel perseverancia ó servizo popular que está a realiza-lo noso partido xa non só por todo o constatado neste pleno senón xa dende antes do comezo da lexislatura e dende hai décadas, por suposto. Pero hoxe, a actuación de Xosé Manuel Pazos, Maruchi Álvarez e Mariano Abalo hai que dicir que foi soberbia ó unisono por parte dos tres concelleiros facendo rebulir dos seus asentos tanto a unha, máis ca nunca, amormada esquerda teórica como a todo o equipo de goberno ó completo.
Estaba previsto que só intervise o noso voceiro mais as circunstancias de alongamento da sesión, de teren en fronte un goberno testán e, ó lado, uns compañeiros de bancada faltos en capacidade de reacción ante un asunto da índole que tiña o que se abordou este vernes no concello, fixo necesarias tamén as intervencións dos edís ligados á FPG. Mostraron máis unha vez pra que están aí e quen está a leva-lo peso todo do labor da oposición dende que se constituíu a nova corporación e sen que ofreza ningún xénero de dúbida a calquera espectador que acuda un día ou asiduamente ós plenos. Partíndomos duns medios modestos que posuímos, a actividade dos nosos representantes está a ser frenética, o noso grupo municipal e a militancia deste partido está a traballar arreo. Por tanto, animámo-la veciñanza a acudir ó desenvolvemento destas sesións plenarias de tanta transcendencia para Cangas pois a presenza e participación do pobo é crucial para soste-los envites e as políticas de dereita que veñen e que poidan vir do goberno de Sotelo.

O alcalde procedeu a facer unha introdución antes da presentación destes orzamentos polo concelleiro de Facenda e sinalou que máis de 700 mil euros irían dedicados ó apartado de Persoal. Ó remate da súa intervención tamén publicitou un futuro "plan de saneamento" para rehabilitar economicamente o concello. Non sabemos se fixo caso das nosas insistentes peticións de diálogo e cooperación que vimos mostrando dende hai meses pero de momento a nós non nos veu pedir colaboración nin o goberno nin ningún representante particular do Partido Popular.

O concelleiro de Facenda, don Pío Millán, para defender esta proposta de dereitas insistiu na situación complexa na que se atopa o concello como excusa a esta defectuosa alternativa que amosa a evidente falta de imaxinación e capacidade de xestión de Millán e do goberno que parece só querer vivir dos "agasallos" que de cando en cando caen da Deputación ou da Xunta. Alegando entón ter un sentido realista da situación restrinxiríanse outras opcións de propostas orzamentarias. Deste xeito, o responsábel de Facenda asegurou que ou se aumentan os ingresos ou diminuímo-los gastos. Nese sentido asegurou que o goberno ten as mans atadas e non lle queda outra que recorrer á subida de impostos (vehículos, plusvalías urbanas, etc). Nosoutros pra nada estamos de acordo.



Pazos denuncia a falta de diálogo e os desfases en Persoal

A seguir produciuse a quenda de intervención do noso voceiro que brincou con que non era necesaria a intervención do concelleiro de Facenda despois de Sotelo ler por extenso os orzamentos aludindo claramente a inoperancia dos concelleiros no goberno e a obridada omnipresencia de control por parte do alcalde en tódalas áreas (menos na de Faro Lagoa, claro) para que non vaia o barco a pique.
Xosé Manuel Pazos
recordou ó público asistente que o alcalde fixera promesas en campaña como a de racionaliza-la situación financeira. Tamén prometera entablecer diálogo con tódolos grupos que non é o mesmo que ter talante que, dende logo, máis que Clara Millán parece que si ten e tampouco llo imos negar. Nese sentido Pazos desbotou os devanditos orzamentos e apelou a que tódolos grupos tiñan que se sentar a falar para planificar solucións atendendo tamén a tódalas achegas que veñan do conxunto do pobo.
O edil de ACE tamén criticou que se nos pasase a documentación a correr no último momento e só a que é obrigatoria pero sen mostrar ansias de diálogo nin vontade ningunha de buscar consensos. A escusa non pode ser "é o que hai" como sostén o concelleiro de Facenda para manter esa política de recortes e esa falta de cooperación na busca dunha saída non lesiva para os traballadores nin para a garantía dos servizos. En absoluto, pódense facer moitas máis cousas. A dereita no goberno presume agora de reducir un 9% en Persoal pero é mentira, pois eliminan prazas da RPT que non están cubertas privando asemade o concello dun fondo de traballadores/as necesitados que tamén valen para cubriren sustitucións por baixas, etc. Na rolda de prensa que ACE convocou onte xa denunciamos que o persoal de traballadores real non se ve reducido coas medidas que propón o noso goberno. Lonxe diso o que se fai é incrementalo pois créanse novas prazas colocadas a medida de certa xente amiga á que, unha vez máis, se lles vai facer un oco na algueirada vampírica de sangra-la economía xa ben desgaxada que temos no concello.
Ante estas medidas fraudulentas nalgúns casos e desencamiñadas na realidade do vieiro do aforro, o noso partido propúxolle ó goberno reduciren en prazas de funcionarios, como a secretaria, ou dos concelleiros que cobran por dedicación exclusiva. Os contribuíntes do pobo de Cangas deben saber que dúas concellerías con estes beneficios non valen de nada. É especialmente significativo o caso da concelleira de Persoal que, por media xornada que nin cumpre e na que sempre "delega" en Sotelo (e así o constatan a diario os nosos concelleiros e non só), obtén unha contía superior ós 1.000,00 euros que dificilmente cobran unha boa parte dos operarios galegos traballando a xornada completa e facendo horas veladas. Así e todo, Pío Millán, visibelmente acalorado, saíu ó paso entre espaventos asegurando ante o público que a súa compañeira era unha fervente traballadora que bota ata oito horas tódolos días no concello. E aínda afectado (non fose ser que non abondase) aseverou levantando o dedo furabolos que non dubidaba en ningún momento da súa valía e eficiencia no cargo. Ante uns traballadores tan acérrimos, cando haxa cartos no concello, quizabes a ACE lle solicite ó alcalde unha máquina de picar para que se rexistre e logo se recompense ese labor pertinaz duns concelleiros tan entregados ó traballo...
Pazos non perdeu a ocasión para cuestiona-las novas prazas que recollen os orzamentos do 2012 como é o caso do letrado que queren contratar e que pasará a cobrar case 5.000 euros ó mes. Aquí Sotelo aclaroulle a ACE que pensaba non lle renova-lo contrato ós asesores que había por áreas e que facían un traballo especializado cobrando bastante menos. Nosoutros pensamos que a medida do goberno vai en claro detrimento do atendemento a estas áreas e en prexuízo dos traballadores que van quedar na rúa.
Referiuse tamén á praza de Enxeñeiro Técnico Forestal ó que este partido non lle atopa a utilidade dentro do que vén sendo o concello como non sexa a de asesorar para que o goberno non permita que se estrague o noso entorno como xa denunciamos hai nada a respecto da zona dunar no areeiro da Praia de Rodeira.
Tamén mencionámo-lo caso das 12 limpadoras de camiños que virán cobrando o salario mínimo interprofesional que acaba de conxelar o goberno estatal na insultante cifra de 641 euros. Consideramos que esta situación é unha vergoña e coordinarémo-lo noso traballo político co movemento sindical para tratar de mudar este estado de cousas.
Pazos destacou que coa proposta orzamentaria que se aproba non hai redución senón que se aumenta o persoal do concello destacando os enchufismos e as irregularidades como os contratos que se amplían por ser persoal de confianza. Despois, e como xa dixemos, reducen en persoal pero non nas áreas de goberno.
O que tamén lle parece preocupante a este partido é a redución en investimento nun 36% e vanse desviar dos gastos correntes a este cometido. En definitiva, asistimos a como se van carga-las estruturas que cubren as necesidades do pobo de Cangas pois non se van mante-los servizos básicos nas concellerías. Por pór uns exemplos: en Cultura e a súa programación elemínana toda non destinando un pataco. En Educación as escolas asumen o mantemento das instalacións cando lle correspondería ó concello. En Obras e Servizos témo-lo mesmo desleixo funcionando unicamente como pedichóns da Deputación da que dependemos. Non hai, en definitiva, consignación orzamentaria. Habería máis sectores afectados, por suposto, mais todo se reduce a unha xestión deficitaria e clientelar. Entendemos, e así llo fixo saber Pazos ó goberno, que coa crise houbese unha baixada porcentual pero aquí pasouse a poda totalmente e deste xeito o concello non ten razón de ser nin serve de nada como institución de xestión pública.
Recalcámo-lo noso descontento con estes orzamentos sobre todo no apartado de Persoal, insistimos. E Pazos contestoulle a Millán que para nada teñen as mans atadas senón que o que non se pode é cortar nos investimentos e facer depender a Cangas doutras administracións a ver se arrían algunha esmola.
En resposta a unha intervención do concelleiro de Facenda, o noso voceiro respondeu ó retoma-la palabra que agora non lle tiñan que dar solución ningunha e queixouse de que o bipartito do PP-Faro Lagoa non establecesen canles de diálogo nin convocasen os voceiros malia as nosas ofertas mesmo de asesorar no saneamento económico. Parece un insulto agora que deciden presenta-los orzamentos xa pechados que veñan pedindo solucións cando nin contemplan deixa-lo tema dos orzamentos sobre a mesa para acadarmos unha alternativa consensuada. Asemade aclaroulle a Pío Millán que a cuestión non é só como ingresar cartos senón como gastalos, a disposición das partidas dirixidas con ecuanimidade e xustiza en aras da preservación e mellora dos servizos básicos en tódalas áreas ó tempo que se fomenta e fortalece o emprego.
Á intervención do agora concelleiro independente, Faro Lagoa, Pazos recordoulle que as débedas co concello empezaron moito antes e que, cando o noso partido tocou goberno, se foron pagando. Aínda está pendente a débeda millonaria da piscina municipal. Igualmente recordoulle que non chuspise tanto ó aire en canto ós últimos tempos da anterior lexislatura pois a ACE deixara de formar parte desa deshonroso goberno ano e medio antes.
Con todo e a pesar do enorme desacordo, a ACE non deixou de lle recoñecer ó goberno os aspectos positivos destes orzamentos: as prazas en segunda actividade (que deberan ser máis) e a petición dun crédito para lle ir pagando ás empresas endebedadas co concello como nosoutros xa viñamos esixindo dende aí atrás.
Salientamos que na chegada da Xestora a situación económica era máis ruinosa que agora pois de ano e pico sen goberno saímos adiante saneando totalmente as arcas do concello estando Moncho Fernández ó cargo da área de Economía e Facenda.


Abalo: "
Estamos dispostos a colaborar con tódolos grupos políticos e incluso con tódalas asociacións"

Mariano Abalo
comezou a súa intervención contestándolle o goberno por ridículas acusacións de enchufismo en épocas nas que os nosos concelleiros estiveron no poder. O noso concelleiro recriminou a Sotelo e ó seu equipo por utilizaren o infundio permanente facendo vale-la estratexia da Alemaña hitleriana que se sintetiza na famosa premisa de Goebbels, ministro de propaganda nazi: "unha mentira repetida mil veces convértese en verdade".
Do mesmo xeito, o noso concelleiro, respondeu as acusacións de contratar a persoal de confianza e outra serie de difamacións cando ademais determinadas medidas que se tomaron foron obrigatorias e non hai cor se comparámo-las contratacións que fan algúns con esas prazas que se reservaron para imprescindíbeis traballos de control e inspección sobre todo na área de Urbanismo. O funcionamento anterior á chegada de Abalo a esta área no goberno do 2007 non era nada bo chegándose a recibir sentenzas do TSXG contra o concello por tramitacións urbanísticas irregulares de diversa índole: a edificación da Regueira (nin a licenza foi legal nin se corresponde coa execución), a UA nº5, etc. E por non falarmos doutros temas urbanísticos que están tocados tamén por unha tramitación lamentábel e por non mencionar outros asuntos de gravidade relativos a outras áreas que esixirían un forte e pormenorizado seguimento.
Abalo centrou tamén a sua intervención no despilfarro económico facéndose eco, por exemplo, do escándalo que supón pagarlle a Consultora Galega pola adscrición que fixo ó POL. Non é de recibo facer charlas polas aldeas vendendo ese cometido para saír dicindo despois que o PXOM non se adapta a este plan de ordenación urbanística dependente da administración autonómica.
Seguidamente o noso concelleiro pasou a se dirixir ó señor Faro Lagoa que antes intervira e preguntou a que vén tanto recorte e fixo un novo relatorio das irregularidades na área de Persoal: a contratación ilegal na Casa da Xuventude, o super-avogado que se vai ocupar de tódalas áreas, a inexplicábel praza do Enxeñeiro Técnico Forestal, advertiu que as contratacións en segundas actividades non se poden facer a dedo, etc. E sobre todo acusou a Faro Lagoa dunha falta absoluta de congruencia despois da súa intervención, por un lado, en termos de despilfarro económico posto que o seu goberno trouxera nas festas do Cristo á orquestra Panorama que levara máis de 24.000 euros. Por outro lado, o concelleiro de Obras e Servizos non ten autoridade ningunha pra falar dado que o mesmo día da campaña electoral dixera que non ía pactar co PP se Sotelo era o alcalde e xa miramos como acabou o conto.
O que resulta evidente é que Cangas trascende a propia localidade e máis alá do que presentar emendas o que convén é cambiar de rumbo. Non se pode confiar nas directrices de xente como Solves ou agora Guindos. Os que deben dar exemplo son os que máis cobran. Se non estamos a condena-lo concello a unha situación de total ruína. Cómpre máis ca nunca potenciar unha lei de financiamento local e a creación dunha banca pública.
Abalo insistiu en que lle tendemos unha man ó goberno para levar a cabo unha política municipal cooperativa para propicia-la recuperación económica. Estamos dispostos a colaborar con tódolos grupos políticos e incluso con tódalas asociacións.


Maruchi Álvarez insta a Sotelo a deixar sen efecto as resolucións da alcaldía que estime oportunas

A nosa concelleira, igual que Mariano Abalo, non tiña en mente facer ningunha intervención mais, como xa dixemos, as circunstancias que se veñen dando nos plenos e a prepotencia do bipartito obrigaron a Maruchi Álvarez a pedi-la palabra.
Contestando a unha acusación da dereita polos despedimentos do 2008, cando ela levaba a área de Persoal no tripartito, sinalou que eses contratos eran irregulares e, por tanto, en aras dunha contratación equitativa, regulada e controlada tomouse a decisión de proceder á rescisión dos mesmos malia ser unha medida, aparentemente, antipopular. Evidentemente eses traballadores teñen, e así o fixeron, todo o dereito do mundo a reclamaren pois a responsabilidade non é deles senón de quen os contratou nesas condicións hai cando menos dúas lexislaturas.
Seguidamente a representante de ACE chamou a atención para os sete meses que levamos de goberno nos que, malia as irregularidades xa referidas por este partido, non houbo denuncias por parte da xunta nin do comité de persoal.
Maruchi Álvarez tamén aproveitou a súa intervención pra contestar a unha acusación de Sotelo na que involucraba a concelleiros agora integrados en ACE na suposta contratación fraudulenta de 16 traballadores en épocas nas que tocamos goberno. O señor Sotelo debera saber e sabe que esa ou calquera outra contratación fíxose por resolución da alcaldía (non sabemos como o farán agora) e cando o estime oportuno pode deixar sen efecto esa resolución xa que, como rexedor local, ten esa capacidade. Por tanto animámolo a que sexa valente como nós no 2008 e proceda a depura-las irregularidades nas contratacións. Unha das cousas polas que se pode gabar este partido, aínda que só sexa no medio de tanta corruptela descarada, é por non ter nunca contratado a ninguén a dedo. Tal vez pensen que todo o mundo somos da mesma condición que os que teñen un auténtico séquito de bandullos agradecidos que vai dende a Casa da Xuventude, onde teñen unha administrativa que mesmo foi nas listas electorais, ata o último monicreque simpatizante rozando camiños a cargo da Deputación. Deben de pensar tamén que a máxima de Goebbles dunha mentira repetida mil veces adquire máis verosimilitude se se lle engaden cifras concretas ó asunto.
Pra rematar, Maruchi Álvarez referiuse á praza de Enxeñeiro Técnico Forestal que, loxicamente, non fai falla no concello e que facer algo o home fará, pero dende logo outros labores que non teñen a ver coa súa titulación. Quizabes unha proba máis de que estamos ante outro amigote metido así ..."de tacón."