U-la austeridade de Sotelo?




No Pleno do pasado 29 de xuño de 2011, o novo bipartito PP-Faro Lagoa propuxo e aprobou as novas retribucións salariais para o alcalde e as concelleiras liberadas, así como as dietas por asistencia a Plenos e Comisións para o resto da Corporación.

A proposta, na opinión da ACE, constitúe un acto de cinismo político pois mentres coa boca pequena se fala de redución de gasto diante da crise do Concello, coa boca grande dos feitos se vai a unha suba nos salarios que supón unha tomadura de pelo á cidadanía que, en xeral, ve reducido o seu nivel de vida. Por iso a Alternativa, ademais de opoñerse totalmente á proposta do bipartito, presentou unha emenda a esa proposta que facemos pública aquí, como fixemos tamén nos medios de comunicación.

  1. Como salario da Alcaldía aprobaron unha retribución de 46. 300 € brutos anuais, o que supón unha suba de case 9.000 fronte aos 37.485 € que cobraba a Alcaldía anterior. ACE propuxo que o salario fose o mesmo nos dous casos.
  2. Como salario das dúas Concelleiras liberadas, o bipartito aprobou unha retribución de 20.370€ cada unha, por media xornada, cando, por unha xornada enteira, os concelleiros liberados no anterior goberno cobraban 25.704. Como se ve, a diferenza é escandalosa.

ACE propuxo que o salario destas dúas Concelleiras fose da metade dos anteriores posto que o seu horario tamén é da metade (o 45% para sermos exactos).

Mais, na nosa emenda, non só propuxemos aforrar diñeiro a conta dos salarios dos gobernantes, senón que as nosas propostas ían dirixidas tamén ao aforro nas dietas do resto dos concelleiros e concelleiras:

Por asistencia a Pleno:

  • Proposta PP - 90 € por concelleiro/a
  • Proposta ACE - 60 €

Aforro: 600 €/mes, máis plenos extraordinarios.

Por asistencia á Comisión de Goberno:

  • Proposta PP - 36 € por concelleiro/a
  • Proposta ACE - 30 €

Aforro: sobre 200 €/mes

Por asistencia a Comisións Informativas:

  • Presidente/a: 36 €. Proposta ACE – 30 €
  • Vogais: 24 € . Proposta ACE – 20 €

Aforro: 54 € por reunión.

Asignación por gastos a cada Grupo Municipal:
  • Proposta goberno: 350 € mes, máis 30 € por concelleiro/a.
  • Proposta ACE: 400 € mes por grupo, sen ningunha outra cantidade adicional.
Aforro: 370 €/mes.

Evidentemente, o bipartito rexeitou a nosa proposta (a única que se presentou como alternativa á súa) e mantívose na súa posición, no que constitúe a primeira tomadura de pelo ao pobo de Cangas por parte de quen non ten empacho ningún en predicar unha cousa e despois facer a contraria.