O pleno tomba a nosa proposta de paralización da edificación ilegal da Regueira


Foi no punto 8 da sesión plenaria deste venres 16 de setembro cando o noso edil Mariano Abalo, saíu ó paso na súa quenda de fala para se referir ó ditame da comisión informativa de Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Servizos relativa á moción do noso partido sobre a situación das obras da Regueira. Manifestou que non tivo acceso ó expediente pois o funcionario do departamento quedara en recibir autorización para o deixar e, posteriormente, avisar por vía telefónica. Con todo, por algún motivo, non o fixo.
Abalo recordoulle ó goberno que a asociación de veciños de San Pedro está a requirir información sobre se a devandita obra superou os trámites legais. Ó mesmo tempo, solicita a paralización e precinte da obra por incumpri-la normativa, a LOUGA e outras deficiencias como a afectación sobre o lavadoiro e sobre terreos municipais. A cuestión é que eses escritos presentados no rexistro polos veciños non se contestan malia haber elementos legais para que o equipo de Sotelo actúe xa que non estamos ante unha ilegalidade menor senón que falamos de irregularidades que contraveñen seriamente o ordenamento urbanístico. Rafael Soliño, o novo concelleiro de Urbanismo polos populares, insistiu en que as ilegalidades desta edificación xa foran outrora emendadas. Referímonos a agosto de 2010, momento en que rexentaba o goberno o bipartito BNG-PSOE. Abalo defendeu a paralización deste proxecto sendo el responsábel de Urbanismo no 2007 e recordou as manobras escurantistas e gangsterís do goberno de Clara Millán e do seu equipo. Manobras e liñas de actuación das que agora parece recoller testemuño o actual grupo municipal do BNG na oposición. Estes, por seu lado e a través da voceira Merchi Giráldez, responde as acusacións da nosa formación opóndose a moción que presentamos e solicitando a rectificación e as desculpas pertinentes de Mariano Abalo. Deberan saber que quen ten que rectificar e pedir desculpas ó pobo de Cangas pola traizón feroz a un proxecto de esquerdas como o que abriu o tripartito non é outro que o propio BNG.
Nun novo uso da palabra, o noso concelleiro traballador de Correos, retrotráese ó ano 1999 para lembra-la data de aprobación inicial do proxecto. ACE foi quen a paralizou ó tocar goberno e volveuse reactivar cando a exalcaldesa meteu as gadoupas nunha área que non lle correspondía. Agora o PP ten a responsabilidade de volvela paralizar e atender a todo un clamor veciñal ó respecto. Dirixíndose á concelleira Giráldez, Abalo acusou ó Bloque de seguir unha liña continuísta coa pérfida actuación do bipartito e sinala directamente a Clara Millán como responsábel da ocultación de expedientes logo do secuestro da área de Urbanismo denantes da ruptura do pacto das tres formacións de esquerda. Pide, por tanto, honestidade e transparencia. Centrándose no asunto que nos ocupa, solicita recupera-lo inventario dos bens municipais que existen na zona de afectación. E esixe, sobre todo, que o actual goberno conteste ese recurso de reposición e saber baixo que informes se denega. Recordemos que existen informes técnicos pero non xurídicos.
Rafael Soliño, o responsábel de Urbanismo no goberno, alega non saber nada de recurso de reposición ningún. Convida a Abalo a lle pasar un informe das infraccións e infractores con nomes e apelidos e o noso edil contesta que terá esa documentación ipso facto no seu despacho, que non teña medo. Finalmente, non se aproba a moción de ACE. Pomos en destaque a abstención do BNG.

O centro de saúde O Hío-Aldán un chisco máis preto

Ante a moción de urxencia relativa ó centro de saúde do Hío-Aldán, Xosé Manuel Pazos, o noso actual voceiro, solicitou que se tratase antes que ningún outro punto dada a presenza e apuro de varios veciños que, ademais, non perderon ocasión de portar unha pancarta (Non máis mentiras, centro de saúde xa!) dentro da casa do concello. Abalo volve facer uso da palabra para lembrarlle ó goberno que se trata dunha necesidade de primeira magnitude e que, así e todo, pola situación económica non está a ser unha prioridade. A aprobación do pleno, predicíbel loxicamente, ten que se manter de cara futuras mobilizacións dos veciños ó respecto para instar a Xunta a axiliza-los trámites que posibiliten o levantamento desta infraestrutura para cubrir un servizo elemental irrenunciábel nesas parroquias. Pola nosa banda, a ACE declara que estivo e vai estar nesas reivindicacións, na rúa e polo legal.

Apostamos pola recuperación íntegra do casco histórico

Un dos puntos candentes foi o número 4, referido este á proposta da alcaldía de autorización dos límites porcentuais de obra de urbanización e pavimentación da Praza da Constitución. X.M. Pazos tomou a palabra pra incidir na remodelación, xa non só desa praza, senón de todo o casco histórico. E o que non se entende, remarcou, é que esa obra ía estar na súa totalidade financiada pola Xunta e agora atopámonos con que o concello ten que achegar arredor duns 55 mil euros. Pazos cargou entón contra a nula capacidade de xestión do actual goberno porque ten que se-la Xunta quen faga o importe total. O concello non está para malgastar nunha obra que tiña que ser cen por cen financiada polo administración autonómica. É por iso que o noso voceiro, a risco de predicar no deserto, preguntou o porqué deste cambio. Asemade, Pazos aproveitou para se referir ó proxecto "virtual" da piscina municipal que está sen pagar.
En todo caso, motívase o noso voto (non entramos en votación) pola falta de xestión, o malgasto de diñeiro público e polo retroceso nese proceso. O grupo municipal de ACE deixa claro que aposta pola recuperación íntegra do casco histórico xunto coas parroquias. Apróbase grazas ó voto do goberno. BNG e PSOE abstéñense.

Pazos pide o sometemento das festividades a referendo popular

O punto 5 da orde do día recollía as festividades do ano 2012: 30 de marzo (Venres das Dores) e 27 de agosto (Luns do Cristo). De forma inesperada e pouco elaborada o BNG propón o cambio dun destes días polo Martes de Entroido para favorece-la participación veciñal nesta celebración ancestral. O noso voceiro, estando de acordo coa esencia da petición, reclama ó Bloque en nome de ACE que se pospoña e someta dita proposta a un amplo proceso de consenso para evitar que sexa denegada. De feito, responsábeis do goberno non tardan en cualifica-la de “ocorrencia”. É por iso que Pazos propón a validación das nosas festividades a través dun referendo popular. Demanda, xa que logo, que a proposta do Bloque quede enriba da mesa e que se someta a un debate profundo no que participe toda a cidadanía e tódolos sectores do tecido asociativo.
Abalo entra no debate cando o edil do Bloque, o señor Gutiérrez, defende a proposta a través da equiparación dunha festividade relixiosa por unha laica. O noso concelleiro aproveita para sinalar que non é habitual que saia o laicismo a escena nestas sesións plenarias e que, para demostrar que vivimos nun estado laico e aconfesional, conviña que os representantes do goberno local empezasen por non acudir en comitiva ás procesións. Non só é esta a práctica habitual do grupo conservador pois aínda están frescas na retina as imaxes do desfile de Clara Millán e Héctor Otero nas procesións do Cristo.

Os banqueiros ó cárcere

Foi agardado tamén, así como as ganas por intervir, o punto número 6 da orde do día que se refería á moción do Bloque sobre o control das abusivas comisións bancarias. Pazos ratificou o apoio da ACE a esta moción dado que afecta as xa maltreitas economías dos veciños. Con todo, incidiu en que de a moción ser presentada polo noso grupo iriamos máis alá. Falariamos dos salarios desorbitados das directivas financeiras, as dietas tanto dos postos de dirección como dos conselleiros xerais nas asembleas, etc. Efectivamente sostemos que os cargos elevados, lonxe de írense para casa con milleiros de euros, tiñan que estar ante a xustiza e máis no cárcere respondendo da súa xestión, xa que non hai dúbida a estas alturas de que a banca é a culpábel da crise económica. E non se pode esquecer que este estado de cousas é apoiado, sostido e consentido por gobernos como os de Feijó que saudou a conversión, etc. Avogamos non só por unha contundente aplicación de impostos ás grandes fortunas senón tamén porque se lles faga pagar polo mal que están a ocasionar no nivel de vida do pobo.
Ante a actitude vacilante do concelleiro Graña (PP) nunha súa intervención, Abalo solicita que clarifique se está a favor ou en contra da moción ou se ben está a intervir a nivel persoal ou fala como partido xa que os bancos son quen lle paga as campañas a grandes partidos como o seu. Este di que o seu partido vai apoiar a moción. Abalo remata a súa intervención solicitando xente honesta para dirixir estas entidades. Por fin, a moción é aprobada cos votos de tódolos partidos.

Sen cartafol non hai delito

O punto 7 versaba sobre unha moción de UPAC requirindo a investigación de multas de tráfico sen tramitar. O BNG, a través do concelleiro H. Mera, quere facer unha emenda relativa á formación dunha comisión investigadora mais baixo condición de que apareza o libro de rexistros e o cartafol das multas para que así sexa posíbel contar con máis datos. Solicita tamén máis anos no eido desta investigación para facer unha radiografía da praxe do concello.
O noso voceiro, X.M. Pazos, acusa a Pío Millán de se-lo responsábel de que se extraviase o cartafol. E resulta estraño, cando non sospeitoso, que non cargasen contra o PSOE (pois as multas correspóndense co período de Maise Vilas en Tráfico) non sendo do seu partido, en principio, a responsabilidade desas irregularidades. O noso grupo solicita entón que ten que haber un responsábel e que non se debe actuar dunha forma tan ineficiente, como pouco, en asuntos desta índole.
Por outra banda, o propio Pazos desautoriza a Faro Lagoa a facer mocións desta clase por ter coa Policía Local contenciosos con sentenzas desfavorábeis. Pazos deixa claro que se non aparece (e non vai aparecer) o cartafol, non vai haber tampouco delito. Decae a emenda do Bloque, así e todo apróbase a moción de UPAC.
Era xa ben noitiña cando se chegou o punto 9 da sesión, a referida á ratificación da alcaldía do 10 de agosto pola que se autoriza a INVESMORRAZO a contraer débeda a longo prazo con garantía hipotecaria sobre a concesión administrativa do aparcadoiro subterráneo da unidade de actuación nº 10 de Cangas. Neste punto, X.M. Pazos reclama o informe técnico-xurídico da secretaria para informar das consecuencias. E demanda entón que o tema en cuestión quede sobre a mesa ata ter esa información precisa. Sotelo e o seu grupo acepta traelo ó seguinte pleno polo que se retira a moción da orde do día.
O punto número 10 tiña a ver coa baixa de Héctor Otero como edil por razóns persoais, polas que lle desexamos moita sorte, e profesionais, que non fai falla que lla desexemos pois non temos ningunha dúbida de que a terá.

Rogos e preguntas

Lembremos que esta sección da sesión plenaria situada logo de seren discutidas e votadas tódalas mocións, é unha vantaxe do noso concello en favor da intervención veciñal nos asuntos municipais e que se instaurou en tempos da Xestora.
X.M. Pazos aproveita para preguntar sobre a reparación do acceso á alameda, nas inmediacións do reloxo. Acto seguido, o noso voceiro opta por facer un rogo. Recorda que se aprobara unha moción para o estudo técnico das obras na casa da cultura con cartos do Plan E. Na moción pedíase que o arquitecto municipal fixese un informe da correspondencia ou non entre o proxecto e as obras efectuadas finalmente. Reitérase entón que se asuma o contido desta moción que fora xa aprobada. Pazos advirte de detalles como o grosor dos cristais das portas e outros elementos de diversa índole que chamarían a atención sobre un desfase económico. O responsábel popular de Cultura comprométese e adianta de que hai traballos aínda sen facer e sen rematar.
Pazos aínda fai unha outra pregunta máis. Sabendo de que, no cemiterio de Coiro, unha persoa perfectamente podente foi enterrada nun nicho municipal e que mesmo a veciñanza recoñece que non tiña necesidades para iso, a pregunta que lle trasladamos ó goberno é a de cal é o baremo para que unha persoa sexa enterrada con cargo a fondos públicos. O alcalde descoñece o caso e Pazos espeta que ten que existir un informe.
Para rematar Pazos volve facer un rogo referido a que na prensa e na páxina do Ministerio vén recollido que hai un enfrontamento dentro de UPAC que podería afectar nas nosas institucións. O concello ten a responsabilidade de descubri-la situación. A concellería correspóndelle efectivamente a Nardo Faro Lagoa pero interesa saber se certamente é membro de UPAC ou non pois están en xogo dereitos e dietas a cargo do contribuínte. Pazos solicita para canto antes un informe xurídico. Acto seguido, Faro Lagoa protagoniza un "espectáculo" para o esquecemento máis propio de ser recollido pola prensa amarela e no que nosoutros non imos abondar. Sotelo, preso polo compriso político contraído co industrial panadeiro, non o chama á orde como lle require o propio Abalo senón que, visibelmente inquedo, se limita a mante-la cabeza gacha e a facer coma quen remexe nos papeis.