O partido mételle man ó monte

Moi logo a Alternativa procederá a tomar medidas contra as verteduras ilegais de lixo e cascallo nos nosos montes. Dunha maneira rotunda este pobo e o noso concello ten que pór freo ó terrorismo ambiental. O noso concello conta con puntos especialmente críticos e o peor é que estes focos de contaminación van en aumento.

O noso partido non pensa escatimar en esforzos á hora de denunciar estes feitos tanto pola vía penal como mediante procedementos no eido institucional do municipio. Se é preciso tamén recorreremos á mobilización veciñal onde esperamos contar con todo o apoio comuneiro.
Para atalla-lo grave problema que afecta a tódalas parroquias tamén entendemos que é mester atoparlle unha solución práctica e real alén de facer desaparecer estes "puntos negros" do noso ecosistema natural. En colaboración coas xuntas de montes, estamos a traballar en propostas que ofrezan unha saída a esta deteriorada situación. A ubicación dun punto limpo para que as grandes e pequenas empresas da construción depositen estes refugallos contaminantes, aínda que sexa como lugar de almacenaxe temporal para despois levar estes residuos a unha área de tratamento, faise máis que indispensábel.

Se queredes colaborar ou contar co noso servizo para determos esta traxedia ecolóxica non dubidedes en mandarnos fotos dos "puntos negros" que consideredes merecentes de actuación ou simplemente contactade connosco. Temos recompilado xa un gran número de documentos en soporte fotográfico que está á espera tamén de ser ampliado coa vosa colaboración.

Xuntos pararemos esta desfeita. Nosoutros para iso estamos.