ACE presenta unha moción de urxencia tras o levantamento de terrazas

Nos tempos de crise que está a vivir o pobo en xeral e tamén o comercio e a hostalería en particular, o Concello de Cangas debe ser sensible con estes sectores e facilitar o seu desenvolvemento dentro das súas posibilidades e competencias. Pois ben, unha das competencias da Institución Municipal, como é a autorización para a instalación de terrazas (compartida nalgúns casos con outros Organismos), está estes días a causar polémica ao existir ordes de levantamento dalgunhas delas ou denegacións de permiso para outras, que se pode chegar a pensar que están orixinadas por motivos discrecionais e non por causas obxectivas.

Desde ACE defendemos a igualdade para todos os establecementos, tanto nas concesións como no cobro das mesmas, vixiando sempre a súa legalidade. Pero tamén é verdade que nestes tempos, e mais despois da entrada en vigor da Lei anti-tabaco, as terrazas constitúen un complemento fundamental para o funcionamento da hostalería, e non só nos meses de verán, senón realmente todo o ano. Por iso coidamos que é necesaria unha regulación clara e transparente que fixe obxectivamente os criterios para a instalación de terrazas, tendo como obxectivo fundamental a concesión do permiso sempre que existan posibilidades e non entorpecer e dificultar a súa obtención.

Tampouco non entendemos que sexa a Concellería de Obras e Servizos quen se ocupe desas instalacións, cando semella máis axeitado que fosen as de Turismo o mesmo Patrimonio Histórico (no ámbito do Pepri), previos informes de Tráfico e Policía.

Como tamén nos resulta estraño que Organismos Públicos como Costas cobren a instalación de terrazas ou de quioscos de praia, cando o mantemento dos espazos (limpeza, dotacións, etc.) corren por conta do Concello. Cumpriría negociar con estes Organismos un cobro compartido co Concello ou un mantemento regular destes espazos por parte deles.

Por todo o anterior, o grupo municipal de ACE vai presentar unha moción de urxencia no vindeiro pleno, para solicitar a aprobación dos seguintes puntos:

1.- No sucesivo, as solicitudes de permisos para a instalación de terrazas estudaranse, previos informes técnicos, na Comisión Informativa correspondente, con participación de todos os Grupos Municipais, que elevará o seu informe a Comisión de Goberno, para garantir a transparencia e a equidade.

2.- As autorizacións de instalacións de terrazas por parte do Concello serán para todo o ano, negociando o Goberno Municipal con Costas e con Portos de Galicia para que fagan o mesmo nas da súa competencia. En cada caso, o prezo a pagar polas terrazas será o mesmo que pola tempada de verán, como acontece noutras cidades da contorna, que mesmo reduciron as taxas.

3.- O Goberno Municipal promoverá, no prazo máximo de seis meses, a elaboración e aprobación dunha Ordenanza, con participación de todos os Grupos Municipais, (escoitando tamén ao propio sector), na que se recollan claramente os criterios para a concesión de terrazas (grao de ocupación, afectación ao tráfico rodado e peonil…) e mesmo marque outros (estéticos, de adecuación ao entorno, etc) para que o sector coñeza claramente a que aterse e non estar á espera dunha orde anual, ás veces con criterios cambiantes.