ACE oponse a que Pío Millán xestione o expediende de adxudicación do ORAL


Unha vez aprobada en pleno a delegación no Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) e a xestión dos expedientes sancionadores en materia de tráfico (xestionar e cobrar as multas), xestión e recadación das plusvalías e a xestión da taxa pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do solo, subsolo ou voo constituídas nas vías públicas municipais, ACE quere manifestar o seguinte:
En primeiro lugar denunciar que estamos, unha vez máis, diante dunha privatización encuberta de servizos públicos, actuación que ACE non pode tolerar nin apoiar.
En segundo lugar solicitamos a retirada inmediata do concelleiro Pío Millán Blanco, Presidente da Comisión de Economía, Facenda e Réxime Interior, do expediente de adxudicación ao ORAL.
Confirmada a súa relación laboral como traballador do ORAL de Pontevedra polo propio Alcalde Jose Enrique Sotelo, entendemos que non pode nin debe estar presente na tramitación e adxudicación de ditos servizos. Como Concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior ten a obriga de velar polos intereses dos cidadáns de Cangas e de xestionar a súa área sen influencias externas. ¿Poderá o concelleiro P. Millán velar polos intereses de todos os veciños e de todas as veciñas de Cangas tendo en conta o seu vinculo laboral co ORAL?
Os traballadores e as traballadoras, non intentan sempre buscar a mellor forma de actuación para non prexudicar á súa empresa?
Non podemos dicir que o concelleiro Pío Millán estea diante dunha situación de incompatibilidades, pero si podemos denunciar que nos atopamos diante dunha situación eticamente incorrecta.
ACE solicítalle ao Partido Popular que delegue as responsabilidades de xestionar os trámites relacionados co expediente de adxudicación ao ORAL en outra persoa, e así garantir un procedemento honesto e transparente. Coñecendo ao concelleiro Pío Millán seguro que nos agradece a nosa petición.
Cangas, a 04/08/2011.