A Alternativa a prol da derrogación da Lei de Augas


Vimos de presentar unha contundente moción ó respecto polo que pedímo-la asistencia ó pleno que vai ter lugar o vindeiro 7 de outubro. O pasado 15 de xullo estivemos na palestra informativa que Manuel Docampo Paradelo (SLG) deu no salón de plenos do noso concello logo de ser aprobada a controvertida Lei de Augas. Perante a inminente emisión desta lei inadmisíbel, a Alternativa Canguesa de Esquerdas declárase, xa de principio, radicalmente en contra dela polos motivos seguintes:
− A auga é un elemento natural fundamental para as persoas, os animais e as plantas. É indispensábel para a vida e para o sostemento do planeta polo que debe considerarse pública e universal.
− A auga ten que cumprir, antes de nada, unha función social de alimento e hixiene, e nunca ser un elemento de comercialización. Por tanto, toda a normativa sobre as augas deberá prohibi-la súa privatización, que se lle tire beneficio ou que se especule con ela.
A nosa organización súmase ás reivindicacións do Sindicato Labrego Galego e de toda a plataforma cidadá contraria a esta lei asumindo a sustentabilidade e a racionalidade como prinicipios nos que asenta-la xestión deste recurso básico para a vida.
A Alternativa Canguesa de Esquerdas rexeita de pleno a Lei de Augas de Galicia pois esta supón a apropiación e a privatización de tódalas augas de Galicia, fixando ademais un prezo á auga. Estámonos a referir a un canon que establece e rexe sobre toda a auga, a maiores do prezo do subministro que determinan os concellos ou as entidades subministradoras e a maiores, tamén, do canon de vertedura ou coeficiente de vertedura.
Ata o de agora pagabamos polo subministro e a depuración, cando se nos prestan eses servizos. Neste concello xa vimos que se lles ten feito pagar ós veciños por estes servizos mesmo en casos nos que non se gozaba dos mesmos ou nos que presentaban claras deficiencias. Pero a cuestión é que con esta lei, e aquí apelamos ó sentido común dos que rexen as institucións, amais de pagar polo servizo, pagaremos polo ben que é a auga en si. É dicir, a auga pasa a ter un prezo. Deste xeito, tódalas augas, sexan de subministro público ou dos veciños, de superficie ou do subsolo, nazan en finca pública ou privada, incluso a da chuvia e a do mar (non caso de seren aproveitadas), haberá que pagalas.
Queremos deixar constancia da usurpación deste ben común sinalando que o goberno autonómico e o do estado, con esta lei, consente o traspaso de tódalas competencias en materia de augas que ten Galicia á empresa Augas de Galicia. Esta entidade funciona segundo decreto privado e é xuridicamente unha Sociedade Anónima (S.A.) para a que se establece e converte en “administración única e ordinaria da política de augas en Galicia, dándolle tódalas competencias que nesta materia lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma.”
Para nosoutros é manifestamente claro que a devandita lei limita a autonomía municipal obrigando ós concellos a actuaren ó servizo da empresa Augas de Galicia, coa obriga de cobra-lo canon, sometendo a planificación urbanística ó seu ditame, supervisando a administración local nas competencias propias en materia de augas tirándolle a potestade de dar permiso de obras cando as acometa a empresa Augas de Galicia.
Por todo o anterior, propoñémoslle ó Pleno Municipal de Cangas a adopción dos seguintes acordos:
1.- Que o Concello de Cangas inste á Xunta de Galicia a que derrogue a denominada Lei de Augas de Galicia.
2.- Que o Concello de Cangas non recoñeza nin aplique na súa xurisdición, baixo ningún concepto, a Lei de Augas de Galicia.
3.- Que o concello xestione e poña en funcionamento as medidas tendentes á municipalización do servizo de saneamento e subministro antes do remate desta lexislatura co obxectivo de acada-la mellora da calidade de vida veciñal dende o punto de vista das infraestruturas que acompañan a canalización e o tratamento deste elemento indispensábel.
4.- Que o concello estableza un maior control e inspección e que mesmo ditamine sancións, se for preciso, sobre a actividade da depuradora e de todo ente público ou privado que realice verteduras contaminantes á ría.
5.- Que o concello estableza como prioridade irrenunciábel nesta lexislatura unha política eficaz de outorgar e garanti-lo subministro e saneamento a tódalas aldeas e parroquias de forma completa.
6.- Que o concello garanta baixo regulamento unha planificación urbanística sustentábel e respectuosa tanto con todo o medio como coas áreas protexidas e seguindo unha política de distribución de vivenda e edificacións acorde coa capacidade de saneamento do concello e cunhas posibilidades reais de instalación de servizos de subministro.