Traballando polo uso público das naves de Ojea

En varias ocasións houbo mocións, algunhas aprobadas polo pleno do concello de Cangas, sobre a conveniencia de preservar primeiro e recuperar para uso público despois, o importante conxunto de arquitectura industrial que compoñen as chamadas “naves de Ojea”. Outra cousa é o caso que se fixo, e fai, destas mocións que dormen lamentablemente o sono da indiferenza. Por iso agora que xa se albisca o final da ocupación deste espazo e a súa probable recuperación para o uso público é máis necesario que nunca insistir no tema e desde ACE vimos de presentar unha nova moción sobre o tema, que será tratada no vindeiro pleno municipal.

E é necesario porque a Administración da que dependen, Costas do Estado, por boca do seu responsable provincial, ten feito xa varias declaracións nas que manifesta a intención de facelas desaparecer; declaracións respaldadas, polo menos ata o de agora, por algúns representantes políticos locais que, cunha lixeireza cultural que asusta, falaron de derrubar, polo menos, as que non estean construídas en pedra, como se o seu valor dependese unicamente do material empregado para erguelas.

É evidente, e así se explicitou tamén moitas veces neste órgano da Corporación, que o valor das naves (de todas elas), ven dado, entre outras cousas, pola súa importancia na configuración económica, social e urbana da nosa vila e por iso cómpre conservalas, pero ademais a súa utilidade como espazos de uso público sería importantísima nun Concello coma o noso que non anda precisamente sobrado de infraestruturas. Falamos, por exemplo, de usos sociais, culturais, xuvenís, formativos, ocupacionais, museísticos, de ocio… e un etcétera que se pode e se debe completar por consenso. O que non sería de recibo é perder esa oportunidade, sobre todo cando o Alcalde actual asumía publicamente desde a oposición, na lexislatura anterior, a defensa dese patrimonio industrial de gran valor.

Por todo o anterior, e porque estamos noutra lexislatura na que sería conveniente renovar o apoio plenario á idea da recuperación, é polo que presentamos a proposta de adopción de dous acordos por parte do pleno, para a xestión con Costas do Estado da desafectación e cesión ao Concello, para o seu uso público, da nave da que xa se recuperou a concesión así como posteriormente de todas as que se vaian recuperando e para o posterior comezo das xestións oportunas para conseguir recursos para rehabilitar e pór en uso as devanditas naves.

Aquí podedes acceder ao texto íntegro da moción presentada o día 14 de outubro no concello.