Soterrando pantasmas: Clara Millán e a sentenza do TSXG


A Alternativa Canguesa de Esquerdas non ten como prioridade neste momento falar das miserias dunha señora que, representando unha pretendida proposta de esquerdas resultou se-la representante máis notoriamente fascista e de dereitas que pasou polo noso Concello, agás casos rechamantes que, por insultantes, nin citamos.
O máis lamentábel deste asunto é que a súa organización política segue a gardar un mutismo absoluto respecto da valoración sobre o seu labor e as repercusións do seu nefasto paso pola Alcaldía, que provocou, entre outros lastres, entrega-lo goberno municipal ó PP.
Independentemente de que agardaremos a coñece-lo contido da sentenza pois nin tan sequera esta xustiza ten nin a decencia ética de poñe-la no noso coñecemento en tempo e forma, podemos adiantar que contradí sentenzas anteriores que nos dan totalmente a razón porque do contrario novamente a soberanía popular estaría a ser secuestrada por certo sector do poder xudicial ó servizo dos partidos do sistema. O salario a esa señora asignoullo a maioría da Corporación despois dun pacto de goberno e retiroullo a maioría da Corporación logo de traizoar ela ese pacto asignado e quedar en minoría. A iso chámaselle democracia.
Non deixa de ser sorprendente a fachenda de afirmar que a decisión política de ACE ten un carácter machista cando este enxendro político, ruín e despótico tivo a indecencia de obriga-los funcionarios municipais a non pagarlle a súa asignación económica a unha muller por traballar nunha área municipal asignada a ACE. Esta mesma caradura aplicouna á hora de pagarlle débedas a empresas e persoas amigas mentres castigaba a quen non eran do seu agrado, provocando mesmo pór contra as cordas, cando non propiciar a súa desaparición, a empresas que traballaron para o Concello.
Por suposto, nin unha soa palabra respecto da grave traizón ó pobo de Cangas pola ruptura das acordos para un goberno de esquerdas... nin unha soa explicación de por que cobrou ela ese salario por adiantado -sen unha sentenza en firme- o mesmo día de remate do seu mandado e despois xa das eleccións, deixando ó resto de concelleiros e concelleiras sen ver un euro… pero a iso xa lle respondeu sobradamente o mesmo pobo de Cangas. Ouvean ...logo cabalgamos.
Cangas é de todos!