Maruchi Álvarez irrompe no pleno do 25-N acusando a Xunta de levar a cabo unha política de violencia contra as mulleres


O noso sentir estaba onte na marcha contra a violencia machista que se estaba a desenvolver polas rúas de Vigo. As obrigas como cargos públicos de estar presentes no pleno deste 25-N se ben non permitiron a comparecencia nesa mobilización ós nosos concelleiros si serviu para facer vale-la voz da Alternativa Canguesa de Esquerdas á hora de denuncia-la desigualdade e a violencia que sofre a muller en tódalas partes de mundo e das máis diversas formas. Os datos son estarrecedores e Maruchi Álvarez, membro da Comisión da Muller deste partido xunto con outras militantes como Ánxela Vizoso, Araceli Paz ou Laura Verde, aproveitou o pleno de onte para facer balance dunha situación preocupante que ten un alcance tanto mundial como local. Amosámonos nese sentido alarmados polas estadísticas de malos tratos, mortes e toda clase de vulneración de dereitos. Cómpre saber que entre 113 e 200 millóns de mulleres desaparecen demograficamente debido a varias causas: o infanticidio, o feticidio, tráfico de mulleres... A violencia machista no fogar segue a ser unha lousa coa que carga esta podre e dexenerada sociedade ancorada aínda no patriarcado. Aínda estes días coñeciámo-los datos da parte física desta violencia na comarca, sendo Cangas o municipio con máis ordes de arredamento. Mais non é só esta a única violencia que denunciamos e foi o que fixo valer onte a nosa concelleira Maruchi Álvarez no pleno. Denunciamos tamén a violencia psicolóxica que vai dende os insultos dun matratador ás gratuítas aseveracións degradantes que a cotío escoitamos na vida ordinaria como se tal cousa e que nos deverían facer reflexionar a todo o mundo sen excepción. Non está tampouco restrinxida soamente a persoas individuais senón que o maltrato colle tamén forma en colectivos, institucións e formas de poder. Mais analizando o comportamento social, o peso político de sectores e formas de pensamento retrógradas non sorprende que a poboación activa que traballa máis en precario sexa feminina como non é de estrañar igualmente que as porcentaxes máis elevadas de desempregados sexan mulleres. E isto tamén é violencia de xénero e foi o que quixo deixar moi claro onte a ACE a través da edil Maruchi Álvarez.
A nosa concelleira, amosouse moi crítica coa actitude de desleixo do goberno local e da Xunta ó tempo que lles trasladou a absoluta discordancia deste partido coa inasumíbel política de recortes que se está a levar a cabo en materia de prestacións básicas de servizos sociais e que afectan de cheo a este concello. Asemade solicitou á concelleira do PP responsábel de Benestar Social e Igualdade datos específicos xa que ata o de agora só achegou datos xerais que de ningunha forma xustifcan esa mingua nestas axudas de importancia tan vital. A parte dos recortes da Xunta, o concello tense que facer cargo de 30,000 euros que son unha pequena parte dos recortes que acomete a administración autonómica. Non é de recibo tampouco que a Xunta recorte para que logo teña que acabar sufragando unha parte o concello, economicamente xa maltreito, para que o dano sexa menor.
Estas eliminacións nas axudas significan que unha porcentaxe importante dos nosos maiores van quedar sen coidados. Van significar máis unha vez que a muller teña que quedar na casa, non podendo incorporarse ó mundo laboral, coidando de nenos e maiores posto que así o dispón o modelo de sociedade vixente. O home traballa e a muller ocúpase dos asuntos domésticos. Isto constitúe sen dúbida un acto de violencia de xénero por parte da Xunta e así llo manifestou onte M. Álvarez á corporación nun ton moi contundente e cheo de xenreira acadando mesmo o aplauso do público asistente á sesión plenaria. A realidade é esa: a muller intenta traballar e coida-las persoas maiores a un tempo. E con estas políticas que nos veñen de San Caetano estamos a dar pasos atrás moi graves onde as mulleres van quedar sen recurso ningún.
Finalmente a nosa concelleira recriminou a reponsábel de Igualdade do PP por abandonar tan axiña o salón de actos do Auditorio Municipal xunto con outros compañeiros de partido durante os actos institucionais polo 25-N celebrados pola tarde. Con todo, aproveitou para recoñecerlle ó grupo de goberno a calidade das actividades desenvolvidas.
Procédese á votación e a moción contraria ós recortes da Xunta en materia de benestar social que afectan a Cangas só é secundada por ACE e os restantes grupos da oposición.

O PP propicia o declive da Escola de Teatro


Unha das mocións presentadas por este partido ó pleno de onte versaba sobre a solicitude de comparecencia na sesión do concelleiro de Cultura para aclara-la merma cualitativa e cuantitativa da actividade da Escola de Teatro e do seu proceso de contratación na súa nova andaina. Pazos aclara esta solicitude porque estamos a asistir atónitos a unha especie de "culebrón" na prensa sobre o devir desta escola. Creouse no 2007 e ía no programa de tódolos grupos políticos sen excepción. O nome non foi casual, foi concibido como unha escola, non se pretendía facer un obradoiro nin unha unha actividade extraescolar como a parece querer converter agora o Partido Popular. Naquela altura, e así o aclarou onte Pazos, a adxudicación foi por concurso público. Invitáranse a tres empresas que acabaron obtendo todas unha puntuación moi parella. Finalmente foi a Teatro de Ningures a quen se contratou para leva-la xestión da Escola. Para un traballo desa envergadura era vital a súa vinculación con Cangas, ademais Ningures coas súas representacións levou o nome de Cangas por todo o Estado Español e Europa.
X.M. Pazos tivo que recordar ós membros da corporación e o público que con Gestido empezaron as débedas coa empresa ata que a afundiu. E logo montouse un tallerciño do que non se sabe o método mediante o cal se contratou á persoa que leva ese asunto. Non se convocou tampouco unha comisión de cultura ó respecto nin se seguiron os restantes trámites legais ordinarios para pór en funcionamento unha actividade destas características. O certo é que coa chegada do PP adxudicóuselle a xestión do que antes era a Escola a unha asociación cultural. Ó noso modo de ver non é esta unha actuación moi legal ou cando menos moi ética dado que a unha asociación só se lle pode subvencionar ou como moito asinar un convenio de colaboración. E consideramos inadmisíbel que habendo unha débeda cunha empresa pola que pasan 13 ou 14 traballadores cada ano, se lle pague agora a unha asociación cultural. Evidentemente non nos vale a escusa de abaratar custos.
Pazos recordou ó PP que Ningures tratou de negociar comprometéndose a seguir levando os cursos de balde a cambio dunha entrevista co alcalde para acordar un plan de prazos para poder ir cobrando cando procedese e da forma máis axeitada. O concelleiro Gestido e o seu grupo desentendeuse e ó que están incitando é a que empresas que non cobraron que denuncien o concello.
O noso concelleiro rexeitou rotundamente unha das intervencións de Gestido pola súa falta de respecto a este concello e á historia do teatro de Cangas ó declarar que había asuntos de máis interese que o teatro para traer a un pleno. O señor Gestido debe ser un inconsciente, por non dicir un chisco ignorante, tal cal queima-libros do Santo Oficio, cando minusvalora alegremente a arte dramática como expresión artística, cultural, forma de vida ou mesmo como emprego. Este concelleiro debera saber que as industrias culturais crean ademais postos de traballo, cousa na que si reparou o presidente Feijó e da que estes esbirros locais non toman exemplo querendo ser máis papistas có Papa atacando máis unha vez ó mundo da cultura.
Pazos continou acusando a Gestido de cambiar unha empresa de 4 traballadores por unha asociación cultural que achega só unha instrutora. E o problema é que non di como lle vai pagar á compañía Ningures. Preguntámonos se así é como Rajoy vai resolve-lo problema do desemprego, con contratos lixos como o que tivo que asinar a actual encargada da Escola. O noso concelleiro sintetizou que Teatro de Ningures estaba daquela disposta a seguir baixando o soldo pero cunhas condicións, e unha delas era que se lles fosen pagando os atrasos. Asemade, recordámoslle a Gestido que as escolas de teatro non se miden polas matrículas senón pola transcendencia que teña, os espectáculos de primeira orde que desenvolva. Pazos puxo como exemplo a representación na rúa do Desembarco dos turcos que tivo unha enorme acollida e participación sendo dirixida pola Escola de Teatro que daquela levaba a propia Ningures.
O noso voceiro rematou a intervención preguntando se difinitivamente ían pagar ou non a esta empresa. Logo das evasivas do concelleiro e do alcalde, o goberno tivo que oi-las queixas dos membros da mencionada compañía asistentes onte ó pleno. Agardemos que finalmente se lles pague. Este partido, pola nosa banda, seguirá apostando pola cultura e cumprirá tódolos compromisos que teña co pobo ou coas empresas que sexa preciso contratar. Nese sentido lembremos que cando Pazos foi concelleiro de Cultura nunha época tamén problemática para as arcas municipais, había unhas débedas contraídas con Electromiño pola colocación dunhas luces de Nadal e ata que se lle pagou non se contratou á empresa seguinte, a ELECTRO-SIL. En todo caso, e malia que a situación na que se atopa Ningures sexa a mesma que a doutras empresas que non cobran do concello, este partido pensa que este xeito de proceder vai encamiñado a propicia-la desaparación da Escola de Teatro, cuestión que non estamos dispostos a asumir e que este partido, baixo ningún concepto, vai permitir.


A modificación das normas, a solución para a rúa Noria

Abalo pediu a palabra no punto 6 da orde do día para manifesta-la intención de ACE de non votar en contra da moción de retarda-la setencia de derrube do nº2 da rúa Noria por respecto ós veciños. O promotor foi quen enganou a todos aqueles que alí mercaron vivenda. A única solución, e foi a única alternativa que se propuxo no día de onte, é a modificación das normas urbanísticas (como se fixo coas naves da Portela) e do PXOM.


Municipalización da traída da auga e a vaquiña polo que vale


Como é sábido, pois o anunciamos os pasados días, a ACE acudía a este pleno cunha moción para reclama-lo cobro da auga por consumo real. Pazos explicou na sesión de onte que Aqualia ten establecido un canon mínimo de 45 metros cúbicos por trimestre gaste o usuario ou non os gaste. Pensamos que isto é unha invitación ó malgasto e ademais hai moita xente en Cangas que non chega a ese nivel de consumo (familias aforradoras, xente con segundas residencias, persoas maiores que viven soas,...). Non é de recibo por tanto a imposición deste canon xa que, como temos sinalado noutros plenos, a auga é un ben público. O lóxico e que se cobre polo gasto e Aqualia é un empresa que non perde diñeiro, non é unha ONG.
Por outro lado, este partido, e así se pronunciou o noso voceiro na sesión de onte, avoga con rotundidade pola xestión municipal deste servizo. Nese sentido recordámoslle ó goberno local que se Aqualia non ten perdas tampouco ten que ser contraproducente para o concello. E mentras non se municipalice este servizo cando menos que a empresa privada contratada non time os veciños desta vila.
Pensamos, efectivamente, que o que non gaste ten que ser premiado cun cobro menor e sempre segundo o que consuma, é dicir, por consumo real. En troques, agora xa non é que non se premie o aforro senón que diretamente o que se fai é irlle directamente ó peto ó usuario. Realmente é un roubo. E a empresa sabe moitos destes trapicheos cando aí atrás foi pública e notoria a súa venda de auga a Vilaboa de forma máis do que irregular.
E séndomos conscientes de que o concello ten contraído un contrato coa empresa ata o 2014 e ata entón non se poden modifica-las condicións de cobro no sentido que apuntamos nesta moción, iso non exime para que a corporación asuma un acordo plenario para que cando expire o compromiso con Aqualia se tomen estas medidas.
Finalmente, a cuestión queda pra outra ocasión dada a incapacidade do goberno co compromiso veciñal.

O goberno quere unha rede de bibliotecas centralizada


No tocante á moción do PP relativa á aprobación inicial do regulamento da rede municipal de bibliotecas do concello de Cangas, X.M. Pazos anunciou o voto en contra do noso partido e manifestou que o regulamento debera estar sometido a unha comisión encargada e no desenvolvemento dela procede-los grupos a presenta-las conseguintes emendas. Por tanto, a Alternativa, co apoio do BNG, solicitou que a proposta dos populares quedase sobre a mesa. Finalmente non quedará sobre a mesa, senón que se emendará máis tarde como defende o grupo de goberno.
Así e todo, o noso voceiro avogou por un novo regulamento. O certo é que as bibliotecas levan anos coordinadas e os rexedores actuais confunden coordinación con centralización que é o que se desprende desta nova ordenanza que se presenta. Nese regulamento que presentan teiman en coloca-la biblioteca da Casa da Cultura como central. Central en tal caso sería a de Darbo. Non concordamos para nada con esta postura cuxa filosofía radica en pó-lo poder en mans dunha persoa da biblioteca de Cangas que xestionaría as demais bibliotecas parroquiais e as que neste documento se lles denomina "subalternas". O noso partido non podía estar máis en desacordo pois, a parte do trato discriminatorio cara as parroquias, a biblioteca de Cangas vai contaxia-la parálise na que está sumida ás outras bibliotecas parroquiais que si funcionan ben a nivel subvencións, premios, etc.
Por todo isto, Pazos advirte ó Partido Popular e a Faro Lagoa de que non poden minusvalora-lo traballo das demais bibliotecas parroquiais. O noso partido vai preparar emendas a este regulamento que mostra non só o desprezo polas zonas menos neurálxicas do municipio senón que, coa cantidade de erros ortográficos que presenta, denuncia un desleixo e un aborrecemento pola cultura e o fomento da lectura.

A sanción entre distintas administracións carece de sentido


Mariano Abalo foi a voz cantante para manifesta-la oposición frontal da ACE ó punto nº5 da orde do día que foi o relativo á aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2011. Pensamos, e así o fixo saber Abalo, que non é de recibo que a administración autonómica se dedique a persegui-lo concello por instalar uns carteis publicitarios que, ademais, estaban en zona de dominio público. Non parece moi lóxico que unha administración sancione a outra por este tipo de cousas e que non actúe ante as verteduras ou cando se depositan toneladas de cascallo e residuos no monte. O noso concelleiro tamén lle solicitou a Faro Lagoa, preocupado pola falta de cartos para bombillas, que utilice os seus contactos coas altas esferas para que se lle condone a Cangas esa multa de 4,000 euros.

Rogos e preguntas

X.M. Pazos volveu sacar a colación as obras do PEPRI para solicitar que nas obras que se están a acometer no casco vello se deixen de infrinxi-las normas. Asemade, volveu preguntar no nome do noso partido sobre a situación do cartafol das multas de tráfico perdidas e tamén pola comisión de investigación que se acordou en pleno crear para soluciona-lo asunto. Facemos responsábel deste estado de cousas tanto ó señor alcalde como o concelleiro de Facenda don Pío Millán.