A Alternativa reclama o cobro da auga por consumo real

En época de secas, como a que vimos de pasar, a empresa concesionaria do abastecemento de auga ó noso Concello, entre outros, desenvolve campañas de consumo responsábel para tentar racionaliza-lo mesmo e evita-lo gasto excesivo que nos conduciría irremediabelmente a restricións.

Dende o punto de vista da Alternativa Canguesa de Esquerdas eses chamamentos ó control do gasto de auga por parte dos usuarios/as non se corresponde despois co comportamento da propia concesionaria que cobra en tódolos recibos por un mínimo consumo, mesmo nos casos en que non se abra a billa.

Pensamos que non é este o mellor xeito de convence-la poboación de que hai que aforrar-lo máximo de auga se logo ese posíbel aforro non se ve recompensado no recibo, no caso de non chegar ó mínimo de consumo. É dicir, se un fogar non consume o mínimo estipulado pola empresa, pode tirar a auga polo vertedeiro impunemente ata chegar a esa cantidade porque vai acabar pagando o mesmo. É iso lóxico? Nosoutros pensamos que non cando, ademais, está claro de que cobrar por unha cantidade non consumida de auga, á parte dunha inxustiza (e mais nos tempos actuais de crise) é unha chamada ó malgasto.

Por iso, dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas presentamos esta moción para o seu debate e aprobación polo Pleno da Corporación a través da seguinte petición:

- O Concello de Cangas, por medio do seu Goberno Local, realizará todas as xestións necesarias para obrigar á empresa Aqualia a presentar e cobra-los seus recibos da auga, segundo facturación por consumo real da mesma, eliminando calquera tipo de consumo mínimo estipulado.