Volvemos insistir na declaración de BIC para Massó


O pasado luns 1 de agosto este partido volveu reclama-la declaración de Ben de Interese Cultural para todo o complexo da factoría Massó na nosa vila.
O noso voceiro, X.M. Pazos, aproveitou a ocasión da visita de Roberto Varela (Conselleiro de Cultura e Turismo) a Donón para efectua-los preparativos para a declaración de BIC para o castro do Monte do Facho. Pola nosa parte, a ACE congratúlase polo estatus de protección que vai adquirir este incomparábel complexo arqueolóxico situado na parroquia do Hío. O noso voceiro tampouco desaproveitou a oportunidade de parabeniza-los responsábeis da xunta comunal desta parroquia que levan realizado un grande esforzo e traballo para acada-lo que dende este luns é xa unha realidade. Estivemos, estamos e estaremos sempre ó seu dispor.
Con todo, neste partido non renunciamos tampouco á adquisición do mesmo estatus de protección para a fábrica de Massó que, como lle fixo saber Pazos ó conselleiro, se atopa nun estado calamitoso inadmisíbel e sobre o que planean, ademais, as dúbidas dunha intervención de carácter especulativo por parte de poderosas forzas foráneas á nosa vila.
Lembremos que, xa en xuño do 2007, o noso voceiro (edil de Cultura nesa altura) solicitara á conselleira rexente, Ánxela Bugallo, a declaración de BIC para o noso principal expoñente en materia de patrimonio industrial. Posteriormente, en febreiro de 2009, X.M. Pazos interpelou no mesmo sentido a Felipe Arias, director xeral de Patrimonio, nunha outra visita ó castro do Facho.
Malia as vehementes esixencias do noso grupo, a día de hoxe, Massó non conta con este nivel de protección que é vital para a súa preservación. A fábrica está rexistrada nas normas urbanísticas como edificio protexido, mais esta catalogación non garante a obrigatoriedade dos donos a mante-la construción nun estado óptimo. Outra cousa é que a compra do inmoble e dos terreos tivese deficiencias de tipo legal. Malia os vínculos que son evidentes, é esa outra batalla.
A realidade, insistimos e denunciamos, é que o edificio presenta un estado de deterioro e abandono que non se entende nunha xoia urbanística, outrora unha das maiores fábricas do mundo, fortemente vinculada á vida fabril e mariñeira da que dependía practicamente todo o pobo de Cangas. A compoñente simbólica e sentimental é tamén, por tanto, ineludíbel.
Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas, partido comprometido con tódalas sensibilidades e necesidades do noso pobo, queremos manifestar publicamente que, como vimos demostrando nos últimos anos, pelexaremos pola consecución da declaración de BIC e, sen dúbida, pola recuperación deste emblemático edificio para o Concello. A partir de aí os usos que se lle dean só poden ser de carácter público atendendo sempre as inquietudes e propostas dos nosos veciños e de todo o entramado asociativo.