Sobre a proposta de transporte marítimo na praia de Nerga


Diante das novas aparecidas nos medios de comunicación relativas á autorización a unha empresa de transporte marítimo para crear unha liña que traslade viaxeiros directamente a Nerga, con desmbarco na area incluído -parece ser-, a Alternativa Canguesa de Esquerdas quere facer pública a súa posición ao respecto:


Consideramos que o proxecto debe contar necesariamente -e así o esiximos- cos estudos rigorosos que sexan necesarios e que avalen a súa inocuidade e mesmo a súa viabilidade antes da posta en andamento ou non do referido transporte. Como tamén é imprescindible o diálogo previo cos sectores máis directamente implicados (veciños e veciñas de Nerga, movemento asociativo, mariñeiros a través da Confraría...). Desde ACE comprometémonos a promover ese diálogo antes de fixarmos unha posición pechada ao respecto.


Por último, manifestar que iniciativas deste tipo deberan ir, de calquera xeito, incluídas nunha proposta máis ambiciosa de potenciación dun transporte público regular axeitado para cubrir as necesidades de todo o Municipio e nomeadamente para as das parroquias do Hío e Aldán durante todo o ano, mesmo que puidese ser reforzado nos meses de verán. Proposta que lles corresponde desenvolver ás Institucións con competencias nesta materia e esixila ao propio Concello de Cangas.



Cangas, 16 de xuño de 2011