Denunciámo-lo caciquismo de Faro Lagoa e do goberno local


Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas queremos denunciar publicamente as actuacións do concelleiro de UPAC, Bernardino Faro Lagoa, asfaltando con diñeiro público e maquinaria da Deputación (tamén pública), camiños privados de acceso a propiedades únicas.
En efecto, o devandito concelleiro, co beneplácito de Sotelo e Rafael Louzán, está a realizar obras de asfaltado en camiños que conducen a propiedades dun único propietario (privadas), cando son de sobra coñecidas as necesidades de actuación en vías públicas.
Se esta conduta vai marca-la liña de actuación do goberno municipal, cando menos que se saque un bando público para que tódolos cangueiros e cangueiras teñan as mesmas posibilidades e poidan solicitar melloras nas entradas particulares ás súas casas. Ó non ser así (e non o vai ser, por suposto) estas actuacións constitúen un exemplo máis do modo de entender a política da dereita: os caudais públicos, que se fornecen dos impostos da cidadanía, son manexados discrecionalmente para pagar favores ou para comprar vontades. Caciquismo puro e duro que nin se molestan en disimular.
Dende ACE esiximos un Plan de Reparación de vías públicas, no que se prioricen as necesidades e as actuacións, que substitúa a este amiguismo descarado que os veciños e veciñas de Cangas están a sufrir.
NOTA: O Faro de Vigo, coma case sempre, trabúcase?, e titula a noticia como que ACE está en contra do arranxo de “camiños públicos” coa maquinaria da Deputación. Casualidade? Cada vez estamos máis convencidos de que non.