A CUT destapa as contratacións fraudulentas do goberno de Cangas

Hai xa un tempo que o Partido Popular non fai máis que falarnos de ‘’aforro’’ e ‘’xestión responsábel’’ nas distintas concellerías, pero os feitos demostran que ese é só un discurso para a galería. A sección sindical da CUT no concello vén de denunciar graves irregularidades. Vexamos varios exemplos da política ‘’exemplar’’ do P.P. na área de persoal:


1) Casa da Xuventude

No mes de agosto realízase a través do INEM unha convocatoria para cubrir temporalmente unha praza de auxiliar administrativo e así poder reforza-lo persoal, que neste momento atópase baixo mínimos por estar unha traballadora en situación de Incapacidade Temporal (IT). A persoa seleccionada é contratada por un período dun mes, a pesar de que non é da mesma categoría laboral que a traballadora a substituír.

Unha vez rematado o contrato, o responsábel da área, o señor Gestido, entende que segue a existi-la necesidade de reforzo de persoal na Casa da Xuventude e solicita prorrogar dito contrato por un período de 3 meses. Ata aquí bordeando a legalidade, pero como a lexislación impide máis prórrogas do seu contrato inicial, acoden á figura do contrato por obra ou servizo, cousa que o Sr. Gestido pretende xustificar alegando, entre outras, a necesidade de cubri-lo horario de apertura pola tarde, e aquí si que estamos ante unha clara ilegalidade, pois o novo contrato faise sen convocatoria pública.

Ademais, o propio señor Gestido saíu dicindo publicamente o 3 de novembro que a apertura da Casa de Xuventude pola tarde non ía supoñer gasto algún para o concello, pois el xa negociara coas tres traballadoras uns horarios de traballo que o posibilitaban sen ter que amplia-lo persoal. O que non nos dixo o señor Gestido foi que probabelmente el daquela xa tiña pensado incumpri-la Lei de Contratacións e colocar directamente unha traballadora amiga no concello nun acto máis que sospeitoso de enchufismo.

Non acaban aquí as ‘’peculiaridades’’ na Casa de Xuventude, pois hai unha traballadora que está cobrando un salario sen acudir ó seu posto de traballo. Esta persoa denunciou a súa finalización de contrato co concello e gañou o pleito, xa que o seu despido foi considerado NULO, sentenza ditada nos xulgados en Pontevedra e máis tarde confirmada polo TSXG. A incorporación desta traballadora deixaría sen sentido a continuidade da Auxiliar Administrativa e, ao mesmo tempo, significaría un aforro de salarios para o concello. Onde fica entón a xestión responsábel?

Terá algo que ver que a persoa que exerce de auxiliar administrativa na Casa da Xuventude é militante activa do PP e formou parte das súas listas nas últimas eleccións municipais?


2) Limpeza de edificios

As contratacións de persoal de reforzo para facer a limpeza en edificios públicos faise, dende hai anos, a través dunha lista de contratación elaborada para tal fin. As condicións de contratación figuran nas bases da lista e recollen contratos de duración determinada por un período máximo de 3 meses, pero parace ser que estas condicións non son iguais para todas as persoas contratadas, pois o concello acaba de facer unha ampliación de contrato por outros 3 meses máis a unha traballadora, cando as bases de contratacións o impiden. Estamos unha vez máis diante dunha vulneración da Lei de Contratacións. Non está na nosa man ditaminar, unha vez máis, se hai enchufismo como no caso anterior que é flagrante, pero a irregularidade é evidente e manifesta e perxudica as traballadoras que agardan a súa quenda na lista.


3) Conservatorio

Dende o día 24 de novembro unha traballadora do conservatorio atópase en situación de IT (Incapacidade Temporal). O 23 de setembro os responsábeis do conservatorio xa comunicaran por escrito a necesidade de cubri-la praza unha vez que a traballadora en cuestión comunicou que estaba pendente dunha operación cirúrxica, comunicación que se fai voluntaria e correctamente en tempo e forma para evitar ter que anula-las clases correspondentes e envia-los alumnos e as alumnas para casa.

Chegado o día 24 de novembro as clases suspéndense temporalmente por falta de profesor/a.

Con data de 12 de decembro recupéranse as clases con 2 profesores para imparti-la materia que antes impartía unha traballadora.

O que nos preguntamos é como se procedeu a esta convocatoria: nin o comité nin a Xunta de Persoal foron informados, non foi pública a convocatoria para a súa contratación, non se sabe que relación laboral teñen eses dous novos traballadores co Concello, etc. Desta vez temos que decir que estamos diante dunha contratación sen nome, pois a información recibida é nula.

O que non vai facer a Central Unitaria de traballadores/as e vira-la cara e mirar para outro lado diante dunha política de contratacións fraudulentas. Denunciamos publicamente o señor Sotelo, alcalde do Concello Cangas, como máximo responsábel da situación, pois é el quen asina as resolucións e os contratos. Esiximos que o concello de Cangas recupere e poña en practica unha política de contratacións sempre cumprindo a lei. Non imos quedar quietos vendo como se vulneran os dereitos da clase traballadora.