Reforzados logo do 22 de maio


Nestes comicios municipais do pasado 22 de maio, superando as peores previsións, a esquerda quedou salvagardada no concello de Cangas grazas a que a Alternativa Canguesa de Esquerdas foi quen de conserva-los tres concelleiros que tiña na corporación. Falámosvos da esquerda coherente e consecuente tanto no aspecto ideolóxico como no programático. Neste panorama político que se perfila, a nosa formación saíu claramente reforzada ante a deriva incuestionábel da esquerda teórica liderada polos grupos políticos e equipos de apoio de Clara Millán e Héctor Otero.
BNG e PSOE con máis de 1.000 e case 1000 votos menos respectivamente deberan analizar a onde leva a posta en práctica de políticas de dereita, e non fai falla que expoñámo-los exemplos que fixeron desta lexislatura unha catástrofe encetada xa nos primeiros meses de mandato pola violación sistemática do Pacto de Goberno. Un pacto integramente de esquerdas no que as respectivas bases sociais do tripartito e que conformaban unha maioría de esquerdas en Cangas tiñan postas tódalas súas esperanzas.

Por outra banda deuse unha abstención importante do voto nacionalista que ACE non foi quen de recoller tal vez debido á contra-propaganda que a nosa agrupación tivo que combater xa dende moito antes do inicio da campaña. E esta contra-propaganda non só foi e é emitida polos outros partidos senón que tamén polos medios afíns ós grandes intereses económicos. Referímonos, por exemplo, á acusación vertida en prensa dunha queima de contedores á saída dun pleno ou á inverosímil acusación da pinza ACE-PP. Pero evidentemente, todo isto fai dano, precisamente por iso se utiliza. As enquisas do Faro dábanlle 2 representantes a ACE, polo tanto este partido pode darse por satisfeito tanto polo seu traballo nos catro anos de lexislatura dentro e fóra do goberno como pola intensa campaña que realizou.

Por outra parte, destaca-la irrupción de UPAC que, amais de impedila maioría absoluta do PP coa consecución dun concelleiro, puido arrebatar algún voto á esquerda polo seu expoñente en canto novidade no actual panorama de descontento xeneralizado tanto no plano local coma no ámbito estatal. Os seus electores deberán saber que están a votar á dereita e, moi logo, un pacto de goberno co partido de Enrrique Sotelo e máis do que probábel malia que non rode a súa cabeza como, lamentabelmente, vimos de saber. Nosoutros o que non iamos nin imos facer é formar ningunha alianza onde entre calquera partido que sexa de dereitas ou que, baixo escorregadizas carautas, non faga unha auténtica política de esquerdas. Outros que fagan o que consideren oportuno. Xa o deixamos claro milleiros de veces e volvémo-lo repetir: sómo-la auténtica esquerda, debémonos á nosa base social e ó noso electorado que quere progreso, e o noso único vínculo de unión é co pobo de Cangas que ten ó seu dispor a nosa asemblea como órgano de expresión.

O descontento xeneralizado que estamos a ver estes días en todo Estado é que, como puidemos comprobar, afectou tamén aquí con ese ostensíbel incremento do voto nulo e branco. Concepción errónea ó noso entender tratándose de Cangas: os "indignados" piden o voto responsábel, a confianza para as opcións válidas de esquerda ou o voto nulo no caso en que non as haxa. O que acontece é que dentro deste macro-movemento hai tamén unha elevada dose de recolectores de votos da dereita a través do fomento da abstención ou que a través de puntos programáticos piden o voto pra opcións como as de UPyD por entendela unha novidade (como se non fose máis do mesmo). Logo está o hippismo que tanto dano fixo, fai e fará á esquerda e que confunde a mobilización cun botellón ambulante que é o que fai que se anubre a vista e faga non votar a opcións válidas alí onde as haxa e si introduci-lo nulo ou mesmo o voto en branco cando non a abstención. Nosoutros sostemos que ese xeito de proceder non ten nin vai ter valor ningún a efectos políticos. Non vai cambiar nada, coma non sexa fortalece-lo sistema e desmoralizar á xente válida, combativa que evidentemente tamén prolifera nese movemento. Xente que puido axudar a levantar IU na metrópole ou a opcións máis de esquerda. Xa non digo a Bildu porque os bascos son caso a parte, eles hai décadas que saben o que queren e a indignación xa vén dende o franquismo e non se conformaron tampouco nunca co novo sistema. Foron os que levaron máis concelleiros no seu pais, arrasaron facéndose practicamente cunha capital (Donosti) e convertéronse na segunda forza política a moi pouco do PNV e bastante por riba dos partidos constitucionalistas.
Os nosos parabéns tamén han de ir para a Alternativa dos Veciños en Oleiros. Encarecidamente saudámo-la nova maré progresista que levou máis unha vez a Anxo García Seoane á alcaldía e a que esa proposta acadase a abraiante cifra de once concelleiros.Porque non o merezan non foi.