A Alternativa súmase á iniciativa plenaria da plataforma contraria ós embargos

A ACE vén de presentar unha moción conxunta respondendo as inquedanzas cidadás e dos colectivos contrarios ós embargos indiscriminados que se recollen na Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) aquí en Terra de Morrazo. Sinalar primeiramente que, con toda probabilidade, no pleno de xaneiro (onde será abordada esta cuestión) haberá dúas mocións idénticas debido ó oportunismo de certa organización política e ó que xa nos tiñan acostumados durante e antes de ter alcaldesa no goberno local. Xa procederan de igual xeito no concello de Bueu. En Moaña, en troques, houbo unanimidade e non houbo que lamentar procedementos entrampados.



Pola nosa parte, nosoutros recollemo-la moción tal e como acordamos coa plataforma e cos colectivos que audazmente se enfrontan mediante mobilizacións e vías legais e facemos nosas estas proclamas polo ben público. Este partido, que xa ten algunha experiencia anterior nesta materia, queda a disposición de calquera colectivo ou veciño que se atope nunha situación desta índole prestándomonos tamén a participar en futuras mobilizacións.


Procedamos agora a facer balance da situación e a explica-la moción que achegaron os devanditos colectivos xa que, co estoupido da crise e o aumento do paro, centos de miles de familias teñen chegado a unha situación límite que non lles permite cubri-las súas expectativas máis básicas.

Segundo os datos do "Consejo General del Poder Judicial", entre os anos 2007 e 2010, no Estado Español producíronse máis de 300.000 execucións hipotecarias e as previsións din que entre o 2011 e o 2012 esta cifra podería chegar ás 500.000.

Cando isto acontece as familias non só se enfrontan á perda da súa vivenda, senón que tamén a unha condena financeira de por vida: a entidade bancaria interpón unha demanda e o proceso de execución hipotecaria remata coa poxa do inomble; se esta queda deserta (o que acontece arestora no 90% dos casos), coa actual lei vixente, a entidade bancaria adxudícase a vivenda polo 50% do valor da taxación e segue a reclama-lo pagamento da débeda restante, máis os xuros e os custos xudiciais, a persoas nunha situación de insolvencia a través do embargo de nóminas, contas correntes,... deles mesmos ou dos avalistas. É dicir, ademais de perderen a vivenda, milleiros de famílias enfróntanse a unha condena financeira para toda a vida que se traduce en exclusión social.




A lexislación na que se ampararn as entidades financeiras non só é anómala e non ten comparanza coas doutros países da nosa contorna, senón que ademais, con carácter xeral, era descoñecida polas familias cando asinaron os contratos hipotecarios. Ademais da publicidade enganosa con sobrevaloración das taxacións e con claúsulas abusivas, como é o caso, tamén, da claúsula solo.

Nun estado social e democrátio de dereito resulta inadmisíbel que tódalas consecuencias da crise caían enriba da parte máis feble do contrato hipotecario e as entidades financeiras, grandes responsábeis da crise, reciban axudas millonarias que saen dos nosos petos, sen teren que asumir responsabilidade ningunha e xerando millóns de ganancias anuais.

A perda da vivenda priva as persoas dun dereito, exclúeas da vida social e impide a plena realización familiar e profesional. Os desafiuzamentos supoñen un risco para os niveis de seguridade e paz social que afectan ó entorno máis próximo, responsabilidade das autoridades municipais.

Xa que o marco xurídico constitucional, no artigo 27, recoñece o dereito a unha vivenda digna e axeitada e a obriga dos poderes públicos de promovelo, e o artigo 33 limita o dereito á propiedade privada ó seu fin social, así como os diversos compromisos xurídicos sobre o dereito a vivenda ó ratifica-los tratados internacionais, e aínda que esta regulación se move no ámbito da competencia estatal, pero con efectos dramáticos no ámbito municipal (xa que ós concellos é onde van moitas veces as famílias afectadas á procura de axuda), é polo que as corporacións padecen o problema por partida dobre porque se vulneran os dereitos fundamentais dos seus veciños e porque nesta situación de crise os concellos ven totalmente limitada a súa capacidade de axuda.

Por todo o exposto, solicítase da Corporación Municipal de Cangas a adopción dos acordos seguintes:

1º Dirixirse ó goberno central para que se aprobe unha modificación da regulación hipotecaria que inclúa a figura da dación en pago, de tal xeito que, nos casos de residencia habitual, cando a entidade financeira execute a hipoteca e quede coa vivenda, a totalidade da débeda (principal, intereses e custos) quede liquidada.

2º Insta-lo goberno central a aprobar unha moratoria que paralice os desafiuzamentos das familias en situación de insolvencia sobrevida e involuntaria. E para os xa executados, aprobar medidas de urxencia encamiñadas a pór a disposición das familias afectadas os milleiros de pisos acumulados polas entidades financeiras en réxime de aluguer social que non supere o 30% da renda familiar dispoñíbel.

3º Crear unha comisión especial, na que participen representantes da corporación, asociacións de afectados e asociacións veciñais ou de carácter social que sexan coñecedoras da problemática. O obxectivo sería a procura de alternativas que eviten os desafiuzamentos por motivos económicos.

4º Dar traslado destes acordos ó Consello de Ministros, Ministerios de Economía e Justicia, ós Grupos Parlamentarios do Congreso e do Senado, ó Parlamento Galego, á Plataforma de Afectados pola Hipoteca e as Asociacións Veciñais e Sociais que interveñan neste tema.