ACE denuncia a bancarización de Novacaixagalicia

Na última Asemblea Xeral de Novacaixagalicia celebrada na Coruña o día 21-07-2011, aprobouse a “segregación” do capital e o volume de negocio da única Caixa galega para a creación dun Banco con entrada de capital privado. Nace NCG Banco, que vai ter como obxectivo, como calquera outra entidade bancaria privada, a xeración de beneficios para os seus donos-inversores. O país non importa, o que importa é a carteira.
Novacaixagalicia vai permanecer aínda un tempo como “marca” que xestione as “migallas” que van quedar para a Obra Social e Cultural e converterase despois nunha Fundación para o mesmo fin, dependente dos intereses do Banco.
Desde a ACE rexeitamos totalmente este ataque a Galicia por parte da especulación, bendicido pola Xunta e o Goberno Central e por iso, por medio do noso compañeiro Xosé Manuel Pazos, conselleiro xeral da finada Novacaixagalicia en representación do Concello de Cangas, interviñemos na Asemblea e votamos en contra da “bancarización”.
Velaquí a intervención do noso compañeiro perante a Asemblea Xeral:
Señoras e señores Conselleiros, quen lles fala é Xosé Manuel Pazos, representante nesta Asemblea do Concello de Cangas a través da ALTERNATIVA CANGUESA DE ESQUERDAS e, con todo o respecto persoal, mais tamén con toda a contundencia da que son capaz, debo comezar manifestando que estou INDIGNADO! Si, indignado como o están os representantes dos traballadores/as que hai un anaco protestaban nas portas do local; coma os centos de traballadores e traballadoras da entidade que ven en perigo os seus postos, e coma os milleiros de galegos e galegas que neste momento se senten traizoados por esa mesa directiva e polos gobernos da Xunta e do Estado.
Isto é así porque nesta Asemblea preténdese que apoiemos (coa conversión da NCG en Banco) a destrución do que tiña que ser o motor financeiro de Galicia, que serviu ao longo de máis de cen anos de historia para o desenvolvemento da economía do noso país, apoiando aos autónomos ou á pequena e mediana empresa, verdadeiro sostén, da creación e mantemento do emprego e, xunto coa clase obreira, do avance económico de Galicia. Nós non podemos apoiar de ningún xeito o atropelo que se quere cometer hoxe aquí co froito do patrimonio e o aforro das galegas e galegos (nosos, dos nosos pais, dos avós e bisavós...) entregándolle os seus beneficios á primeira persoa que aparece pola porta a cambio de non se sabe moi ben que, nin canto nin por canto tempo. Supoño que vostedes terán ese dato e saberán, polo menos, por canto venden a Caixa e a Galicia.
Estou indignado especialmente, e teño que dicilo, co señor Fernández Gayoso, porque nun tempo crin nas súas palabras (é un dicir, non mo tomen ao pé da letra) e enganounos, a min e, o que é peor, a todo o País. Crin nel cando hai algo máis dun ano dicía que para Galicia era mellor ter dous motores ca un e que Caixanova tiña solvencia abondo para camiñar soa. E votamos en contra da fusión na última Asemblea de Vigo polo que supuña de perdas de emprego; tamén porque isto, a privatización da Entidade resultante, xa se vía vir e... quen sabe se polas palabras do Sr. Gayoso (ao mellor, sen a fusión, Caixanova era hoxe coma unha das excepcións catalanas á “bancarización”).
O caso é que seguín confiando no sr. Gayoso cando dixo uns meses máis tarde (desdicindo o anterior) que o nacemento dunha Caixa única Galega e Solvente fusionada marcaba un fito na historia de Galicia. U-las súas palabras daquel día? Hoxe nin Galega, nin Solvente, nin Caixa: un Banco! Co que iso supón de procura de beneficios para os accionistas en detrimento, por exemplo, da aposta polo noso tecido ou da Obra Social e Cultural que caracterizaba as nosas Caixas. Co que iso supón de privatización do capital común de milleiros de galegos e galegas para que se lucren uns poucos apátridas (o diñeiro non coñece nin patrias nin compromisos éticos).
Defraudounos vostede, sr. Fernández Gayoso, e non só vostede, senón todos cantos o rodean nesa mesa directiva, que pretenderon perpetuarse na Caixa, agora no Banco e mañá onde sexa. Cando foron vostedes os que o fixeron mal e nos trouxeron ata aquí. Fixérono tan mal que nin co nome do novo Banco deron atinado: Ene Ce Ge Banco; impronunciable mesmo para o sr. Pego, director xeral, que tivo dificultades para nomealo no seu discurso. Cámbienllo polo menos, porque a retranca do pobo axiña o pode bautizar con algo así como N.C.G. Banco : “Non Caga Banco”. -E perdoen a desviación escatolóxica, que ademais é anecdótica, e sigamos coas cuestións fundamentais-.
Como denunciar que a creación dun Banco privado, a partir da Novacaixagalicia que acaba de nacer, vai supoñer tamén, a maiores de máis despedimentos xa anunciados e sen anunciar, a desaparición de oficinas “pouco rendibles” no rural galego, por exemplo, coa conseguinte destrución de máis emprego e a desatención á cidadanía onde é máis necesario, porque o mantemento do servizo non lle vai ser rendible aos grandes accionistas que teñen como obxectivo principal o beneficio económico propio e non o beneficio social, establecido mesmo por lei ata o de agora. Máis esquecemento aínda para o rural!
Alguén dixo tamén, mesmo que fose en voz baixa, entre os votantes do si, que este proceso de “bancarización”, como gustan de chamarlle, é obrigado, vennos imposto polo FROB e a “coxuntura”. Entón eu pregunto: Se isto ten que ser así... Que facemos aquí nesta Asemblea? Aprobar irremediablemente o que xa nos vén dado? Vir cobrar a dieta? Que pintan os gobernos do Estado e da Xunta? Disolvamos pois a Asemblea da Caixa, disolvamos os distintos gobernos e substituámolos por Xestorías Administrativas que xestionen ao ditado do Banco Central Europeo ou do Fondo Monetario Internacional. NON! Hai que REBELARSE contra iso, hai que defender o papel da Política por enriba dos ditados dos mercados e da especulación. Só que para iso hai que ter Ideoloxía e Valor e iso nestes tempos non se ve en quen tiña que telos por responsabilidade.
E xa para rematar: Que vai pasar coa Obra Social e o que esta supón de apoio aos sectores máis desfavorecidos de Galicia? Que vai pasar coa Obra Cultural non só nas capitais senón tamén nas diferentes vilas do País? Quedarán reducidas ao investimento que decidan os inversores, (do que lles sobre dos beneficios), sen garantía ningunha de permanencia e seguramente condenadas a unha continua rebaixa.
Cámbienlle vostedes unha letra e a orde silábica a esa FUNDACIÓN que van crear para xestionar a Obra Social e Cultural da Caixa e aparecerá a palabra verdadeira: DEFUNCIÓN! Ese é o fito histórico ao que asistimos hoxe nesta Asemblea: Á defunción do sistema financeiro representado polo modelo social das Caixas de Aforros. Coa complicidade e o silencio da maioría dos presentes, pero como é evidente, coa nosa protesta e o noso voto en contra, deste e, por extensión, de todos os demais puntos da orde do día.
* Esta intervención foi elaborada contando coa importante achega do compañeiro de ACE Ricardo Prieto e coas suxestións doutros membros da dirección da Alternativa.