Primeiro pleno da nova corporación

O pasado sábado 11 de xuño tivo lugar o primeiro pleno para os representantes eleitos o 22 de maio. Como era sabido, PP e UPAC escenificaron a reunificación da dereita cangueira, coa problemática deriva que o populismo ultradereitista de UPAC lle pode marcar a xa de por si perigosa política do PP. Porén, hai que engadir que o novo alcalde prometeu diálogo a todos os niveis e incluso a procura dun consenso no conflito de Massó, diante dun salón de plenos ateigado de xente e con abondosa presenza de mariñeiros e veciñanza reivindicando un Massó público. Veremos se as palabras se transforman en feitos ou marchan co vento.

Diante do coñecido pacto da dereita, a asemblea da ACE decidira que @s concelleir@s votasen polo candidato do partido e así o fixeron eles, que antes tomaran posesión da súa acta de concelleir@, acatando por imperativo legal á Constitución e comprometéndose publicamente na defensa dos intereses da veciñanza de Cangas, para alén de manifestaren o compromiso co proletariado galego e coa loita pola independencia nacional.

A anécdota da xornada protagonizárona simpatizantes do PP que increparon os membros do movemento 15-m que tamén acudiron ao salón de plenos a amosar a súa disconformidade co sistema político actual. A actuación dos populares foi respostada con apupos da maioría da xente que estaba no salón e os acampados puideron facer a súa protesta pacificamente para despois abandonar o lugar.


Comezado o curso politico, as distintas comisións formadas na Alternativa Canguesa de Esquerdas comezan xa o seu traballo e irán dando conta nas asembleas do mesmo, para, unha vez aprobado, ser desenvolvido despois polo grupo municipal. Se queres participar activamente da alternativa, ven as asembleas que periodicamente se irán convocando na axenda desta páxina.