Propomos un plan consensuado para sanear economicamente o concello


Este pasado sábado 24 de setembro, o partido convocou unha rolda de prensa para facer un balance dos cen días que levamos co novo goberno local. Asemade, aproveitámo-la ocasión pra facerlle chegar á opinión pública as nosas propostas de funcionamento para o concello e, sobre todo, para lograrmos sacar da crise na que se atopa inmersa a nosa institución municipal. O noso voceiro, X.M. Pazos, recoñeceu que coa entrada do PP e de Faro Lagoa houbo un cambio de talante xa que non se percibe, polo de agora, un nivel de crispación tan elevado como acontecía co anterior bipartito liderado por Clara Millán.
Malia as melloras na relación política, este partido detecta eivas a ter en conta dende o punto de vista do funcionamento da acción de goberno e da capacidade de xestión. Observamos, malia a presenza das máquinas da Deputación parcheando camiños, que moitos dos compromisos adquiridos co pobo de Cangas quedaron unicamente en promesas. Do resto, como dicimos, só asfalto. E, por certo, non se sabe cando se lle vai meter man á beirarúa que leva á Rúa e outras obras maiores.
Valoramos entón estes cen días como un estado de parálise e mesmo de marcha atrás, retroceso nalgúns aspectos. Velaí os proxectos de remodelación e mantemento da Praza da Constitución e da Praza do Arco que foron concibidos para seren financiados na súa totalidade pola administración autonómica e agora co PP o concello ten que achegar unha parte considerábel do importe. Ademais, non coñecemos máis proxectos de actuación para o casco histórico, cuxa recuperación debera ser íntegra.
Hai que resaltar na nova lexislatura a marcha atrás experimentada nos eidos de Cultura e Ensino. O actual concelleiro, Gestido, polas declaracións del en prensa parece que inventou el mesmo as festas ou o auditorio. Na programación cultural houbo un retroceso evidente. Para nosoutros é notorio, tamén, a mala xestión do auditorio onde agora se trae a compañías españolas de segunda ou terceira fila ou mesmo de aquí pero que cunha peculiaridade. Fanse actuacións de balde que paga o contribuinte e nun momento en que o concello debera ser economicamente saneado. Por se fose pouco, Cangas foi expulsada da Rede de Teatros e Auditorios.
Co resto de concelleiros non se pode falar. Non vemos xestión por ningures. Sen dúbida, estes cen días que leva gobernando Sotelo foron de non buscar problemas, o que significa inacción xa que non se toman decisións (PXOM, plans de obras e servizos,...) como a do consorcio da auga como esiximos nós. Por outro lado, indicou que é incomprensíbel que Cangas aínda non conte cun plan de usos portuarios.

Mariano Abalo incidiu tamén nesa certa normalización da vida política e que se palpa, por exemplo, no reestablecemento da xunta de voceiros e mesmo na intervención da Deputación que non temos porque ver con malos ollos sempre que se responda ás necesidades veciñais (outra cousa é que esta intervención adoite ser partidista). Así e todo, no relativo a cuestións vitais para Cangas non se perciben movementos de avance. E non hai pasos cara diante porque témo-lo concelleiro Faro Lagoa nunha situación de adscrición política dubidosa e que se pode agravar nos vindeiros meses afectando de forma crítica ó desenvolvemento da xestión municipal. Consideramos que tódolos actores políticos no goberno e na oposición teñen que estar funcional e perfectamente operativos para darmos resposta á situación económica do concello. Nese sentido en ACE avogamos pola elaboración dun plan de saneamento finaceiro para o que será necesario o acordo de tódalas forzas políticas desestimando calquera tipo de interese partidista. É clave a política de contratación como o é programar unha ordenación urbanística racional.
De igual modo non hai que entrar en debates estériles para o centro de saúde O Hío-Aldán ou o de Alta Resolución, senón que hai que garantir que con xestión e prazos concretos se poden levar a cabo eses proxectos. A piscina municipal tampouco pode estar paralizada, ten que ter uns prazos.
Abalo criticou a ampliación da vía rápida cando non se normalizan as conexións con Vigo e Pontevedra nin se avoga por potencia-lo transporte público que é o que desconxestionaría e evitaría complicacións de todo tipo na circulación vial da nosa comarca.
Tamén deixamos patente novamente a nosa aposta ineludíbel pola recuperación do patrimonio industrial que ten un valor indubidábel.
En síntese, Mariano Abalo manifestou que é necesario un cambio de rumbo na política municipal en termos dun gran acordo conxunto para sacar a este concello da situación crítica na que se atopa como xa vimos denunciando durante a campaña electoral dos pasados comicios municipais. Este partido non escatima á hora de ofrece-los seus servizos polo ben común xa que, honestamente, conta con moita experiencia en materia de recuperación económica pois grazas á intervención do propio Abalo e de xente das nosas filas altamente eficiente, como Moncho Fernández, saneámo-las arcas municipais tanto no período da Xestora como no Cuadripartito liderado por Euloxio López. Trataríase novamente de antepo-los intereses do noso pobo antes que ningún outro e elaborar un programa consensuado co compromiso firme de o cumprir por tódalas partes e que non se convirta en papel mollado como o Pacto de Goberno que asinamos coa esquerda teórica en 2007. E, sobre todo, este programa, baixo ningún concepto, pode estar supeditado a intereses alleos a Cangas. Solicitámoslle a Sotelo que non abonda coas boas intencións e as boas palabras, hai que levalas a cabo. E este goberno ten que entender que a participación veciñal é clave e ten que ser entendida a tódolos niveis: dende o movemento 15-m, as asociacións deportivas, etc...