ACE esixe recupera-los viais públicos de Punta Couso

O noso partido, mediante unha moción plenaria datada deste 16 setembro e que será tratada no vindeiro pleno do 7 de outubro, vaille solicitar á corporación municipal a recuperación e normalización destes camiños segundo o precepto legal.

Debido a que en diferentes recursos e sentenzas, agora recorridas diante do Tribunal Supremo, exprésanse distintas versións sobre a pertenza do vial de Punta Couso, o noso grupo municipal considera que, a maiores das accións xudiciais, como Concello débense activar actuacións conducentes a recupera-los viais públicos existentes no devandito lugar e máis expresamente no caso do camiño en litixio.

Para o cal, propoñemos que o Pleno adopte os seguintes acordos:

1.- Solicitar á Dirección Xeral de Costas o Inventario de viais ó faro de Punta Couso, e una vez determinados, se non están expeditos, proceder, de acordo coa legalidade, cara a súa recuperación.

2.- Proceder a revisión de oficio das parcelacións realizadas na finca que afecta ó devandito vial e que están relacionadas coas licenzas concedidas. Asemade, requerir ós presuntos herdeiros para que procedan a formaliza-las cesións correspondentes.

3.- De non ser así, de acordo co expresado no punto 2, que se declare a lesividade e a nulidade dos actos administrativos en cuestión, remitindo ditas nulidades ó Rexistro da Propiedade.

4.- Inclusión do referido camiño no Inventario de Bens Municipal.