Comunicado da Alternativa logo da xuntanza dos voceiros con Consultora Galega


A usurpación e secuestro da área de Urbanismo na pasada lexislatura, coa conseguinte ruptura do pacto e programa de goberno municipal por parte do BNG, puxo ó descuberto os intereses políticos deste grupo ó servizo dos grandes intereses económicos.
Como consecuencia desta manobra, na recente xuntanza de voceiros dos grupos municipáis co equipo redactor do PXOM, Consultora Galega, púxose en evidencia que o escurantismo con que se moveu o BNG é de tal calibre que, a día de hoxe, os grupos municipais aínda non recebiron a documentación relativa ó documento previo á aprobación inicial do Plan Xeral. Así o fixo saber ACE na xuntanza que mantiveron os voceiros coa empresa redactora o 19 de xullo para analiza-lo futuro do urbanismo en Cangas. Ademais, malia que o devandito documento xa estaba elaborado en xuño de 2010, acusouse no seu momento a ACE de ocultismo cando un borrador non oficial sobre o Avance circulou profusamente porque foi malintencionadamente filtrado por certos socios de goberno que sempre boicotearon brutalmente a área de Urbanismo. Pola nosa banda, a ACE fixera difundir nesa altura ós grupos municipais e a toda a cidadania, a través do Consello Sectorial de Urbanismo, o CD do Avance.
O constante encarecemento do contrato dos traballos do PXOM non ten limite, pasouse xa dos 244.000 ós, aproximadamente, 414.000. E dende este partido tememos que a cifra non quede aí pois a voracidade de Consultora Galega ameaza novamente as arcas municipais ó pasar unha factura de 70.000 euros por incorporar e revisar o POL cando ó que obriga a Xunta, a través dun escrito emitido en maio de 2011, é a adaptarse ó devandito documento. Máis absurdo resulta aínda se temos en conta que hai un tempo a, afortunadamente, exalcaldesa se dedicou a facer campaña electoral explicando o POL (Plan de Ordenación do Litoral) nalgunha parroquia.
O cronograma ou calendario que agora propón Consultora Galega tampouco deixa de ser insultante. Lembremos que cando a responsabilidade de Urbanísmo estaba en mans de ACE retrasábase a celeridade e rebentábase a resolución dos traballos. Por tanto, non é de recibo que agora se veña anunciando a aprobación definitiva do PXOM para o ano 2013. Data impensábel a eses efectos de tomarmos a simple referencia de que esta empresa, contratada xa no ano 2006, transcorridos cinco anos aínda ten pendiente un proceso moi longo para poder dar por resolto este proxecto.
Tal vez estas présas éntranlles neste momento pretendendo dar un golpe de estado no urbanismo cangueiro cando de común acordo coa exalcaldesa e coas promotoras Promalar e Novacaixagalicia consiguen darlle un tratamento de solo pretendidamente urbanizábel a Massó e a parte do Condado de Aldán. Cusiosamente na área de Lagüelas-Menduiña trasladan a vivenda protexida fóra deste ámbito. ACE, consecuentemente, xa anunciou nesta xuntanza a absoluta desconfianza cara o equipo redactor pois dende o noso punto de vista é evidente que se traballa para clientes e especuladores alleos ós intereses públicos do noso Concello e non para o pobo de Cangas.
En conclusión, e de forma coherente, a Alternativa Canguesa de Esquerdas pechou a reunión reclamando a necesidade de rescindi-lo contrato con Consultora Galega pois o Concello de Cangas aforraría tempo e diñeiro partindo da elaboración deste traballo cos técnicos e medios xurídicos propios e co necesario asesoramento externo. O contrario sería ou será caer nas mans dos depredadores do solo e do medio natural que sempre actúan en perxuizo dos intereses xerais de Cangas.

28 de xullo, 2011