ACE pregúntalle ao bipartito sobre a situación do Local de Ensaio de Cimadevila

Na lexislatura anterior, o daquela goberno municipal, executou unhas obras de acondicionamento na antiga Escola de Educación Infantil de Cimadevila, parece ser que co propósito de converter ese inmoble nun “Local de Ensaio” para Grupos de Música formados por xente moza. Así, os novos músicos contarían cun espazo onde ensaiar e mesmo cun estudo no que gravar as súas propias producións, segundo varias declaracións do anterior responsable da Concellería de Xuventude. Para estas obras de acondicionamento contouse cunha importante axuda da Xunta de Galicia.

Pois ben, xa no último ano do anterior goberno bipartito se deixou de falar do tal local e se pararon as obras no mesmo, non tendo información os Grupos Municipais nin a cidadanía sobre a situación real do inmoble e da súa utilización, se é que se dá. Aínda así, coñecemos que hai un mínimo uso (supoñemos que en precario) por parte dalgún colectivo e intuímos tamén que a obra está sen rematar e sen equipamento ningún.

Por todo iso, a Alternativa Canguesa de Esquerdas, facéndose eco da inquedanza existente nos colectivos xuvenís, vén de lle formular ao goberno bipartito as seguintes preguntas, para as que pediu resposta escrita ou oral en Pleno:

- Cal é a situación real, a data de hoxe, das obras de acondicionamento do local de Cimadevila?

- Que utilización está a ter agora mesmo o local nas condicións en que está?

- Cal foi a achega Municipal ás mesmas e cal a da Xunta de Galicia?

- Hai valoración económica do que falta por facer e idea de como afrontalo ou pénsase deixar a obra inacabada? De continuar coa obra, en que prazos se estima que se faría?