A Executiva resolve retar a Faro Lagoa a un debate público sobre as contratacións en Persoal

Dende a Comisión Executiva deste partido vense de decidir que cómpre rebater contundentemente difamacións como as que o señor Faro Lagoa vén realizando nos últimos días. Deste xeito, o noso órgano de dirección colexiada, formado por unha decena de militantes do partido, autorizou os concelleiros Mariano Abalo e Maruchi Álvarez a saír publicamente ante a prensa contestando estas proclamas infundadas e carentes de toda verosimilitude. Temos que dicir tamén que, lamentabelmente, Lagoa non é o único pois atrevementos deste teor veñen de antigo e non teñen outro obxectivo que expandi-la confusión entre a veciñanza e busca-lo desgaste da nosa organización. A reacción sempre atopou na inxuria, ben sexa a través dos medios que controla ou ben polo simple boca a boca, unha arma para nos tentar desestabilizar como agrupación de esquerdas. ¿Quen non lembra, pois aínda hai quen alegremente o menciona, a famosa arenga de que Mariano Abalo e Antonio Sangabriel foran os primeiros en ir paga-la contribución cando tivera lugar o conflito con Lois Pena? Estamos dacordo en que a risoterapia pode ser unha boa fórmula para suportar e facer máis levadeiros os efectos da crise, mais desta volta non imos deixar que un politicastro da catadura moral de Faro Lagoa verta o seu veleno e que, aínda por riba, algún xornalista sen acreditación recolla as súas verbas iracundas como se fosen palabra divina.

O primeiro que temos que dicir é que estamos dispostos e, de feito, esiximos un debate público con Faro Lagoa para trata-las contratacións de Persoal e, asemade, pedímoslle encarecidamente a este concelleiro que achegue probas de que tanto Mariano Abalo ou outro membro de ACE contratase a dedo a calquera traballador. Nós, dende logo, podemos e imos presentalas. E, se fai falta, tanto do seu coma doutros partidos.
Nese sentido, moi logo imos achegar unha recompilación exhaustiva de datos verbo das manobras, trapicheo e enchufismo que teñen a ver coa contratación en Persoal. Faremos, xa que logo, unha sucesiva publicación de material actual e histórico sobre os entramados que arrodean a esta controvertida área.

Seguidamente a Alternativa Canguesa de Esquerdas ten que declarar publicamente que o actual concelleiro de Obras e Servizos fala dende a absoluta ignorancia dado que Mariano Abalo nunca ocupou a devandita área de Obras. Si a de Servizos, precisemos. E cómpre deixar claro que na época da Xestora as contratacións facíanse a través de ofertas públicas anunciadas mediante bandos e outros medios de comunicación ademais de levarse a cabo a selección do persoal ante os correspontes tribunais. De maneira que nin a persoa mentalmente peor dotada pode crer nas manifestacións dun individuo que carece de vergoña e de autoridade política algunha para falar neses termos. Un personaxe, lembremos, que estivo durante oito anos anunciando que nunca apoiaría a Sotelo como alcalde, mesmo suliñándoo na noite do escrutinio nas municipais deste ano, e que a única opción viábel sería unha candidatura liderada por Berta Santoro. Xa vimos o que houbo finalmente como do mesmo xeito sabemos que Faro Lagoa será igualmente ciscado no camiño en canto contraveña os intereses do Partido Popular.

A ACE non ten ningún interese en que este asunto sexa o centro da polémica cando Cangas ten gravísimos problemas por resolver. Agora ben, este partido tampouco vai calar ou mirar para outro lado cando se pretende converter en concelleiro-estrela desta corporación a un individuo que se burlou do pobo de Cangas e que utiliza a mentira para desvia-la sua desvergoña de caciquear con Louzán o arranxo de camiños privados con fondos públicos ou promover contratacións fraudulentas, aínda máis impresentábeis, se cadra, ó estarmos nun momento tan crítico como o actual.