O partido cuestiona duramente os orzamentos do 2012 e esixe a retirada do salario á concelleira de Persoal

Esta mañá do 29 de decembro, o noso grupo municipal compareceu ante a prensa para facer crítica do plan orzamentario para o 2012 que aprobará o goberno nun pleno extraordinario convocado para este venres 30 de decembro ás 7 da tarde e para o que pedímo-la máxima asistencia ó pobo de Cangas debido á súa transcendencia para os intereses da nosa veciñanza. Non queremos deixar de salientar que o bipartito PP-Faro Lagoa vai aprobar estes orzamentos sen deixar case tempo á oposición de estuda-la proposta e nunha época e nunha sesión convocada in extremis para dificulta-lo debate, as posíbeis emendas e a necesaria participación popular. Asistiron ante os medios os nosos concelleiros e máis a militante e membro da Executiva, Ánxela Vizoso, veciña de Vilariño. As intervencións estiveron a cargo de Maruchi Álvarez e X.M. Pazos.

Xosé Manuel Pazos destacou que Sotelo vense enchendo a boca falando dunha corporación dialogante, que posibilita a participación e que mesmo criticara o BNG e o seu concelleiro de Facenda (con razón) pero, como estamos a ver, está a seguir unha senda semellante á encetada polo executivo de Clara Millán e o seu proceder, a todas luces, autoritario. Isto é, empezamos unha lexislatura na que non está a haber moito diálogo. Admitimos que hai un clima de mellor talante que no mandato do anterior goberno mais agroma a mesma vontade escasa de falar cos grupos para buscar solucións e mellora-las propostas que, como imos analizar, boa falta fai.
No tocante a estes orzamentos, denunciar primeiramente que este mesmo luns, día de celebración da comisión informativa, aínda se estaba a achegar nova documentación a menos de cinco días da celebración deste pleno extraordinario. Ademais, cando menos no caso do noso grupo, fixéronos chegar soamente a información obrigatoria. E unha vez mirados, constatamos que estes orzamentos son continuístas co que había anteriormente. Ou ben non se fai nada ou se lle vai meter man ós gastos correntes. Non esquezamos que xa o bipartito anterior funcionou a base de orzamentos prorrogados e sen investimentos. E iso non garantiu frea-la débeda, máis ben todo o contrario: incrementouse. Nese sentido, Pazos manifestou que con estas políticas económicas non se vai para-la sangría da débeda nin tampouco resta moito que gastar nin moito pailaroco disposto xa a lle fiar ó concello.
O que está claro é que de seguir así poden suceder dúas cousas: ou non se fai absolutamente nada ou vai haber que afrontar investimentos con cargo ó gasto corrente xenerando un serio quebranto amais dun maior burato económico. En calquera caso, ámbalas dúas cousas son un desastre.
Temos que lle lembrar ó pobo de Cangas que nosoutros tenderámoslle a man a este goberno para elaborarmos, conxuntamente cos demais axentes políticos, un plan económico e financeiro para saneármo-las arcas deste concello. Por este camiño imos seguir endebedándonos con solucións estrambóticas como as que propón o equipo do alcalde e que recalan nunha aparente redución de prazas en Persoal. En realidade trátase de recortes en detrimento da calidade pública e do dereito ó traballo que non teñen que ver, por exemplo, coa inexistente austeridade nos salarios destes individuos que rexentan arestora o concello. O único que constatamos é a aposta pola aplicación do "rodillo" aproveitándose de Faro Lagoa que non é máis ca un "estómago agradecido" do señor Louzán. Consideramos estas prácticas un tremendo erro da dereita pois esta crise agrávase máis pondo en práctica un nepotismo que foi, precisamente, unha das causas, xunto coa corrupción, que nos abocou á terríbel crise económica que estamos a padecer.
Para remata-la súa intervención, o noso concelleiro referiuse a que, máis alá da falta de imaxinación e dunha política económica, o goberno local nin se molesta en reclamar unha política distinta do Estado e do goberno central para que concellos coma o noso non sigan na indixencia mentres Deputacións, Xunta, Goberno Central e mesmo políticos seguen chuchando e despilfarrando diñeiro público de xeito escandaloso. Por non falarmos da fachenda de Louzán actuando como alcalde in pectore...

Maruchi Álvarez cuestionou a importancia que o goberno lle vén dando ó apartado de Persoal pois o 70% destes orzamentos van destinados a esa área. O goberno fala de redución de efectivos en Persoal para aforrar máis segundo din. En realidade o que fan é eliminaren tódalas prazas da RPT vacantes sen cubrir. Pero o número de efectivos reais de traballadores/as non se reduce senón que se incrementan. Miremos algúns exemplos:

a) Funcionariado. Collen un letrado malia que ata o momento se viña traballando con asesoramento externo a través de Prestación de Servizos e, dependendo da área a defender, contábase cunha ou outra persoa. Ante a nova situación non sabemos en que temas vai estar especializado este letrado (Administración, Laboral, Urbanismo, Fiscal?). Teñamos en conta tamén que no concello xa están contratadas dúas persoas coa titulación de profesionais da avogacía.

b) Persoal Laboral Temporal. Non entendémo-la contratación dun Enxeñeiro Técnico Forestal prevista nestes orzamentos pois non lle atopamos utilidade laboral no noso concello.
Igualmente temos que falar de 12 prazas temporais para a limpeza de camiños que non se sabe ben se hai que entendelas para a camiños ou ben enmarcalas na limpeza viaria. Téndomos en conta que o salario recollido na RPT é de 641,41 euros ó mes temos que entender que non van ser contratacións directas a través do concello pois senón estariamos diante dunha discriminación salarial. E un peón do concello cobra 1.300,00 euros, lembremos.
Agora vexamos. Eliminando as prazas non cubertas da RPT é certo que se consegue un aforro no apartado de Persoal e significa unha redución dos orzamentos. Pero a cuestión é cales son as verdadeiras consecuencias desa redución. Temos unha partida orzamentaria no apartado de Persoal tan limitada que non vai permitir ningunha contratación temporal para cubrir necesidades que poidan xurdir durante o ano (permisos de maternidade/paternidade, IT por enfermidade común ou accidente laboral, vacacións, etc).
O propio concelleiro Pío Millán recoñeceu na Comisión de Facenda celebrada este luns que o concello non pode asumir ningunha contratación durante o ano posto que economicamente non teñen esa capacidade. Eliminan, por exemplo, unha praza de limpadora de edificios públicos cando o goberno sabe perfectamente que as prazas ocupadas non son suficientes para cubri-lo servizo. Supoñemos que non se lles ocorrerá deixar de limpar colexios ou outros centros, mais tal vez opten por pechar instalacións ou poida que esteamos diante dunha xustificación para seguir acometendo a privatización de servizos. Nestes momentos non se nota a merma no servizo pois cóntase con traballadores/as contratados/as a través de Plans de Colaboración. A cuestión é qué vai pasar cando rematen estes contratos. Algo semellante ocorre na limpeza viaria onde os recortes non van garantir un bo servizo pois as prazas a cubrir non dan. Un aspecto positivo é a creación de 3 prazas de conserxe en 2ª actividade mais pensamos que é insuficiente ó non aplicarse o mesmo procedemento noutros sectores (auxiliares administrativos, etc). Mais do que non hai dúbida é de que coa eliminación da totalidade das prazas sen cubrir asistimos claramente a un impedimento de mellora laboral, ninguén vai poder así promocionar dentro do concello.

Entrando no final da súa intervención, Maruchi Álvarez sinalou que non nos podemos fiar desa política de aforro. Coñecémolos doutras experiencias, doutras lexislaturas nas que tocaron poder. E sabemos que estes do goberno son especialistas en corruptela, son fraudulentos na contratación. Sobran os exemplos, non queremos aburrir pero este partido non vai deixar de citar algúns (sen nomea-los traballadores involucrados pois eles non son os culpábeis) para que o pobo analice e verifique do que son capaces estes dirixentes en materia de enchufismo e de chambonadas clientelares para, caciquilmente, favorecer e afinca-la súa base social sustentante:

1) Non se respecta a contratación a través das listaxes de Limpeza de Edificios Públicos. Temos algún caso e mesmo un nutrido grupo de traballadoras foi presenta-las súas queixas á concelleira de Persoal posto que se lle prorrogou por 3 meses máis a unha outra traballadora cando o que correspondía e que seguise correndo a listaxe e que se fosen incorporando por orde as seguintes limpadoras. A prorrogación é ilegal, por lei non se pode facer.
2) Na limpeza viaria saltan tamén a listaxe, non respectan a orde e todo parece estar permitido.
3) Na Casa da Xuventude temos tamén ampliación ilegal de contrato. Témo-lo caso dunha persoa que foi na listaxe electoral do PP á que, irregularmente, se lle transformou o seu contrato en contrato de obra ou servizo.
4) No caso da monitora da ludoteca, que gañou o xuízo, incorporárona mais o evidente é que o concello non aforra en persoal senón que o mete onde lle interesa.
5) É tamén rechamante o da praza do conservatorio onde non existiu convocatoria algunha para cubrir este posto por mor dunha IT. Dicir que non se sabe do vínculo laboral co concello. Como se poderá apreciar, tanto neste como nos outros casos, non se informa de nada senón que se fai todo pola porta de atrás.
7) Non fan falta máis exemplos pero imos mencionar tamén un outro caso escandaloso como é o das contratacións a través da Deputación onde sempre se contrata os mesmos (pódense comproba-los nomes e apelidos!) e onde algúns teñen vinculación directa clara e demostrable co PP ou UPAC (e se non son de UPAC pola situación actual deste partido son da órbita de Faro Lagoa, entendámonos).

Para remata-la súa vasta e precisa intervención, a nosa concelleira solicitou en nome do partido a retirada inmediata do salario da concelleira de Persoal que, por media xornada, está a cobrar unha cantidade superior ós 1.000,00 euros que é máis do que cobran moitos traballadores galegos tendo contratos de xornada completa e mesmo facendo horas veladas.
Este partido descoñece e non entende en que se xustifica o salario desta señora xa que é o alcalde o que asiste a negociar e a falar cos traballadores. Por tanto, esta concelleira está a gozar dun luxo inxusto e máis aínda en tempos dunha carestía económica tan demoledora.
Finalmente, Maruchi Álvarez anunciou o voto en contra da ACE no pleno extraordinario deste venres 30 de setembro ás 7 da tarde no que se lle vai dá-lo visto e prace a estes máis ca controvertidos orzamentos. Só resta dicir que foron uns orzamentos feitos a correr para seren aprobados canto antes pola maioría coa que conta o bipartito. Nosoutros, os concelleiros e os militantes deste partido conformamos un grupo político con coñecementos das áreas todas e con capacidade para denunciar e así o facemos. Pero é ó pobo, mediante o voto e/ou a mobilización, a quen lle corresponde tiralos ou poñelos no goberno, ben sexa a eles ou a outros.