Apróbase a recuperación das naves de Ojea e a xestión autonómica da depuradora

Estas dúas propostas de ACE foron as únicas levadas a pleno pola oposición

O 4º punto da orde do día foi a nosa moción que solicitaba a recuperación das naves de Ojea e a súa posta en valor para lle outorgar seguidamente un uso público. Como sinalou o propio Pazos, é este un asunto de vital importancia para a ACE. Esta cuestión xa fora aprobada en sesión plenaria no seu día e non se aplicou supoñemos porque non debeu ser asunto prioritario. Unha comisión do noso partido xa elaborou hai ben tempo unha proposta de conservación para todo este tipo de patrimonio no noso municipio e que fixemos pública a través deste blogue.

Entendemos que todo o conxunto arquitectónico en Ojea é digno de preservación pois agochan unha grande marca histórica e sentimental para este pobo. O complexo tamén conta cun interese urbanístico que debera ser encamiñado ó desenvolvemento duns usos sociais, socio-culturais e socio-económicos. Significa, en definitiva, o mar, un dos fitos de Cangas xunto a Massó ou mesmo a nave de Rodeira. Non podemos permitir que se derrube a cambio dunha praza pública. Sería, pois, acabar co pasado conserveiro, económico e histórico.

Pedimos rotundamente que o concello inste a Costas para que proceda á desafectación e mesmo que poña cartos para a recuperación das naves. Asemade, tamén esiximos que o goberno se comprometa a tramita-las axudas económicas pertinentes a través das administracións competentes xa sexa a nivel autonómico, estatal ou europeo para garantir unha conservación e posta en valor o máis satisfactoria posíbel desta parte do noso patrimonio.

Polo seu lado, o Bloque, e para sorpresa de todo o auditorio, pide o derrube das naves porque aseguran que supoñen un perigo para o viandante. Deste xeito se posicionou a concelleira Merche Giráldez. Así e todo, queren deixar claro que están a favor da recuperación de espazos públicos. Por tanto, non estando de todo conformes coa nosa moción propoñen facer unha emenda ó segundo punto que se tería que introducir ó final da sesión. No canto de rehabilitar e proceder á posta en uso das naves o BNG propón crear primeiramente a comisión de Urbanismo para que se avalíen os posíbeis usos que se poidan dar e despois pedi-las axudas. E, por consenso, decidir que naves se conservan e cales se destinan a espazo público. É dicir, o BNG propón que nos sentemos a decidir cales se destrúen para deixar espazo libre para facer unha praza. Non parece ser esta a proposta dun partido que diga ser preservacionista ou conservacionista, cando menos en termos de patrimonio histórico. Tamén non hai tanto decidían defende-lo mar e os recursos mariños e estando gobernando deixaron entrar a todo un batallón da Garda Civil en Massó pra deter e reprimi-los mariñeiros e veciños opositores ó porto deportivo. Aquí todo o mundo é, todos se queren apunta-lo tanto pero ninguén fai. O pobo de Cangas non ten a culpa de que quixesen facer campañas inasumíbeis para estar á altura dos partidos estatais e despois pasar a se-los máis endebedados coa banca.

A nosa resposta non se fixo esperar. X.M. Pazos entende que hai só hai dúas posturas: ou hai que derrubalo ou hai que conservalo. Co argumento que esgrime o BNG pode vir calquera a mandar tira-la fábrica de Massó xa que tamén se pode entender que é un perigo para a veciñanza dado o lamentábel estado de conservación no que se atopa agora. Insistimos entón en que o que hai que esixir é que se conserven tanto estas naves como todo o patrimonio que temos. Para a Alternativa Canguesa de Esquerdas é obvio que tendo o valor que teñen non se poden tirar. Por tanto, non entendemos a emenda ó segundo punto da nosa moción dado que agocha unha mala lectura do noso pedimento no sentido de que defendiámo-lo anteproxecto do arquitecto César Portela (2004). Para nada. Nosoutros perseveramos e perseveraremos en que primeiro cómpre establecer un debate encamiñado a pedi-las axudas para recuperar e pór en valor as naves e logo hai que reuni-los colectivos sociais para entre todos decidírmo-los usos que se lle van dar. En síntese, a risco de reiterarnos e facendo unha crítica instrutiva ó Bloque: hai que poñe-las en valor e despois usalas.

Finalmente a nosa proposta sae avante.


Xestión autonómica para a EDAR

O punto 5º da sesión plenaria de onte era un moción deste partido dependente da área de Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Servizos. Desta volta foi Mariano Abalo quen fixo uso da palabra para lembrar que a principios de mes levaramos a pleno unha outra moción solicitando a intervención do concello nunha hipotética derrogación da Lei de Augas e a non aplicación da mesma na nosa xurisdición municipal. Recordemos que foi denegada pero que o PP propuxera unha emenda relativa a EDAR dado que nos referiamos a ela. Como nos botaba abaixo a nosa moción enteira non puidemos secundar esta proposta polo cal en vista de que xa previamos que o goberno non o ía facer presentámola agora ofrecendo un prazo razoábel para os cumprimentos. Abalo pediu máis unha vez o consenso, como se fixo co asunto do centro de saúde de Vilariño, para que se empece a prever que a ubicación da depuradora non é o lugar correcto. Igualmente pedimos que a Xunta asuma a responsabilidade da EDAR (Estación de Depuración das Augas Residuais) así como que as ordenanzas municipais en curso incorporen as sancións correspondentes ós entes contaminantes. O PP maniféstase de acordo e o responsábel Xesús Graña engade que o Técnico de Medioambiente será o supervisor nese proceso de inspección.

Apróbase finalmente a nosa moción.



O crédito ICO non permite o pagamento ós acredores cangueiros

Outro dos puntos de interese da sesión plenaria deste 28 de outubro versou sobre a solicitude da comisión de Facenda para a adquisición dun crédito ICO para proceder a pagar a unha pequena parte dos acredores do Concello. Neste punto, o propio responsábel do goberno local, Pío Millán, fixo unha especie de análise cronolóxica de como se foi chegando a esa situación de endebedamento. Xustifica así acollerse a dito crédito para facer fronte a sentenzas xudiciais de pagamento perfectamente establecidas.

O noso voceiro, X.M. Pazos, pide a palabra para manifestar que é esta a “lexislatura da foto e das notas de prensa”. Alega que o goberno pedira un crédito ICO de 900,000 euros sen coñecer cales eran as condicións e a orde que regula este crédito por iso non o concederon. Coa resolución que toma o PP (o de 457,000 euros), debido ó número de sentenzas e a obriga de pagamento por orde xudicial, estanlle a dicir ás empresas endebedadas que teñen que denunciar para poder entrar no proceso de cobro. Mais o certo é que estamos nunha rúela sen saída onde, nin moito menos, se pode pagar arestora a todos.

No pleno de onte asistimos a revelación de novos datos arredor deste crédito. É o caso das nefastas consecuencias que pode ter para as arcas do concello nos próximos tres anos. De feito, tan só o 13% dos concellos empregan esta fórmula para afronta-las súas débedas, e iso por algo será.

Por cumprimento da orde que regula este crédito non se lle poden abona-las débedas ás empresas que nos importan e que están arestora afogadas economicamente[1]. A elección deste crédito tampouco é casual senón que o que se pretende é quedar a ben coa xustiza para que non lle interpoñan ó alcalde multas coercitivas de 600 euros mensuais por non cumpri-las sentenzas. En realidade, no canto de Sotelo e o seu o grupo, os que tiñan que facer xestos á xustiza non son outros que Gayoso e outra fauna do colectivo das altas finanzas así como devolve-la fortuna en cartos que cobraron.

Pazos non quixo desaproveita-la ocasión para lle lembrar ó público asistente ó pleno que as empresas que si van cobrar son, por exemplo, Limpiezas Faro, El Corte Inglés e a UTE das piscina (esta última, só unha parte da súa débeda). Pazos declarou que, malia respectarmos tódalas empresas en canto ó dereito ó cobro, é evidente que entidades como El Corte Inglés non están en quebra como lle acontece a estas pequenas empresas cangueiras que están endebedadas por culpa do Concello e que poden deixar a moito traballador na rúa.

A ACE o que propón é que a corporación pode facer unha prelación de pagos por antigüidade e outros criterios obxectivos e así irlle pagando a tódolos acredores. Senón, baixo este crédito, suxeito ó regulamento no que está, non permite pagarlle a aquelas empresas que non denunciaron e facéndoo nunhas determinadas condicións, ademais. Estamos a falar, por tanto, dunha maniobra para quedar ben coa xustiza, un xesto de cara ós tribunais, dando a entender que o Concello de Cangas si cumpre coa xustiza, pero non coas pymes e os empresarios da nosa vila. En troques, para a ACE, o noso partido, o primordial é que cobren canto antes as empresas que están desbordadas dende o punto de vista económico.

Sotelo non escatima en alegar que primeiro hai que lle pagar ás grandes entidades para se liberar canto antes deses compromisos e por prazos de cumprimento tal e como dita o real decreto relacionado co crédito en cuestión. Xustifica a solicitude deste crédito para poder pedir outro no futuro. Digamos un crédito “normal” con cargo ós orzamentos do 2012 para os demáis pagamentos que interesen facer, como pequenos empresarios e autónomos de Cangas, disque.

Noutro momento do debate Pazos responde a Pío Millán e ó alcalde que utilizara en prensa unhas expresións un tanto ariscas contra o concelleiro de Facenda, a parte da nula xestión, porque este primeiramente se referira publicamente ó noso voceiro cun insulto. Por tanto non entendemos moi ben de que se queixan cando é evidente a ineficacia ademais de estarmos no deireito de sentir mesmo temor pois este membro do Partido Popular xa perdeu no seu día o famoso cartafol das multas de tráfico. De acontecer tal cousa coas facturas destas empresas significaría que non chegarían a cobrar nunca.

O noso representante aclarou que non acusaba o goberno de pagarlle a El Corte Inglés dado que a prelación así o esixe, pero sendo así o crédito ICO non serve. Asemade, máis unha vez tendémo-la man para pedir unha operación de crédito onde teñámo-las mans libres para establecer unha prelación de pagos. A que temos, dende logo, non é a mellor saída. Ademais non hai seguridade de que con este crédito se vaia bloquear calquera medida que tome a xustiza contra o concello. Nesta liña temos que reiterar que xa ofrecémo-lo noso compromiso e, modestamente, a nosa experiencia para chegarmos tódolos grupos a un grande acordo que permita sanea-las arcas do Concello.

Pazos rematou a intervención contestando a unha acusación de Pío Millán que o culpaba de non paga-los acredores da área de Cultura durante o tripartito. Evidentemente recordámoslle ó actual concelleiro de Facenda que aquel goberno rompera por algunha razón, e non só por cuestións de urbanismo. Non é ningunha novidade que durante o mandato de Clara Millán as facturas de Cultura ían no último lugar e ademais a potestade está sempre no concelleiro de Facenda e na Alcaldía, as dúas naquela altura en mans do BNG.

Finalmente ACE e BNG votan en contra por consideraren que o feito de afronta-las débedas en facturas do concello se pode facer doutra forma sen ter que recurrir ó ICO xa que este crédito non achega seguridade algunha nin tampouco vai desbloquea-la actual situación do concello (só resolve 18 sentencias xudiciais de todo o feixe de empresas que hai). O PSOE, por seu lado, abstense e cos votos a favor do bipartito sácase adiante a proposta.


Rogos e preguntas

X.M. Pazos toma novamente a palabra para preguntar se vai haber máis actuacións no casco histórico e denuncia que sistematicamente se está a incumpri-lo PEPRI. Pon o exemplo da Rúa Cega de onde se está a retirar pedra que levaba alí máis de cento cincuenta anos e non se reinstala nin hai visos de que se vaia repoñer. O pavimento da Rúa do Arco tampouco é o que marca o PEPRI aparte doutras chambonadas das que habería que redactar un informe achegando as infraccións máis polo miúdo. Temémonos que a Praza da Constitución corra a mesma sorte. E dar un alto á praza do mercado como pareceu suxerir en prensa o alcalde para pór un supermercado e unha cafetería tamén incumpre aberrante e claramente o devandito regulamento. No tocante á Casa da Bola, para os cambios a facer hai que respecta-lo PEPRI no relativo ós usos e logo reuni-lo Consello Reitor que constituirían os usuarios do establecemento.

Pazos tamén se referiu á pretensión de Faro Lagoa de solicitar un cuartel da Policía Nacional que ocuparía á devandita Casa da Bola. Pasando por alto cuestións ideolóxicas de fondo calado, este partido o único que pide é que se respecten as características que o regulamento ten para a Casa da Bola onde se contempla unicamente un uso asistencial e cultural. Os "contactos" que teña o socio de goberno de Sotelo coas altas esferas tampouco poden contravir ningunha norma urbanística.

A seguir, un veciño sentado entre o público pediu o uso da palabra para volver sobre as aberracións que se están a acometer na rúa Cega. Mostrando un coñecemento da normativa fóra do común e moi superior ó propio concelleiro de Urbanismo e Vivenda (Rafael Soliño Costas) denunciou o levantamento deste rico empedrado para situalo na rúa Aragón a modo de banco. En todo caso, este veciño, citando de memoria numerosos apartados da lei vixente, recordou ó auditorio que este pavimento ten Protección Integral que o iguala á categoría dun BIC (Ben de Interese Cultural) cuxo deterioro e destrución está sancionado mesmo con penas cárcere. O alcalde, interesado por fin no tema, pídelle que faga un escrito denunciando polo miúdo a situación para facer unha abordaxe desta terríbel infracción.

Outra veciña interpela a tódolos grupos a que se pronuncien verbo da hospitalización domiciliaria temerosa de que quede no esquecemento dada a case exclusiva atención e preocupación polo CAR (Centro de Alta Resolución). Mariano Abalo manifesta a súa conformidade coa señora en que a unión fai a forza polo que propón leva-la proposta á Xunta de Portavoces.




[1] Por máis que teime Juan Calvo en que facemos demagoxia: “Como se temía, el debate no pudo evitar caer en la demagogia. Una vez más se pretendió utilizar el localismo para hacer "justicia" económica.” Faro de Vigo, 29-10-2011. Puido fixarse tamén este intrépido xornalista e colocalo na súa crónica en que propomos criterios de antigüidade (hai empresas que levan sen cobrar dende o 2004) e de situación financeira desas empresas, xa que algunhas corren o risco de ter que pecha-las súas portas co conseguinte despedimentos de traballadores.