Sae avante a moción de Abalo dos viais de Punta Couso e facemos nosa a loita mariñeira contra o PRUX


Evaristo Fernández, Patrón Maior da Confraría San Xosé de Cangas, arroupado por outros membros da directiva, mariñeiros e mesmo por representantes destacados da Confraría San Cibrán de Aldán, pronunciou un contundente discurso no salón de plenos para se manifestar en nome do seu colectivo verbo do escrito emitido polo concello en relación ó PRUX. Este escrito ten catro apartados a través dos cales o grupo de goberno e os partidos da oposición se postulan radicalmente contrarios ó Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional Marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Maniféstase tamén o compromiso de facelo público e esixen a retirada do proxecto mentres non haxa un acordo co sector mariñeiro.
E. Fernández, diante dunha pancarta de enormes dimensións (“Fronte o PRUX defendamos a pesca. Manifestación o día 15 ás 11h. en Bouzas”), agradeceu a tódalas agrupacións políticas o apoio a esta importantísima reivindicación pedindo a solidariedade incondicional. Asemade, reivindicou a unión mariñeira para non facer caer máis na crise ó noso pobo xa azoutado pola caída mundial do sector económico e que está a ter consecuencias, tamén, no ámbito local. Na liña do escrito emitido polo concello, pide a máxima difusión desta problemática a través dos medios que se estimen oportunos. Do mesmo xeito, os mariñeiros solicitan a colaboración do concello mesmo con achegas económicas para potenciar e facilita-lo transporte ós puntos de mobilización. Fernández, facéndose eco da pancarta á que xa nos referimos, pide a máxima asistencia, autoridades locais e partidos inclusive, á manifestación do día 15 fronte á sede de Parques sita en Bouzas.
Ó remata-la intervención do Patrón Maior, traballador do mar dedicado á captura da nécora, o noso compañeiro Mariano Abalo fixo uso da palabra para manifestar que a ACE está totalmente identificada con esta reivindicación. Máis unha vez, a nosa agrupación acode a dar resposta ás inquedanzas da clase traballadora. Este sector, en concreto o da pesca de baixura, xa coñece o noso incondicional apoio de conflitos como o de Massó (onde fomos e seguimos a se-la única forza política claramente a prol do colectivo mariñeiro) ou mesmo da problemática relacionada coa extracción indiscriminada de area que se deu na Costa da Vela hai bastantes anos.
Abalo insistiu no sen sentido do PRUX pois son os mariñeiros os primeiros interesados en preserva-la riqueza en recursos das Sías e as outras illas. Ademais, este proxecto supón unha hipocrisía supina tendo en conta o desleixo e permisividade ante a destrución da pesca de baixura, as verteduras incontroladas en toda a ría, etc.
O noso partido quere manifesta-lo noso desconcerto xa que mentres non se fai nada ante o peche doutras actividades de importancia na zona como o naval, agora quérese incidir máis unha vez no aniquilamento desta economía que sempre foi básica e terao que seguir sendo na nosa contorna. O noso concelleiro quixo sacar a colación tamén o exemplo de Cabrera onde con diálogo e unha correcta atención solucionaron unha problemática semellante aberta tamén con ese sector.
Para remata-la súa intervención, Mariano Abalo recalcou que esta actividade básica non pode morrer e que tanto nós, como tódolos partidos políticos sen excepción e toda a veciñanza debemos expresa-lo apoio máis rotundo á mobilización do día 15 e noutras que se produzan diante doutras institucións da Xunta de Galicia. Tamén, apoiando a tesitura de Evaristo Fernández, o concelleiro da Alternativa avogou porque o concello efectúe un desembolso para ese apoio ás mobilizacións.
Apróbase a moción por unanimidade e, á saída do pleno dos representantes do sector, o propio E. Fernández agradece persoalmente a Mariano Abalo o incuestionábel apoio político ó tempo que discuten estratexias e accións a seguir. Recordémo-lo traballo da nosa organización no tema do porto deportivo de Massó que afecta de cheo a unha área rica en recursos para este sector. Asemade, lembrar que varios militantes da Alternativa, xunto con outros mariñeiros e veciños, foron procesados e aínda están a ser xulgados. Entre eles, o propio Abalo e a concelleira Maruchi Álvarez que tamén foi esposada e levada ó calabozo nas desproporcionadas detencións de xullo de 2009 que conmocionaron a nosa vila e que tiveron unha contundente resposta cidadá cunha manifestación de repulsa ante as detencións e as obras que xuntou nas rúas a arredor dunhas 6000 persoas no mes de agosto dese mesmo ano.


Punta Couso para os veciños

Foi o 12º punto da sesión plenaria. Trátase da nosa moción relativa ás accións a tomar para recupera-los viais públicos de Punta Couso e que contén os seguintes puntos:
1.- Solicitar á Dirección Xeral de Costas o Inventario de viais ó faro de Punta Couso, e una vez determinados, se non están expeditos, proceder, de acordo coa legalidade, cara a súa recuperación.
2.- Proceder a revisión de oficio das parcelacións realizadas na finca que afecta ó devandito vial e que están relacionadas coas licenzas concedidas. Asemade, requirir ós presuntos herdeiros para que procedan a formaliza-las cesións correspondentes.
3.- De non ser así, de acordo co expresado no punto 2, que se declare a lesividade e a nulidade dos actos administrativos en cuestión, remitindo ditas nulidades ó Rexistro da Propiedade.
4.- Inclusión do referido camiño no Inventario de Bens Municipal.
Mariano Abalo tomou a palabra para lembrar que é vital recuperar eses camiños, outrora usurpados, con carácter público. Alegou que o noso partido non vai contra o PP neste asunto e avogou porque os partidos coincidamos á hora de tomar medidas prácticas.
Rafael Soliño (PP), concelleiro de Urbanismo e Vivenda, saca un recorte da Voz de Galicia do 2007 onde se presentaba o tema en litixio sendo Abalo concelleiro e non facendo o de ACE gran cousa o respecto, espeta. Mariano Abalo contéstalle que tanto el como os seus compañeiros do PP saben a situación de acoso e derribo na que se atopaba a área de Urbanismo (e non só) durante o mandato para o esquecemento de Clara Millán.
Felizmente, apróbase a moción. Estaremos moi vixiantes de que se cumpra e de que os veciños desa zona recuperen o que é público.


Defendémo-la creación dun Consorcio da Auga

O punto 14º da noite era unha nosa moción relativa ós problemas de abastecemento e á creación dun consorcio da auga. Xosé Manuel Pazos rexeitou que un concello como o noso teña que depender da vontade doutras administracións nun tema deste calado. Por iso, as formacións que forman a nosa agrupación veñen reivindicando historicamente a materialización deste consorcio. Xa meteramos como emenda este asunto no anteproxecto da área metropolitano. Resulta para nós, xa que logo, unha cuestión de grande importancia. A maiores, Pazos solicitou a construción doutro depósito duns 9 millóns de litros (capacidade que ten o único que temos) para soluciona-los agravios e trastornos que xorden na veciñanza cando se producen cortes no subministro da auga.
Acéptase a moción sen moita dilación.


O bipartito PP-UPAC avoga pola privatización da auga

Este partido levou á sesión plenaria de onte 7 de outubro a moción relativa á derrogación da Lei de Augas de Galicia. Pazos declarou que con esta lei privatízase un ben público, cousa a parte entón do pago pola canalización da traída e o saneamento. Procedeu a espeta-los tres primeiros puntos relativos á suspensión desta lei e a prol da municipalización do servizo. Acto seguido, o Partido Popular, a través do seu concelleiro Graña realiza unha emenda que (sorprendentemente) vén recollendo, en realidade, os nosos tres últimos puntos da moción relativos ó pleno desenvolvemento do servizo por tódolos núcleos e aldeas, a sancións a entes contaminantes e tendendo cara un urbanismo sustentábel onde se enmarcaría un proxecto de canalizacións acorde coas posibilidades reais do noso concello. Esta emenda liquida, evidentemente, os nosos tres primeiros puntos que versaban sobre a derrogación da devandita lei, por tanto, non podemos asumila, aínda que tal vez debamos recollela e presentala como moción no vindeiro pleno para, a parte dos puntos 4 e 6 da moción, garanti-lo servizo de subministro (punto 5) a absolutamente tódolos veciños de Cangas antes do remate da lexislatura
Para rematar, Pazos volveu incidir na situación inadmisíbel que supón a privatización dun ben común e o pago dun canon pola auga. Respondendo a unhas absurdas declaracións do propio Graña manifestou que estes impostos non van ser para sanea-las rías nin as augas fluviais como el dixera. Preguntou ós do PP entón qué fan logo as autoridades cos nosos impostos cando non se ocupan de mante-lo entorno acuífero e de deixar que se deteriore, como estamos a ver na nosa propia ría.
Finalmente, como non podería ser doutra forma, bótase abaixo a nosa proposta. Nós reiterámo-lo noso apoio ó SLG nesta loita e a toda a plataforma contraria a esta aberración política, económica e ética.


A ACE reivindica un CAR como antesala do futuro Hospital Comarcal

O Bloque Nacionalista Galego irrompeu atropeladamente nos inicios da sesión plenaria de onte para saír ó paso cunha moción de urxencia relativa ó levantamento do Centro de Alta Resolución (CAR). O goberno non se opón a que se trate pero contra ó final da sesión. Ante as queixas de M. Giráldez (BNG) de que o pleno ía ser longo de máis para teren tanto tempo á espera ós membros da plataforma a prol da sanidade pública, Sotelo espeta que nos tempos de Clara Millán ó concelleiro que fixese semellante proposta non o deixaban nin falar incluso habendo reivindicacións de asociacións afíns ó Bloque.
Non lle falta razón aquí a Sotelo, así e todo como expuxo X.M. Pazos, non é momento de rexeitar un asunto de primeira magnitude como é o da sanidade en base ó autoritarismo evidente da pasada lexislatura. O alcalde accede, ó quedar sen argumentos ante o noso concelleiro, e vótase incluí-la moción de urxencia na orde do día para acordar cos concellos de Bueu e Moaña a ubicación para que logo se remita o acordo á Xunta e proceder así ó esperado levantamento do CAR e á súa posta en funcionamento.
O noso grupo procede a presentar unha emenda que contempla instar á Presidencia da Mancomunidade do Morrazo e á Xunta de Galicia para que se chegue a un acordo con Sanidade, coa Dirección Xeral e contando co mesmo SERGAS para que se concreten os prazos de execución.
Mariano Abalo fai uso da palabra para incidir en que é mester buscar un punto de encontro e manifesta a súa intención de non querer discutir co Bloque (outrora manifestara inconvenientes a este tipo de propostas). O que menos interesa é discutir pola ubicación e é necesaria a acción mancomunada (o Bloque só quere que se ocupen Cangas e Moaña que están dentro do sector sur, sanitariamente falando, Bueu dependería de Pontevedra) xa que tamén Bueu pode ter unha boa proposta tanto sanitaria como xeograficamente falando. Ademais, pedindo xa un pouco de solidariedade, alega o noso concelleiro, que tamén padecerá das mesmas necesidades clínicas co resto de municipios polo que a emenda que facemos debera ser aceptada. O noso partido entende esta actuación que é vital que se leve a cabo para solventa-las necesidades cidadás que padece a nosa comarca e para que serva de antesala da futura construción do hospital comarcal que tanto ansia a poboación en Terra de Morrazo.
Acto seguido, o alcalde concédelle o uso da palabra a unha representante da plataforma favorábel á sanidade pública que agradece que se trate por primeira vez este tema. Na liña do exposto anteriormente polo noso concelleiro cre conveniente que na adquisición dos terreos non nos podemos conformar con 6,000 metros cadrados pois hai que pensar en futuras ampliacións atendendo ás necesidades da poboación. Habería que partir, cando menos, de arredor de 20,000 metros cadrados.
Mariano Abalo volve pedi-la palabra para manifesta-la coincidencia do noso grupo coa representante da plataforma no tocante tamén a buscar que as administracións concreten a actuación o máis posíbel e canto antes. Ó modo de ver deste noso concelleiro, o SERGAS no 2008 (co bipartito na Xunta) foi relativamente sensíbel e que se debera tirar por ese camiño retomando esa discreta disposición. En todo caso, a ACE manifestou a súa intención de votar todo o que se decida ó respecto a favor tendo en conta uns terreos con visos a futuras ampliacións das instalacións e sempre que as propostas en cuestión conteñan unha filosofía de preservación da sanidade pública.


O galego vai antes ca nada

Atendendo ó ditame da comisión informativa de Benestar social, Cultura, Deporte, Turismo, Xuventude e Igualdade o BNG sacou onte unha moción para que se restitúan as axudas da Xunta ós concellos en materia de normalización lingüística.
Héitor Mera, profesor e avalado crítico literario, declarou onte que, baixo a escusa e o paraugas da crise, fanse recortes orzamentarios en moitas áreas de interese público. No mes de marzo tiráronselle as axudas ós concellos que se lle outorgaran no mes de Nadal do pasado ano. Espetou ós populares que non teñen previsto ningún Plan de Normalización Lingüística para o noso concello. Con esta restitución que pide Mera, e que a ACE apoia sen miramentos, dariámoslle sentido e contido a unha política normalizadora destas características. De existir xa, que non consta, solicítaselle que dean a coñecer ese PNL municipal. O concelleiro insta, por tanto, a Sotelo a se entrevistar co Secretario de Política Lingüística.
X.M. Pazos, coñecedor da lingua e varias veces gañador do Premio Max de Teatro, acusou ó PP nacional de Feijó de defende-la estratexia lingüicida de Galicia Bilingüe. Ese vai ser un dos principais motivos de apoiarmos esta moción. Porque é máis do que evidente que hai un ataque sistemático e ben estudado á lingua galega a partir do Decreto do Plurilingüismo que é, en realidade, o do monolingüismo en español. Cando menos os gobernos de Fraga disimulaban, falaban de “bilingüismo harmónico” e tomaban medidas menos drásticas; pero estes neoyupis non teñen rubor ningún en ataca-lo galego e en quere-lo facer desaparecer con tódalas consecuencias. Por este motivo, como manifestou Pazos en nome da Alternativa, imos dá-la batalla como é a reclamación desas axudas.
Finalmente, a moción foi denegada pola maioría do goberno. Quedamos coas palabras de Heitor Mera para lle facer cavilar ó PP e a tódolos lingüicidas que teiman en nos facer desaparecer coma pobo da maneira máis sutil, pero igualmente xenocida: “A nosa lingua, piar elemental do noso patrimonio inmaterial e da nosa identidade, vale moito máis ca calquera obra ou calquera catedral integrante do noso patrimonio material”.


O PP pode prescindir de gastar en folletos de propaganda

O punto 5º da sesión plenaria de onte versaba sobre a proposta da alcaldía para efectua-la modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2012. Moi bulido, X.M. Pazos pide a palabra para critica-la suba do IPC e que o PP a criticase con anterioridade a estaren no goberno. Amais diso, esixe en nome do colectivo hostaleiro a devolución dos ingresos que se fixeron de máis por motivo da colocación de terrazas. O noso concelleiro procede a cuestionar severamente as subas ilegais dos cobros a terrazas de “segunda categoría”. Esiximos, por tanto, que se lle reembolsen eses cartos a estes propietarios e que, coas pertinentes desculpas, se lle aclare ó sector o sucedido para chegar a eses extremos de inxustiza e desigualdade.
Pazos aclarou que tamén houbo donos de terrazas que pediron a autorización e non se lle contestou. Aínda así, pagaron o recibo e agora, inxustamente, ábreselles un expediente. Estas actuacións non se poden consentir con ninguén e debemos ter en conta que este é un sector clave da nosa economía que cómpre mimar. Fitando a Faro Lagoa, Pazos solicitou as aclaracións pertinentes por esas persecucións incomprensíbeis a determinados donos das terrazas e saber porqué se lles subiu as taxas.
Aclarar que a ACE non entrou en votación nesta proposta da alcaldía e que o Faro de Vigo, na liña follaparroquialesca á que nos ten acostumados, erixiuse máis unha vez en medio propagandístico do Partido Popular nun pleno que tivo unha manchea de asuntos transcendentes a tratar.


O comedor do CEIP da Rúa pende dun fío

O PSOE e o BNG fixeron unha achega conxunta coa moción número 10. Era a relativa á solicitude de inmediata posta en marcha do comedor escolar do CEIP da Rúa. O noso voceiro, X.M. Pazos, fixo uso da súa quenda de fala para denunciar contundentemente que tira-lo comedor escolar do colexio da Rúa é actuar premeditadamente contra o ensino público. Sinalou que tanto o servizo de comedor como o de transporte son vitais nos colexios pois axudan a facilitarlle a vida no aspecto económico e práctico ós alumnos e ás familias.
A ACE, como indicou o noso voceiro, pensa que os comedores deberan estar xestionados pola Xunta como é a situación que presenta o colexio de San Roque e de Castrillón. No resto, por antollo da Xunta, meteron servizo de catering e teñen que xestionalos as asociacións de pais e nais para manter este servizo. E é a Consellería de Educación quen ten a obriga de se ocupar deles. Ese servizo debera estenderse a tódolos colexios, mais o PP rexeita a moción aludindo que se discrimina a outros centros e que a Xunta non se opón a abri-lo comedor senón que é antes a ANPA quen ten que solicitar esa xestión.
Pazos espeta que a ANPA non está por esa labor e con razón xa que é un gran traballo e supón unha responsabilidade enorme xogar coa saúde das persoas. Maniféstase a prol do apoio incondicional ó ensino público e non só ós privados e concertados. Aínda que se escolla servizo de catering para atender estes espazos teñen e deben estar xestionados pola Xunta e non polos pais e nais de alumnos.
O bipartito bota abaixo a proposta.


Compras nocturnas

A moción 13ª da sesión plenaria recollía unha proposta do PSOE solicitando a autorización para a iniciativa peculiarmente denominada “Shopping Night” da rúa do Sol. Ben, primeiramente manifestarmos que o noso idioma autóctono, o galego, ofrece toda unha amalgama de posibilidades e expresións para responder ó que con esa locución anglosaxona se quere transmitir: “Compras nocturnas”, “Tendas nocturnas”, “Vendas nocturnas/á noite”, “De tendas á noite”. Ou se queremos en plan máis literario: “De tendas no fusco”, “Tendas no fusco”, “Fuscotendas”, etc. En fin, de aquí á eternidade. Consideramos que non é de recibo votar en contra do Decreto do Plurilingüismo e despois non deterse a reparar en prácticas lingüísticas que o validan dunha forma tan antinatural e tan (por que non dicilo...?) ridícula e pseudochic como esta.
Por seu lado, a ACE saíu ó paso a través da intervención do noso concelleiro Mariano Abalo para solicitar que se organice unha oferta destas características por consenso traballando cos veciños e mesmo preparando un proxecto que potencie a actividade de todo o casco vello.
Con todo, decae polo momento a proposta do PSG-PSOE debido á maioría do bipartito.


Impostos e outras cuestións financeiras

No punto 6º abordouse a proposta da alcaldía de modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica. A medida recolle á significativa rebaixa das taxas ás persoas discapacitadas. Foi o noso concelleiro de ACE, X.M. Pazos, o encargado en lle recordar ó goberno que teñen que tomar esa medida por mandato xudicial do TSXG. Pazos non deixou pasa-la ocasión para felicitar e recoñece-la labor encomiábel e a loita constante do discapacitado cangueiro que fixo posíbel que agora se tome esta medida da que se van beneficiar tamén outras persoas.
O punto 7 da orde do día recollía unha moción do Bloque relativa á solicitude de derrogación da orde pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmóbeis rústicos e urbanos situados na comunidade autónoma de Galicia para os exercicios 2010 e 2011. Malia o noso apoio a está moción non puido ser aprobada por mor dos votos contrarios do bipartito PP-UPAC.
O punto 8 era outra moción do BNG esta vez relativa ás devolucións correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos ingresos do Estado. Pazos manifestou que a ACE estaba de acordo co fondo da moción (e non coa emenda do PP) pero hai que afondar mais no sistema de financiamento dos concellos do Estado Español. É obvio que a Federación Española de Municipios defende os intereses dos grandes partidos. Se os concellos fosen autosuficientes e non dependesen das deputacións non estariamos tan a expensas dunha situación que ten os nosos concellos constrinxidos e á vontade das maiorías que soen tender para intereses centralistas ou ben para unha espiral de políticas neglixentes e caciquís.
Pazos tamén acusou a Pío Millán, responsábel de Economía e Facenda, de pretender desvirtua-la moción do BNG. Insistiu en que hai que ir a unha reforma do sistema financeiro dos concellos e non que a FEM e a FEGAMP anden a “meter parches” que non solucionan o problema de fondo. Cuestiónao tamén por lle restar responsabilidade ó goberno da Xunta.
Finalmente, acéptase tamén a emenda do PP.
O punto 15º do pleno de onte referíase á moción da alcaldía solicitando a autorización para que Invesmorrazo contraía débeda a longo prazo con garantía hipotecaria sobre a concesión administrativa do aparcadoiro subterráneo da unidade de actuación nº10.
Xosé Manuel Pazos anuncia o noso voto en contra debido a que a tramitación do expediente foi unha chambonada e, ademais, sabemos que a hipoteca xa estaba adxudicada.


Rogos e preguntas

O noso partido fixo catro peticións na sesión de onte. Pazos transmitiu a preocupación polo descoñecemento polos restos arqueolóxicos da Praza do Arco e pide que o PEPRI actúe coa máxima responsabilidade posíbel neste asunto.
Pregunta tamén sobre a cuestión da comisión investigador do cartafol das multas de tráfico. O alcalde alega que a semana que vén estará concretada.
Aproveitamos tamén pra reitera-lo rogo sobre a Casa da Cultura da pasada sesión plenaria e esiximos saber tamén cando se vai proceder a cambia-lo cristal esnaquizado que leva uns meses xa presidindo a entrada principal deste edificio.