Pazos solicita o pago inmediato a tódalas empresas acredoras do Concello

O noso voceiro, Xosé Manuel Pazos Varela, acaba de denunciar en nome de ACE que o goberno cangueiro do PP-Faro Lagoa pretende aprobar no Pleno da Corporación a petición dun crédito de 475.000 € destinado a pagar facturas pendentes con empresas de obras ou servizos. En principio, o tal crédito concedido polo Estado, ía ser de 900.000 €; isto é, o máis alto permitido dada a nosa situación económica. Con todo, optouse pola mencionada rebaixa.

Aclaremos agora porqué o goberno local se decanta incomprensibelmente por esta rebaixa habendo como hai tanta pequena empresa a quen se lle deben importantes atrasos. Esta decisión para nada se entende porque nin as condicións económicas do mesmo son ganga ningunha, nin permiten pagar tampouco ás pequenas empresas de Cangas, xa que a prelación de pago establecida na Orde para a súa concesión, prioriza o cobro naquelas empresas que denunciaron o Concello, é dicir, aquelas que teñen unha sentenza xudicial firme a favor e, por unha serie de requisitos, non afectaría nin a todas.

En definitiva, as empresas cangueiras que por responsabilidade non denunciaron, non teñen ningunha posibilidade de cobro a través deste crédito. ¿Por que se pide entón, se quen vai cobrar del non son outras que “El Corte Inglés” ou a UTE da piscina, por exemplo, entre outras poucas empresas? Pois parece ser que por contenta-los xuíces e xuízas e para dar mostra de boa vontade coas sentenzas xudiciais. Mentres, pequenas empresas da zona van seguir afogadas por débedas impagadas polo Concello de moitos miles de euros.

A postura de ACE, en prinicipio, vai ser votar en contra no Pleno de hoxe 28 de outurbro cando se trate o punto relativo á solicitude deste crédito ICO porque poida que solucione as posíbeis multas a Sotelo por incumprimento de sentenzas, pero non revirte para nada nos nosos axentes económicos afogados pola irresponsabilidade dos últimos e nefastos Concelleiros de Facenda.

Mais, como non se trata só de criticar senón que hai que achegar solucións, dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas tendémoslle a man ó goberno para procurar unha saída que podería pasar por unha operación de crédito (que non vai saír máis cara para as arcas municipais) que nos permita a nós (a Corporación cangueira) establece-la orde nos pagos, que non pode ser outra que a que priorice a antigüidade das facturas e a aquelas pequenas e medianas empresas que, aínda que non demandaron o Concello, están nunha situación de asfixia económica que pode levar por diante moitos postos de traballo.

O pasado 24 de setembro xa convocamos unha rolda de prensa na que ,entre outras visicitudes, lle propuxemos ó goberno e os outros partidos un grande acordo para sacar da crise económica ó noso concello. E a proposta que hoxe manifestamos a través de Pazos ten que se-la saída, xunto co control exhaustivo de ingresos e gastos, para irmos deixando atrás unha situación de verdadeira creba para o Concello e para moitos dos seus acredores. Un motivo máis para votar en contra do ICO, porque canto máis se pida deste, menos se poderá conseguir doutras fontes para atender realmente e con xustiza as demandas das empresas da zona.

Por último facer mención ó debate público que está a mante-lo noso voceiro co responsábel de Facenda no goberno, Pío Millán Blanco, por mor deste asunto do crédito ICO. Dada a súa ineptitude, o noso partido optou tamén por solicita-la dimisión deste representante absolutamente incompetente en materia económica que, ademais, pretende dar leccións de práctica política cando xa demostrou en máis dunha ocasión falta de bagaxe para o cargo e mesmo para quedar ó coidado de documentación de responsabilidade.