Mariano Abalo presenta unha moción para paraliza-la urbanización da Regueira

Unha das medidas prioritarias da área de Urbanismo no goberno anterior (e loxicamente antes de que lle fose secuestrada a responsabilidade de urbanismo a ACE) foi paraliza-la actuación das obras da Regueira por incumpri-la licenza.
Esta medida levada a cabo por Mariano Abalo permitíu que as obras fosen precintadas, pero ó caer en mans do BNG a devandita área todo foi permisividade. E é así como agora nos atopamos con que as devanditas obras continúan como se neste proxecto non acontecese nada ilegal. Nada máis lonxe da realidade.
Por tanto, dende ACE consideramos que non pode haber ningún tipo de permisividade con esta aberración e infracción urbanística, tendo en conta, ademais, que tamén está baixo sospeita que dentro desta actuación están incluídas, e probablemente usurpadas, propiedades municipais, co cal o escándalo aínda é maior, sobre todo se se ten en conta que a inclusión das propiedades municipais poideron ser determinantes na concesión da licenza.
Diante desta situación, o grupo municipal de ACE, mediante unha moción presentada polo noso encargado na materia, Mariano Abalo Costa, propón ó Pleno que se adopten os seguintes acordos:
1.-Instar á Alcaldía a que tome as medidas pertinentes para que as obras de construción do edificio da Regueira sigan paralizadas e se restitúa o precinto das mesmas.
2.-Que se proceda a identificar, delimitar e recupera-las propiedades municipais sitas nese ámbito e se proceda en consecuencia .
3.- Que se depuren as responsabilidades tanto urbanísticas, como de calquera outro tipo, derivadas das irregularidades denunciadas.